1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)
Xosé Manuel Beiras

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

Em coluna

Encol da crise: diagnose e alternativas (IV)

Xosé Manuel Beiras - Publicado: Sexta, 14 Mai 2010 02:00

Xosé Manuel Beiras

Fora un poeta, e non un economista, quen escribira aquilo tan certo de que "solo el necio confunde valor con precio".


Tan certo como que, por paradóxico que pareza, de necios está cheo o olimpo dos economistas ortodoxos, e máis as institucións políticas nas que aniñan os xestores que aplican ao pé da letra as receitas dictadas polos primeiros -de necios que incurren nesa necia confusión, claro é. Porque "valor" e "prezo" non só son fenómenos económicos totalmente diferentes, senón que funcionan como categorías antitéticas -e a transformación do un no outro supón un complexo proceso de mutación cualitativa e constitue un problema teórico ainda non cabalmente resolto.

O enguedello comenza co xogo dual das formas de valor que revisten os bens económicos. Por unha banda o seu "valor de uso", ou sexa, pra entendérmonos, a aptitude específica que ten cada un para unha determinada función económica -ao cabo, para satisfacer unha determinada necesidade: o centeo serve para alimentarse, a fouce pra seiturar o centeo, mais nen podes matar a fame cunha fouce nen podes facer a seitura cunha palla de centeo. Por outra banda o seu "valor de cámbio", ou sexa, pra intercambialo por outro en determinada proporción, e así resolver a sua ineptitude para un uso distinto de aquil para o que serve: ti tes centeo, pero precisas unha fouce, vas onda o ferreiro e trócaslle unha medida de centeo por unha fouce nova do trinque. Eis a troca. Ora, cando os intercámbeos tenden a xeneralizarse, fanse meiante o diñeiro: os bens circulan no "mercado", funcionan como "mercadurías", e a cantidade de diñeiro que expresa o equivalente do valor de cámbio de cada ben económico constitue o seu "prezo". Mais o diñeiro-prezo é só o equivalente dese valor de cámbio -non é o valor de cambio mesmo. E detrás do equivalente monetario está o equivalente real -o da proporción na que se intercambian cantidades distintas de dous produtos diferentes, coma na troca: "equis" varas de lenzo inglés por "zeta" mollos de viño portugués, no célebre exemplo de David Ricardo pra espricar os "prezos comparativos" no comercio inernacional -que por certo, se vivise e escribise un par de séculos antes, poñería o viño galego no seu exemplo, no canto do portugués, mais iste é outro lério.

Pero do que non é equivalente o prezo é do valor de uso: son antitéticos, porque o son as duas formas do valor dos bens, o de uso e o de cámbio. Cando eu era máis novo, adoitaba facerlles unha brincadeira irónica aos amigos que viñan pola nosa casa -agora xa perdín o humor. Se algún comentaba a beleza dun lenzo dun pintor amigo, poñamos por caso de Xosé Luis de Dios, eu ría e dicíalle: "Non se che ocorra dicir, e menos perguntarme, cánto pode "valer", porque non volves entrar nesta casa". O amigo ou amiga así interpelad@ ficaba estupefacto, lóxicamente: "E logo?" -marmuraba. "Pois éche moi sinxelo" -retrucáballe eu. "Se me dis que pode valer un millón -de pesetas, claro- estás a referirte aos cartos que me darían se o vendo. E se o vendo non poderei contemplalo e disfroitar desa beleza -nen ti tampouco cando volvas vir eiqui. Pero iso, podermos disfroitar desa beleza, é o valor dese lenzo. O outro pasa pola privación dese valor, ou sexa, pola sua perda, pola aniquilación do seu valor: os cartos son a sua antítese. E eu teño esas pinturas pola sua beleza e o pracer de contemplalas, ise é o seu valor, non os cartos que me dean por non podelas disfroitar. Os cadros de Van Gogh valían o mesmo cando il os pintaba e non daba vendido un só que cando agora se pagan cifras astronómicas por un diles, estamos?". Ben sei: o meu era un xogo capcioso. Mais diso se trataba: mostrar o disfraz capcioso que oculta a relación antitética entre valor de uso e de cámbio -o que tódolos días nos oculta ese ilusionista perverso chamado mercado.

