1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

8496284476 49ccaea3d4 zGaliza - Diário Liberdade - Stop Despejos Compostela classificou de "calote" recentemente o sistema de emergência social do município compostelano de Ames, em relação a casos concretos em que a efetividade do dito sistema demonstrou ser menos do que escassa. Agora, a plataforma apresenta uma proposta urgente de modificação da normativa municipal nesse ponto.


Foto de Galiza Contrainfo (CC by-nc-sa/2.0) - Manifestaçom contra os despejos na Corunha, em 2013.

A proposta de modificação desta Ordenança Municipal apoia-se tanto na experiência de luta do colectivo contra os repetidos abusos das diferentes administrações como na necessidade de garantir nos diferentes territórios do país soluções específicas para evitar a miséria da vizinhança.

Para Stop Despejos Compostela dão-se notáveis ausências de situações de desemparo não previstas. Deveria, ainda, a Administração facilitar o processo de solicitude das ajudas, dimensão não contemplada na normativa vigorante. Algumas das incompatibilidades são classificadas, ainda, de "absurdo" pela plataforma compostelana.

Reproduzimos a seguir o texto íntegro na sua ortografia original:

"PROPOSTA DE URXENTE MODIFICACIÓN DA ORDENANZA DE EMERXENCIA SOCIAL DO CONCELLO DE AMES DO 30 DE MAIO DO 2013.

INTRODUCIÓN. 

            O actual texto parte da necesidade urxente de adaptar o sistema municipal de protección social (ou de emerxencia social) do Concello de Ames á actual situación de crise que está a disparar á zona de risco de exclusión a un amplo abano da poboación do Concello que hoxe se ve apartada do escasísimo e insuficiente sistema de axudas do propio municipio, xaora polo rigor da normativa, xaora pola insuficienca do sistema de protección do que se ve provisto.

            Ao ver do noso colectivo, á luz da situación xerada por demandas concretas nas que o Concello de Ames se ampara nunha normativa municipal antes ao servizo da propaganda política do goberno de turno do que a unha efectiva intervención social en aras de eliminar zonas de exclusión, este municipio está a destacar polo abandono dos seus habitantes, e por unha política de gasto que non ten nada que ver co benestar dos seus veciños e veciñas e moito menos co establecementos de medidas efectivas para soliviantar situacións de miseria acusada nese territorio.

            Máís aínda, e alén da normativa referida, a Cooporación Municipal estase a converter nun dos principal axente de maltrato, e a desvelarse como absolutamente insensíbel ás demandas da poboación, optando por escuras estratexias como a revelación de datos privados, a falsificación do contido das xuntanzas sostidas con esta parte ou a reiteración na súa estratexia de expulsión do municipio dunhas afectadas utilizando a axuda para o pagamento da fianza coma un billete low-cost ao veciño municipio.

            As proposición realizadas no seguinte texto parten dun estudo comparado do sistema de protección social existente en diversos concellos da Galiza, e parten das diferentes ordenanzas establecidas no marco galego, contexto no que o municipio amiense se caracteriza pola súa nefasta política social.

            A proposta de modificación desta Ordenanza Municipal ampárase tanto na experiencia de loita do colectivo contra os repetidos abusos das diferentes administracións como na necesidade de garantir nos diferentes territorios do país solucións concretas para evitar a miseria da veciñanza, alén de que somos conscientes das dramáticas implicacións para os veciños e veciñas do recurso aos sistemas de emerxencia social, pola grotesca extimagtización á que conduce o recurso a estes.

            Temos claro, finalmente, que claquera solución ao problema da miseria e das lamenables violancións de dereitos sociais que se están a producir non partirá de administración algunha, senón pola unidade consciente das veciñas e veciños en loita polos seus dereitos e a súa dignidade e na rúa, o que non nos impide dirixirnos aos diferentes gobernos, neste caso ao Goberno Municipal de Ames para esixir que cumpran de maneira inmediata a súa responsabilidade de Administración Pública, e opten dunha vez por todas por primar o benestar xeral ao benestar duns e dunhas poucas.       

