O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) ratificou a sentenza do Xulgado do Social número 3 de Vigo que condena o hospital Povisa a repoñer as xornadas laborais de tres quendas (mañá, tarde e noite), segundo confirmaron representantes do comité de empresa. Ao mesmo tempo, anunciaron que seguirán coas mobilizacións para reclamar a negociación do convenio colectivo antes de que decaia no mes de xullo e as condicións laborais e salariais empeoren "entre un 30% e un 40%" coa aplicación do convenio provincial.
O fallo do TSXG chega despois do recurso da compañía contra a decisión xudicial adoptada a raíz dunha denuncia da CIG e de CCOO. As dúas centrais decidiron presentar a demanda despois de que a dirección do centro médico modificase unilateralmente sen consultar co comité o réxime de xornadas de traballo, establecendo até seis quendas: de 21.30 a 7.30, de 22.30 a 8.30, de 7.30 a 13.30, de 10.00 a 16.00, de 10.00 a 17.00 e de 17.00 a 23.00 horas.
Agora a decisión xudicial obriga a Povisa a recuperar as divisións horarias de 8.00, 15.00 e 23.00 horas, en períodos semanais de seis días de traballo. Tal e como explicou a voceira do comité, María Xesús Neira, da CIG, a empresa segue sen cumprir as sentenza, polo que o avogado da central nacionalista "remitiulles unha carta para que acaten o fallo xudicial e recuperen as quendas de mañá, tarde e noite".
A representante sindical, que compareceu en rolda de prensa xunto o resto de membros do comité, indicou que outra sentenza tamén lles recoñece o dereito a recibir os atrasos salariais dende 2010. Ao mesmo tempo, anunciou que o xuízo pola redución de xornada imposta pola empresa se celebrará o vindeiro 25 de abril.
Mobilizacións polo convenio colectivo
Por outra banda, os representantes sindicais indicaron que continuarán coas mobilizacións para reclamar a negociación do convenio colectivo, conversas que se manteñen en suspenso dende o 31 de xaneiro despois de que a empresa decidise levantarse da mesa se non se retiraba un cartaz reivindicativo da sala do comité, lugar onde se desenvolvían as xuntanzas. Así, para este venres teñen convocada unha "procesión reivindicativa" que partirá do hospital ás 19.00 horas, chegará até Praza América e rematará de novo en Povisa tras percorrer a Gran Vía.
De igual xeito, reclamaron a mediación da Inspección de Traballo ao entender que existe "mala fe" por parte da dirección, "que se nega a partir a negociación do anteproxecto do convenio que temos aprobado en asemblea". Segundo denuncian, Povisa pretende que o convenio de empresa decaia no mes de xullo e pase a aplicarse o provincial, "que empeora as condicións laborais e salariais entre 30-40%". Neste senso, lembran que os empregados/as do centro médico xa perderon un 12,5% do seu salario a causa da redución de xornada imposta pola empresa.
Incumpre o acordo co Sergas
Dende o comité lembran tamén que o centro médico vigués pertence á Rede Sanitaria Pública en virtude do convenio subscrito co Sergas, "acordo que incumpre ao ter xornada reducida, situación que non se dá en ningún outro centro". Segundo explican, na sentenza que obriga a repoñer o réxime de quendas antigo, a xuíza "demanda ás Consellerías de Traballo e Sanidade e á Inspección de Traballo que comprobe se se cumpre ou non este acordo".
Ademais, critican que coa redución de xornada estableceuse o que os responsábeis do centro médico denominan "tempos mortos", que non é outra cousa que franxas horarias nas que se reduce considerablemente o persoal coa escusa de que neses períodos decae a actividade no centro: de 8.00 a 9.00 horas, de 14.00 a 16 horas e de 21.00 a 22.00 horas. "En concreto, reducen celadores/as e auxiliares nas plantas e no bloque cirúrxico e enfermeiras/os nos quirófanos".