Este proceder autoritario e escurantista do Alcalde non é de agora.Hai un ano denegounos por 2 veces o local de Corcoesto e só cando se deu conta que ía contra del accedeu a deixalo. Ou cando mandou á súa Guarda Pretoriana polas casas para identificar os autores dun panfleto. Despois ocorreu o da nave da empresa, realmente surrealista o seu comportamento "botoulle a culpa ao goberno de hai 12 anos" nos que el estivo mirando para outro lado en vez de coidar polo cumprimento da legalidade vixente e voltou a autorizar o seu uso, despois tivo que retiralo por mor dunha denuncia nosa. A da contaminación das fontes é de xulgado de garda, ocultar aos veciños e veciñas a contaminación de certos mananciais publicando só un bando o 31 de Maio nun bar de Corcoesto.
Actuar como xefe de recursos humanos "in pectore" de Edgewater recollendo curriculums, acudir a ceas coa dirección da empresa das que se gaba o propio director excutivo de Edgewater ... Se tiñamos algunha dúbida da súa total submisión aos ditados de Edgewater despois desta negativa a que os veciños teñan información para que poidan contrastala coa que difunde el e a empresa e se lle sumamos: as declaracións ao programa Reporteiros da TVG na que esquece intencionadamente, porque ben que coñece a Resolución do Parlamento Europeo contra a minaría basea no cianuro, a carta ao parlamento europeo no que obvia calesquera argumento científico poñéndose incondicionalmente do lado da empresa mineira. Só podemos pensar que o Alcalde non é máis que un fiel colaborador de Edgewater e que actúa aos ditados da mesma. Considera tamén que as instalacións municipais son unha propiedade privada do mesmo esquecendo que por riba de todo ten que defender os intereses dos seus veciños e veciñas e que as dotacións municipais non son do seu patrimonio. En definitiva actúa como o que algúns nos séculos XIX e XX denominaron como "cipaios" do poder colonial.