1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)
Xosé Manuel Beiras

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

Em coluna

Maastricht 92: Caminho da servidume

Xosé Manuel Beiras - Publicado: Terça, 22 Junho 2010 02:00

Dixéravos o dia pasado que en Maastricht, co parto do TUE (1992), a Europa do capital financeiro encetara a camiñata que acabaría por converternos, aos cidadáns do común, en "escravos do euro".


Referírame a certos pronósticos disonantes da reinante eufória "euro-optimista", no entón alcuñados de "catastrofistas", que logo ían resultar premonitórios. E mentáravos un texto meu de aquela altura, no que analisaba a política económica deseñada no Tratado da UE. Hoxe vou escolmar nil algúns retrincos -só pra facermos memória da orixe do andacio.

"1. Unha política de servidume absoluta á estratexia do grande capital. Os acordos de Maastricht son a consecuencia do precedente proceso de transnacionalización do capital no recinto do MCE (Mercado Común Europeu) e da conseguinte concentración do poder e centralización das decisións nos circuitos financeiros e nos sectores chave do conxunto da CEE. É un deseño estratéxico elaborado polos centros de decisión dunha trama que transcende e interpenetra as fronteiras e os poderes políticos dos diversos Estados. Un entramado que constitue un anacronismo seguir a denominar "sector privado", pois configura un poder supraestatal centralizado e alleo ás estruturas democráticas de vertebración política das sociedades e os pobos europeus. Ese poder paralelo é o que dicta os acordos de Maastricht e os contidos primordiais do TUE, que terán como executores intitucionais ao Consello e á Comisión da UE".

2. Unha política letal para o desenrolo económico endóxeno dos diversos pobos europeus. É o deseño dunha estrutura tentacular que pivota no centro do subsistema económico europeu, como os oito brazos dun xigantesco polbo. E canto menos central e máis periférica sexa a economía de cada quen dentro da UE, tanto menos encaixábel resultará no deseño concebido polo capital transnacional e posto en música no TUE. O proceso de mutilación que está a padecer a economía galega dende hai máis dunha década non é froito de eivas conxénitas proprias, nen das evidentes deficiencias na adesión española á CEE ou os desaxustes no proceso de integración: está no cerne da lóxica que preside o TUE asinado en Maastricht, os seus principios estratéxicos e as suas regras de xogo. O problema dos sectores actual ou potencialmente claves para a nosa economía e as nosas especializacións produtivas consiste en que non cadran co deseño que se nos tenta impór. E cando algún diles encaixa, é engulido polo capital transnacional pra manipulalo dende centros de decisión para os que as empresas e factorías da sua rede só están "na xeografía", e non tal "na economía", dos países nos que se sitúan".

3. Unha política monetaria contumaz, ao servizo do capital financeiro e desentendida das diverxencias socioeconómicas reais que vai enxendrar ou agravar. Dende Maastricht, co TUE, a Comunidade Económica Europea (CEE) elévase formalmente ao rango de Unión Económica e Monetaria (UEM). Mais, en realidade, a única modificación cualitativa relevante nese paso consiste na criación dunha unión Monetaria. Ou sexa, as institucións políticas da UE non van dirixir unha política económica e social globalmente congruente, unha política macroeconómica que abranga e vertebre as políticas fiscal e tributaria, salarial e de rendas, laboral e social, e asi seguido. Non. Só a política monetaria vai ser a nova atribución do poder executivo da UE -ou pior aínda, do BCE (Banco Central Europeo) que se proxecta criar cun deseño tecnocrático ao servizo do capital financeiro e moi autónomo verbo do poder político e do control democrático".

