1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

110615 polyGaliza - GCiência - [Eduardo Rolland] En 1970, o petroleiro incendiouse e verteu na ría de Vigo 18.000 Tm de petróleo na primeira gran traxedia ecolóxica de Galiza.


A memoria común fala ás veces do afundimento do Polycommander, o petroleiro noruegués que provocou a primeira gran marea negra en Galiza, da que agora se cumpren 45 anos. Pero a realidade é que non afundiu. De feito, volveu navegar, baixo outro nome. Fagamos polo tanto repaso dalgúns mitos e lendas sobre a catástrofe desatada o 5 maio de 1970. Na que se verteron 18.000 toneladas de petróleo 'Light Arabian' na ría de Vigo e se viviu un dramático incendio que desbordou ós servizos de rescate.

É lugar común que o "Polycommander", en plena viaxe entre Sidón (Líbano) e Donges (Francia), se accidentou ao entrar na ría de Vigo. En realidade, embarrancou nas Cíes cando xa abandonaba a ría viguesa, despois de facer unha escala de urxencia para desembarcar a unha doente, a camareira Karin Alstad, que foi ingresada nunha clínica da cidade.

O accidente produciuse ás 4.20 horas na illa de Monteagudo, na boca norte das Cíes. Sobre as causas, mantéñense aínda hoxe acendidas disputas. Son moitas as testemuñas que afirman que o capitán do petroleiro estaba completamente borracho. De feito, asegúrase que non estaba na ponte de mando, xa que era incapaz de saír do seu camarote. Pero outras fontes apuntan a un erro do temoneiro, que atrasou un cambio de rumbo, sen prever a inercia do buque cargado de combustible.

O capitán da Mariña Mercante Tomás González, autor dunha monografía sobre o accidente, apunta ao práctico do porto: "Aínda que o capitán é o responsable en todo momento da seguridade do seu buque, aínda con práctico a bordo, este é un perfecto coñecedor da ría e dos seus perigos, polo que tamén ten parte de responsabilidade". E sospeita que puido haber problemas de comunicación: "Descartado un fallo de máquinas, que non aconteceu, ou un inaceptable despiste do práctico e do capitán, a causa máis probable puido estar nas dificultades do idioma entre o capitán e o práctico, polo que na ponte de mando non se entenderon as súas indicacións".

O certo é que o "Polycommander" toca fondo e se rompen os tanques 5 e 6, vertendo á ría 18.000 toneladas de crude "LightArabian", un terzo das 49.414 toneladas que transportaba.

O petroleiro incendiouse, houbo explosións e a ría amenceu cunha densa nube de fume negro. É común tamén a lenda de que, naquel inferno, houbo mortes. Pero non é certo. Os 39 tripulantes que viaxaban a bordo do "Polycommander" foron rescatados. Tampouco houbo mortos entre os participantes no rescate e extinción do incendio, pero si feridos. Mariñeiros dun remolcador sufriron queimaduras durante os traballos.

A meirande parte do crude puido ser rescatado e transvasarse ao petroleiro "Albuera", así como ao "Campaláns", "Campollano" e "Camponalón".

Dous meses e medio estivo o "Polycommander" embarrancado nas Cíes, ata que foi desencallado, o 20 de xullo de 1970. Foi adquirido entón por armadores gregos, que pagaron 28 millóns de dólares polo barco chamuscado. Non obstante, non abandonaría a ría ata moito máis tarde. Porque foi fondeado fronte a Barra para unhas primeiras reparacións ata que, en outubro, zarpou co remolcador "Nisos Delos" rumbo ao Pireo, nunha accidentada singradura que o obrigou a pedir axuda en Xibraltar.

O "Polycommander" foi reconstruído e volveu navegar, baixo o nome de "Yanxilas", prestando servizo ata 1985 en que foi a despezamento.

O petroleiro noruegués provocou a primeira gran marea negra de Galicia. Pero non foi a primeira vez na que se verteu petróleo na costa galega. Na ría de Vigo, por exemplo, xa antes sufriran accidentes e derramado cru fronte ás Cíes o "Janina" (1957) e o "Yanxilas" (1965). Este último curiosamente tiña o mesmo nome que máis tarde adoptaría o "Polycommander".

O de Vigo non foi o primeiro accidente do buque noruegués. Porque meses antes, o 7 de febreiro de 1969, xa derramara 200 toneladas de petróleo en Aruba, na Antillas, noutro sinistro.

O Goberno franquista negou a marea negra, que chegou a saír no 'New Yorker'

O que é seguro é que o accidente tivo repercusión mundial. En 2010, os Estados Unidos desclasificaron documentos nos que o seu Departamento de Estado pedía a Madrid información sobre as consecuencias ambientais do sinistro. Malia as presións do lobby petroleiro, Washington temía -con razón- que os súperpetroleiros puidesen provocar grandes catástrofes. Así ocurriría durante as seguintes décadas. O sinistro chegou a ser portada da revista "New Yorker" en maio de 1973, nunha reportaxe sobre os perigos do transporte masivo de petróleo en barcos.

En España, aínda baixo a ditadura, as autoridades negaron a marea negra. No mesmo verán de 1970, co "Polycommander" aínda á vista, abundan as reportaxes nos diarios sobre o magnífico estado das praias. E as declaracións de políticos na mesma liña. Tampouco se difundiu nunca o efecto dos dispersantes que chegaron dende Reino Unido e que foron fumigados sobre a ría. Ata 1972, incluían produtos aromáticos hoxe prohibidos que son catastróficos para a vida mariña. E altamente nocivos para ser humano, podendo provocar a morte.

Pero disto sabían pouco os nenos que, nos anos 70, xogaban na praia de Samil e escoitaban as súas nais advertirlles: "Non xogues na beira do mar, que che vas manchar de pichi! ". 45 anos despois do accidente, aquel "pichi" pasou a chamarse, tras a traxedia do 'Prestige' o 'chapapote'. As 18.000 toneladas de "Arabian Light" que foron vertidas na ría de Vigo seguen aí, nas praias, nas rochas ou no fondo do mar. Onde non, nunca houbo un pecio do "Polycommander".


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.