Foto: Nesta mesma semana houvo concentraçons em Bertamirans, Ames.
Ao tempo que ás portas do Concello de Ames se mantiña unha mobilización de dúcias de persoas para denunciar a crítica situación da afectada C.M.G.D, unha representación de Stop Desafiuzamentos mantivo unha xuntanza cunha representación do Goberno Municipal encabezada polo Alcalde na que este non achegou ningunha solución á situación da veciña, máis alá de insistiren na interesada estratexia do Goberno Municipal de abonarlle a mísera cuantía de 250€ en concepto de fianza e provocar así a expulsión desta veciña do Concello e a derivación do expediente de emerxencia social a Compostela.
A afectada, cun menor ao cargo e un único ingreso de 400€ dende o pasado mes de febreiro, nunha grave situación de emerxencia social leva tempo nas mans dos Servizos Sociais amienses na procura dunha solución que non dá chegado. O nulo compromiso do Goberno Municipal en achegar medidas concrétase a día de hoxe no ofrecemento e concesión dunha axuda única que pode rondar os 250€ coa que intentar incentivar e provocar a mudanza desta veciña a Compostela, opción que ela leva tempo explorando ante a situación de miseria e nulas achegas económicas do Concello.
Mais esta situación non é illada: segundo a versión dos propios responsábeis políticos, o sistema de axudas municipal limítase na Ordenanza a tres. Unha axuda de alugueiro cunha duración de tres meses e unha axuda de alimentos e subministros durante seis, sen posibilidade de prórroga, que configuran un sistema de auxilio social que resulta unha auténtica estafa á opinión pública, establecido co único fin de encubrir a súa incompetencia, e que só permite adiar durante tres meses a situación de extrema pobreza das afectadas, tras os que se verán outra volta sen ningún recurso nin axuda municipal. Este é un problema estrutual do municipio que Stop Desafiuzamentos denunciará no seu momento.
De maneira pouco sorpresiva na práctica de xestión do Goberno do Partido Popular de Ames, á saída do encontro desta mañá, o Goberno Municipal publicou na súa web unha nova absolutamente descontextualizada, e que non recolle o contido da xuntanza mantida. Nunha situación de extrema emerxencia semellan ter algo que celebrar, e non celebran outra cousa que a expulsión da veciña do Concello amiense. Unha actitude cínica dun goberno que non está a por enriba da mesa ningun compromiso para axudar a esta nai e ao seu fillo menor a superar a súa situación de falta absoluta de ingresos. E por suposto que tampouco, para auxiliar a esta familia diante dun inminente desafiuzamento por impago de rendas: nin alternativas habitacionais, nin económicas, tan só a súa absoluta e lamentable alegría por estar conseguindo botar do municipio a esta familia, despois de terlle cortado esta semana o subministro de auga.
Stop Desafiuzamentos fai pública a súa valoración sobre o cinismo e o amarelismo co que o goberno está a tratar a situación desta afectada, e anuncia que desenvolverá todas as medidas mobilizadoras que sexan necesarias, até que C.M.G.D teña unha solución inmediata enriba da mesa e se modifique de maneira inmediata o indigno sistema de axudas municipais que ten como único obxectivo mercadear coa pobreza e procurar a fotografía oficial á conta da miseria da veciñanza.