"Ese feito encerra dous siñificados reveladores e unha gravísima consecuencia. Siñifica, primeiro, que a UE aposta por unha política monetarista, ou sexa, pola pior das archiconvencionais "receitas" economicistas dispoñibeis en botica. Siñifica, tamén, a confirmación de que é o capital financeiro transnacional quen deseña e impón a estratexia e dicta a política macroeconómica da nova UEM. Mais o pior de todo é a gravísima consecuencia que se deriva da opción monetarista: sacrificaráse todo a unha "converxencia" meramente formal e nominal das diferentes economías do espazo da UE (as famosas cinco condicións do período transitorio verbo da inflación, o déficit, a débeda, a tasa de xuro e o tipo de cambio) e pagaráse o enorme custe dunha efectiva diverxéncia real acumulativa -entre clases sociais e máis entre centro e periferia do espazo UE. Proletariado e campesiñado levarán a pior parte, cun brutal incremento da tasa de esplotación e do desproveimento de servizos sociais que constituian conquistas históricas das clases traballadoras e, até hoxe, resultaba inimaxinábel que fosen postas en custión polo poder establecido. Mais non só iles: tamén segmentos pequeno-burgueses, especialmente nas economìas periféricas, onde esa política vai mallar no lombo do conxunto das clases populares. Nesas condicións, aplicarlles a esas economías unha política monetarista, supón condealas a perderen posicións no conxunto, ao estancamento ou mesmo á regresión".

"Un grave dilema xurde adrede do corsé enfundado á política orzamentaria do estado, e proxéctase en varios pares de contradicións: entre "equilibrio presupostario" esixido e "investimentos públicos" indispensábeis; entre "austeridade orzamentaria´e "redistribución da renda"; entre "eliminación do déficit" e "efectos multiplicadores keynesiáns" -infeliz lord Maynard Keynes, repara ónde e quen te foron enterrar!".

"Por se as restritivas condicións de política monetaria non abondasen, a interdición do déficit público bloquea o manexo da política orzamentaria e deixa ao Estado maniatado e reducido á función de xendarme do grande capital financeiro. Porque, obviamente, o equilibrio presupostario esixido, no contexto social no que compre acadalo, non se vai operar elevando a presión tributaria con equidade fiscal para poder manter os níveis de gasto público necesarios para cubrir as prioridades, acadar os obxetivos e cumplir as funcións inexcusabeis de todo sector público merecente de tal nome nunha sociedade actual. Non digamos xa a indispensábel cobertura de servizos públicos, capital social básico e outras elementais orientacións redistributivas do gasto público que, dende hai meio século, ningún rexime político ousara iñorar! Trátase, en concreto, de desmantelar o que aínda resta en pé do bombardeado edificio do "welfare-state", do Estado do benestar construído polas socialdemocracias despois da Grande Depresión e o remate da II Guerra Mundial. E por se algunha astucia adroleira permitise manipular como válvula de seguridade un habelencioso manexo da emisión de débeda pública, tamén se tapona ese respiro coa rolla da correspondente restrición no proceso de "estabilidade e converxencia". Para o proletariado, campesiñado e clases populares en conxunto da maior parte do espazo da UE, eses plantexamentos supoñen unha agresión inconcebíbel en calquera outra conxuntura histórica de Europa desde o tempo dos reximes fascistas e nazis. Política despiedadamente antisocial, que nen sequer conta co contrapeso dun deseño de política laboral e social merecente de tal nome".

Escrito todo iso máis de tres lustros antes do colapso do sistema financeiro globalizado e da actual crise do euro, resulta cando menos pavero ler agora artigos nos que as plumas máis solventes, non do pensamento anti-sistémico, senón do sector reformista do "stablishment", arremeten con veredictos análogos contra os corifeos do dogma monetarista neo-liberal e os burócratas do FMI -e apostrófanos con epítetos como "falcóns do déficit", ou até nada menos ca "terroristas do déficit" (sic). "Tarde piaches!" -estou por dicir. Mais millor será que cale, porque a cousa é tráxica: nen sequer agora que o fiasco resulta evidente, nen sequer con seren veredictos de analistas tan solventes, nen sequer así lles fan maldito caso os governos-ovella europeus. Nen sequer os disque socialdemócratas españois. Nen mesmo que os sucreba un seica asesor seu chamado Stiglitz. Porque quen manda, manda. E quen manda non é o governo. Ningún governo. Quen manda é o "fascismo financeiro", que dixo o Boaventura. Quen manda son os nazis de arestora. E ises non precisan razonar nen argumentar -madia leva. Abóndalles extorsionar. Só iso, mesmamente.

 


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.