Foto de Vladimir Terán Altamirano (CC by/2.0/) - Um 'corajoso' toureiro.
Primeiramente queren parabenizar a todas as formacións políticas que acadaron representación na cámara municipal. Con esta nova configuración, por primeira vez na historia de Pontevedra o Concello contará con maioría abolicionista -14 concelleiras/os do BNG e Marea Pontevedra fronte a 11 do PP, PSOE e Ciudadanos- o que supón unha mudanza importante na correlación de forzas existente ate hoxe. Tamén os concelleiros e concelleiras que se posicionan polo fin dos circos con animais son maioría -17 do BNG, Marea Pontevedra e PSOE fronte a 8 do PP e Ciudadanos- perante os que non teñen posición ou están pola súa celebración.
Perante esta nova situación dada no Concello de Pontevedra, de Touradas fora de Pontevedra confian en que a nova corporación municipal continúe camiñando cara posicións abolicionistas e se poida contar nesta lexislatura co fin do convenio e dos circos con animais así como a declaración simbólica de “cidade antitouradas e amiga dos animais”.
Hai que celebrar tamén que as posturas prol tortura do Partido Popular de Jacobo Moreira foran castigadas pola cidadanía pontevedresa co retroceso de 11 a 7 edís o que ven a significar a pouca ou nula influencia coa que conta este posicionamento na cidade.
Esperanzador é o fin do mandato do Partido Popular de Louzán na Deputación de Pontevedra, principal financiador das touradas en Pontevedra e sostén das mesmas durante décadas.
Contando co compromiso do Bloque Nacionalista Galego e do PSOE de rematar coas subvencións públicas ás touradas, da plataforma agardan que este sexa o principio do fin dunhas axudas que mantiveron en pé non so ao empresariado da praza senón ás actividades da Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra.
Por último queren ofrecer a súa colaboración para avanzar nestes asuntos expostos e sumar a Pontevedra na onda de concienciación animalista que se está a dar noutros lugares da xeografía galega. Por iso, desde xa, inician a toma de contacto coas formacións políticas que apostaron polo cambio e seguir camiñando cara unha sociedade máis xusta e respectuosa.