1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

odscoiacristodaviGaliza - ODS-Coia - A Oficina de Dereitos Sociais-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e GAS (Grupo de Axitación Social) organizamos onte 6 de maio un acto de rúa ás portas das dependencias dos servizos sociais municipais en Coia (rúa Quintela, 31, á altura da Avenida Castelao, 25), co obxectivo de denunciar o crecente empobrecemento que sufrimos inxustamente unha gran parte da cidadanía e esixir ás institucións públicas, neste caso Concello e Xunta, que cumpran coa súa obriga de garantir o dereito de todas as persoas a unha vida digna.


O acto se desenvolveu entre as 10:00 e as 13:00 horas cunha mesa informativa sobre a campaña "Vivir con dignidade é un dereito", coa que pretendemos denunciar a dramática realidade que están a padecer moitas familias no noso barrio e en toda a cidade a través da presentación masiva dun escrito exercendo o dereito de petición perante a Xunta e o Concello; escrito onde o asinante expón as súas circunstancias económicas e sociais e solicita unha Renda Básica que permita satisfacer con dignidade as súas necesidades básicas.

Durante toda a mañá decenas de persoas se achegaron a interesarse pola iniciativa e a asinar estas follas de denuncia social, cuxo conteúdo se reproduce a continuación:

"Vivir dignamente é un dereito!

Asina a folla de denuncia social para esixir ao Concello e á Xunta que cumpran coa súa obriga de garantir este dereito

A Oficina de Dereitos Sociais-Coia e a Parroquia Cristo da Victoria lanzamos unha iniciativa que ten coma obxectivo denunciar o crecente
empobrecemento que están a padecer un gran número de persoas no noso barrio e en toda a cidade, así como esixir ás administracións públicas que cumpran coa súa obriga de garantir que todas vivamos con dignidade sen que sexan vulnerados os nosos dereitos fundamentais.
O instrumento ideado para levar a cabo esta denuncia é a presentación masiva dun escrito exercendo o dereito de petición perante as administracións públicas con competencia en materia de servizos sociais (Xunta e Concello); escrito onde o asinante expón as súas circunstancias económicas e sociais e solicita unha Renda Básica que permita satisfacer con dignidade as súas necesidades básicas. Nestes momentos nos que a brutal dinámica que impón o sistema capitalista dominante, preocupado por salvagardar intereses mercantilistas e financeiros, fai que, quizáis máis que nunca, a riqueza de todas se acumule en mans dunha minoría mentres a maioría carece do indispensable para vivir dignamente, é de xustiza esixir ás institucións públicas que se fagan responsables do benestar da cidadanía e que garantan, con políticas activas de integración e asistencia, e co reparto equitativo dos recursos, que todas as persoas vivan en condicións de igualdade e dignidade. Por todo isto esiximos unha Renda Básica que permita cubrir as necesidades básicas, cunha contía non inferior ao limiar da pobreza
(863€/mes) e que ademais de percibirse de xeito individual sexa universal e incondicional.

O modelo de escrito podedes recollelo e entregalo cuberto na ODS-Coia (Parroquia Cristo da Victoria, r/ Baiona 9, baixo; luns de 17 a 19 horas), tamén o podedes descargar na nosa web. A ODS-Coia será a encargada da entrega conxunta de todas as solicitudes, aproveitando tanto o momento da entrega como o da expiración do prazo que ten a administración para respostar (tres meses) para denunciar publicamente a situación de empobrecemento e de abandono por parte das institucións que está a sufrir gran parte da cidadanía.

ESÍXELLES O QUE XA DEBERÍA SER UN DEREITO, RENDA BÁSICA PARA TODAS!

Coia, abril 2013

ODS-Coia

Instrucións para encher as ALEGACIÓNS DE FEITO

Antes de enchelo pensa como podes explicar a túa situación de xeito claro e sinxelo e de forma que te atopes cómodo/a ao contalo. Propoñemos que sigas este esquema:

- Presenta a túa situación familiar: canto sodes na casa, idade...

- Ingresos da unidade familiar: de traballar apunta canto ganas, de estares no paro sinala as axudas sociais que cobras e a contía das mesmas (RISGA, RAI, PNC) e se non tes ingresos fala das axudas que solicitaches e a resposta que che deron: agardar, non te corresponden....

- Vivenda: onde e como vives, é dicir, vives de aluguer, en propiedade, con algún familiar. Anota tamén os gastos por subministros: luz, auga, gas, comunidade...

Achegamos un exemplo:

O meu nome é -------- ------- -------. A miña unidade familiar está formada pola miña parella de 35 anos e as nosas fillas de 3 e 8 anos que
están ao noso cargo.

Que vivimos en réxime de alugar, polo que pagamos 350€/mes e, ademais temos que facer fronte aos gastos de alimentación, vestimenta etc. Ante a insuficiencia de ingresos debemos un mes e medios de aluguer ao propietario.

Dentro dos gastos da vivenda incluímos tamén a luz, o butano e a comunidade; que nos supoñen unha media de 100€/mes."

Foto: Acto do ODS-Coia e Cristo da Vitória


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora