Advirte a José Muiño que non van consentir que a través do planeamento se actúe en contra dos intereses xerais dos veciños para favorecer a unha empresa mineira canadense, xa que coa cualificación urbanística que se contempla no documento de aprobación inicial, está facilitándolle a obtención de solo para levar adiante un proxecto mineiro que conta coa oposición total dos propietarios dos montes afectados e da maioría da poboación da Comarca de Bergantiños.
Con esta manobra, o alcalde de Cabana deixa ás claras unha vez máis que está ao servizo da empresa mineira e que actúa con evidente mala fe contra os intereses dos veciños, a pesar de ser consciente de que o proxecto mineiro non ten ningunha posibilidade de prosperar no futuro. Para a Plataforma, o feito de que no documento de revisión do PXOM se contemple un proxecto que foi rexeitado pola Xunta de Galicia, que conta cunha gran oposición social na Comarca e en Galiza, non pode ter outra lectura máis ca de que non comprende a realidade que o rodea ou simplemente pretende burlarse da cidadanía e dos seus votantes.
Por último advirten de que velarán polo cumprimento da legalidade na tramitación do PXOM e da axeitada aplicación da normativa urbanística no novo documento. Para a plataforma resulta manifestamente ilegal a cualificación "de sistema xeral" prevista no novo documento para o monte de Corcoesto, cando esta cualificación, segundo o artigo 165 da Lei de Ordenación Urbanística de Galiza, está reservada para "terreos dotacionais públicos que están deseñados ou previstos para o servizo da totalidade do municipio e, en especial, para implanta-las infraestruturas básicas do modelo de cidade".
Resulta evidente que unha mina non cumpre cos obxectivos do solo que merece este tipo de cualificación, polo que se está retorcendo a normativa para favorecer a unha empresa mineira canadiana.