Nas reunións mantidas co alcalde levamos oído moitas cousas, unha detrás doutra. Por exemplo, que se sentira traizoado polo conselleiro, un amigo persoal, cando o chamou xusto antes do anuncio oficial para advertirlle do que ía pasar. Non lle fixera caso ningún. Pero agora hai que crer o que afirma o alcalde cando di que o seu amigo lle dixo que a cousa non se vai facer. O mesmo conselleiro e o mesmo alcalde. Primeiro amigos persoais, logo con pareceres moi distintos e sen amizade e finalmente de acordo. Pero igual non tan amigos. Ou si. Non sei se se me entende.
O señor Crespo tamén dixo que el non era quen para anunciar nada. Era competencia do conselleiro. Pero isto tamén mudou, volve ser competencia súa transmitir mensaxes.
O único certo é que seguimos con rumores. Casualmente, cada vez que @s do NON Á INCINERADORA convocamos iniciativas (agora a sinatura da ILP), xorden rumores para desmobilizar á xente que nos apoia. Moit@s acaban pensando que a cousa xa a loitamos e que a incineradora non se instalará. Se inda por riba o di o alcalde.
Coa satisfacción polo traballo supostamente feito, o señor Crespo manexa argumentos que lle deben parecer sólidos, porque os repite con insistencia. Repasemos. A saúde das persoas non lle preocupa, porque só fala de imaxes: non quere chemineas e fumes pouco estéticos próximos a eses lugares do municipio que el e o seu equipo de goberno se van encargar de promover polo mundo para que a xente deixe moreas de cartos nos nosos petos cando nos veñan visitar.
Logo afirma que o modelo de tratamento de residuos é bo e non hai que mudalo. Pero as cifras din o contrario: poden pagar os concellos, incluído o noso, o sistema actual, que el sabe que é deficitario?, promóvese a redución do lixo e a recuperación significativa de materiais útiles (papel, vidro, ou plásticos)?, logo de custes e beneficios, prodúcese ou consúmese enerxía mediante a incineración?; e hai máis, pero non quero aburrir.
E terceiro, algo que me asombra, o compost seica “non hai quen o queira.” Pero se o venden no super a prezo de ouro, producido en Alemaña ou Cataluña. Aquí temos sempre outras prioridades; e cada vez máis montes queimados que agradecerían toneladas de compost de calidade.
O señor Crespo podería argumentar, pero non quere, o que moit@s dicían e din en O Irixo: “a merda de V*** (por non molestar a ninguén) para V*** e a nosa xa a comeremos nós.” Galicia, sendo un país pequeno pero moi heteroxéneo, debería buscar solucións diferenciadas segundo a zona; a nosa, unha vila rodeada dun rural inda vivo, non precisa compartir os problemas que ocasiona SOGAMA. Pero non, temos que ir tod@s polo mesmo camiño.
Fronte a iso propoñemos unha alternativa merecente de atención e estudo, asimilable ao que se promove dende a Unión Europea. A nosa proposta lexislativa, a ILP, terá cousas mellorables pero marca un cambio de rumbo razoable no tratamento dos residuos urbanos: moito máis inocuo, moito máis emprego, e sustentable financeiramente. É un camiño factible e realista e todo o que se desvíe del, lévanos a onde estamos agora. A rezar que a merda e a contaminación llas leven a outros, non a nós. Porque, amig@s, iso si, sen mudar o modelo, as incineradoras son necesarias.
E para rematar, o día do Cocido estivo en Lalín o señor Feijoo, o home que ten a última palabra. Aquel día o señor Crespo tíñao xusto ao lado e non fixo nada semellante ao que fixemos nós: falamos claramente, erguemos respectuosamente o carteliño INCINDERADORA NON. Unha mágoa. Estes días si se manifesta. Cando un leva ao lombo tantas maiorías absolutas pensará que pode dicir o que sexa. Pero esqueceuse de que nesta película nós, as plataformas cidadáns contra a incineradora (Irixo, Carballiño e Deza), movémonos e a pesar dos moitos paus nas rodas puxemos as cousas no seu sitio.
Foto: Cusanqueiro