MODIFICACIÓNS URXENTES NO TEXTO DA ORDENANZA

OBXECTO E FINALIDADE DAS AXUDAS.

            No relato que se fai na Ordenanza amiense das diferentes situación que causarían o dereito ás diferentes axudas, chamadas nela de "situacións de emerxencia", dáse a notable ausencia de situacións de desemparo non previstas e que ao noso ver deberan estalo expresamente.

Demandamos a inclusión nas situacións de emerxencia de maneira expresa das seguintes:

1)    Os desafiuzamentos, xaora por execución hipotecaria, xaora por impago de rendas de alugueiro.

2)    Accidentes de calquera tipo que afecten gravemente á economía familiar e impliquen a realización de gastos de carácter extraordinario e urxente (non contemplados no concepto de catástrofe que si recolle a Ordenanza vixente).

3)    Situacións sobrevidas por causa do padecemento dalgunha enfermidade grave que implique traslados, tratamentos, axudas técnicas ou calquera outra necesidade que requira gastos adicionais ao sistema público de saúde.

EN CANTO AOS REQUISITOS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS.

            A contía económica de referencia é no sistema de axudas un dos referentes máis importantes, xa que marca o teito de opcións a percibir axudas por parte das unidades de convivencia.

O sistema de cobertura amiense borda o ridículo na previsión do seu artigo 4,h), onde se establece que a unidade de convivencia non poderá ter uns ingresos anuais superiores ao 75% do IPREM, incrementado no 10% por cada membro adicional desta.

Sendo o IPREM para o 2014 de 532,51€, estamos falando das catidades de referencia mensuais de 399,38€, ou 439,32€ para familiar de dous membros, etcétera. Igualmente, aínda que se calculase sobre o IPREM en 14 pagas prorrateadas seguiría habendo un amplo sector da poboación excluída das axudas, e disparada á exclusión social.

Demandamos a cobertura das axudas a todas aquelas unidades familiares con ingresos anuais inferiores ao 100% do Salario Mínimo Interprofesional, incrementado nun 10% por cada membro adicional da Unidade de convivencia, sendo o incremento do 20% no caso de estar presentes menores, maiores dependentes ou persoas con diversidade funcional na unidade de convivencia (artigo 4,g))

            En canto ao requisito do do 4,g) ser "propietarios ou usufructuarios de bens inmobles ou vehiculos ou outros bens que, polas súas características, valoración, posibilidades de venda ou calquera outra forma de explotación, etcétera..." serve para evadir a responsabilidade inmediata de concesión das axudas en base a futuribles sen concretar e impoñen un forte criterio de discrecionalidade a evitar nestas situacións.

Demandamos a adopción dun sistema de determinación dos recursos económicos baseados nas "rendas que efectivamente se perciban" no caso de dereitos persoais ou reais sobre bens móbeis ou inmóbeis, e o establecemento da cláusula seguinte:

            "No caso dos rendementos de traballo deduciranse dos ingresos brutos da unidade familiar o importe das cotizacións satisfeitas á seguridade social, as cantidades aboadas por dereitos pasivos e mutualidades de carácter obrigatorio".

            Celebramos o amplo sistema de cobertura, mais no caso das persoas estranxeiras, exceptuadas do requisito de empadroamento mínimo de seis meses ininterrompidos no municipio,

Demandamos a inclusión da cláusula: "alén da súa situación administrativa concreta". (artigo 4,b,C).

DOCUMENTACIÓN 

            Entendemos que a solicitude dunha axuda non pode ser unha carga extrema para os/as solicitantes, debendo a Administración facilitar este traballo, xa que recabar toda esta documentación, amais de supoñer un gasto extraordinario é unha carga emocional (dimensión non contemplada na Ordenanza),

Demandamos como mínimo a previsión expresa na Ordenanza de que aquela documentación xa entregada e incluía no expediente administrativo dunha axuda deberá terse por entregada na incoación dun novo expediente, sempre e cando tiver vixencia. Así mesmo a inclusión da posibilidade de apoderamento, sempre voluntario e gratuíto para o /a solicitante, para que naqueles casos en que por imposibilidade real, persoa ou física sexan os propios Servizos Sociais quen recaben a documentación (artigo 6).

RECOÑECEMENTO E CONCESIÓN DA AXUDA.

            Dada a situación e ao material sensíbel co que trata esta Ordenanza, deben ser previstos uns prazos estrictos de Resolución para os diferentes expedientes de concesión de axudas, evitando a posibilidade de demora indefinida na súa resolución,

Demandamos o establecemento dun sistema de prazos de Resolución, necesariamente brevísimos, prevendo se o Municipio quixer unha dobre escada dependendo da urxencia da situación, sendo o máis breve deles nunca superior ás 72 horas, e a expresa previsión do silencio administrativo positivo no caso de a Administración non resolver neses prazos. Tamén así, un prazo único de 72 horas entre a resolución dos expedientes ordinarios ou urxentes e o efectivo abona das axudas (artigos 7 e 8).

TIPOLOXÍA E TEMPORALIDADE DAS AXUDAS.

            Esta é o verdadeira talón de Aquiles do sistema amiense de axudas, o que o converte nunha previsión de carácter propagandístico e non de efectiva intervención social. Tendo en conta que non só esta, senón todas as Ordenanzas de Emerxencia Social, preven expresamente a incompatibilidade das axudas municipais coas axudas doutras Administracións e polo tanto permite presumir unha actividade dos Servizos Sociais dirixida á procura de axudas doutras Administracións de ámbito territorial superior para repartir o gasto nesta capítulo, carece de todo sentido establecer un límite temporal estricto ás axudas, se non é coa irresponsábel óptica de deixar ao descuberto á veciñanza e disparala novamente á miseria.

Demandamos a inmediata supresión dos límites temporais ás axudas e a protección obrigatoria das situacións de emerxencia entre tanto non se xenere o aboamento efectivo (non só o recoñecemento do dereito) doutro tipo de axudas por calquera outra Administración ou non se xere unha nova situación económica que poña fóra de situación de emerxencia ás e aos solicitantes (artigo 9 no completo).

            En coherencia co teito proposto nos Requisitos para acceder o sistema de axudas, máis aínda cando o teito total previsto de axudas non está ponderado segundo o número de membros da unidade de convivencia, ou as situacións de menores ao cargo ou maiores dependentes, ou membros con diversidade funcional,

Demandamos a substitución da cantidade fixada no artigo 9,3 pola seguinte: "igual ou superior á metade do Salario Mínimo Interprofesional Anual".

INCOMPATIBILIDADE

            Ao ver deste colectivo resulta absurdo incompatibilizar, tal e como prevee a Ordenanza actual, a axuda de alugueiro coa de alimentos, por exemplo, ou a de fianza coa de algueiro, situando a unha solicitante na situación de ter que escoller entre manter o seu teito e poder acceder á bolsa de alimentos.

Demandamos a supresión dos artigo 11,3 e 11,4, de incompatabilidades.

NOVAS AXUDAS NON PREVISTAS 

Demandamos a inclusión dunha nova axuda á escolarización (en toda a dimensión deste fenómeno), e o establecemento da posibilidade de redución a cero dos prezos públicos nos servizos municipais.

PUBLICIDADE DA ORDENANZA.

            Pola obvia falta de información existente no municipio sobre o sistema de axudas, e debido á cada vez maior número de veciñas e veciños en situación de risco de exclusión, e como resposta á necesidade dunha información veraz e suficiente por parte das Administracións Públicas,

Demandamos a inclusión dun novo artigo conforme ao seguinte:

"Anualmente o Concello publicará unha folla informativa divulgativa do sistema de axudas contido nesta ordenanza, dunha maneira comprensible, que será remitida a todos os domicilios do Concello e co contido mínimo seguinte:

a) Persoas beneficiarias e requisitos.

b) Forma de solicitude, lugar de presentación e prazos

c) Documentación que debe acompañar a solicitude.

d) Tipoloxía das axudas e importes."


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.