Mais, agora que o penso, andaredes a perguntarvos: "e qué raio ten que ver isto todo coa crise?". Tedes razón: metinme por unha congostra que vai de revolta en revolta, entre toxeiras, e non se mira a onde leva. Mais si que leva á custión da crise. Inda máis: leva ao cerne da crise na dimensión económica -só que por camiño de carro, e non por autoestrada: por eses longos e enfestos arrodeos que son os arrodeos da razón. Non sei se inda quereredes acompañarme. Mais, se acaso si, pillarei logo un atallo.

*****

Nos procesos económicos capitalistas a xeración do valor acontece na esfera da produción -nos procesos produtivos- mais a sua realización ten lugar na esfera da circulación -nos "mercados". E tamén nos procesos produtivos se opera a metamorfose do valor de uso en valor (de cámbio) dos bens empregados para obter os "produtos". O capital que opera na esfera da circulación ten a forma de capital-diñeiro: é o capital denominado "bancario". O que o fai na da produción tena de capital-produtivo: é o capital denominado "industrial". A lóxica no proceso de circulación é empregar diñeiro pra adequirir unha mercaduría e vendela logo por unha suma de diñeiro meirande: facer así un "beneficio". A lóxica no proceso de produción é aplicar nil uns bens -medios de produción e forza de traballo- que teñen aptitude para seren transformados nun produto que teña máis valor ca o dos bens empregados nese proceso: eis a xeración do valor. Mais non é o capital quen pode xeralo: só a forza de traballo ten a aptitude para ser fonte desa xeración de valor, meiante o xogo entre o seu valor de uso -utilizala durante un tempo de traballo- e o seu valor de cambio: o salario -mais non vou tentar espricarvos isto eiqui.

A lóxica do capital é "realizar" un beneficio, e iso faino en diñeiro na esfera da circulación -no mercado. Mais só operando na da produción pode "valorizarse", pode detraer directamente o incremento de valor que logo transforma en beneficio ao vender o produto. Se só opera na circulación poderá obter beneficio a custe de que outros capitais perdan, mais non por "realizar", converter en diñeiro, un incremento de valor que só se xera na produción -agás que se aproprie do xerado en procesos produtivos non-capitalistas, como as esplotacións leiteiras labregas galegas, por caso, ou, por suposto, tódalas formacións precapitalistas da periféria do sistema espoliadas meiante a "troca desigual" analisada no seu dia polos Arghiri Emmanuel, Samir Amin e demáis.

De xeito que -simplificándomos- o sistema só funciona con "normalidade" se os beneficios que se fan na circulación das mercadurías -produtos- "realizan" máis-valor -plusvalía- xerado na produción. Alén das oscilacións dos prezos por desaxustes "normais" na mecánica dos mercados, a diverxencia entre xeración e realización do valor enxendra procesos de crise estrutural, porque responde a unha creba na lóxica cardinal do sistema. Ora, nos mercados financeiros, nos que opera o capital bancario -capital-diñeiro- é o diñeiro mesmo o que funciona como mercaduría, no canto de como simples equivalente do valor delas. Aí a lóxica do beneficio é "comprar" diñeiro con diñeiro pra "vendelo" por máis diñeiro: a sua disociación verbo do valor xerado na produción, na economía "real", acada aí o límite. Así que, cando a forma hexemónica do capital pasa a ser a do "capital-diñeiro", ou "bancario", tende a impór a sua lóxica específica sobor da do "capital-produtivo", ou "industrial", e "roubarlle" o máis-valor que iste, á sua vez, lle chuchara á forza de traballo no proceso produtivo. Lémbrome dos laios do empresariado industrial galego nunha comisión parlamentar especial de hai dous decenios, cando os tipos de interés estaban disparados a níveis proibitivos: queixábanse de que a banca se apropiaba dos beneficios que iles facían co seu "traballo" empresarial.

Se ademáis hai sobre-produción e sobre-acumulación, de xeito que reinvestir os capitais acumulados en actividades produtivas deixa de ser rendíbel, os capitais desprázanse a operar nos mercados financeiros: dedícanse á especulación. A crise está servida: aí xurde o fenómeno chamado "finanzarización" do sistema e abrollan as famosas "burbullas financeiras". Mais diso non teño espazo pra falarvos hoxe. Como no conto da boa pipa: queredes que volo conte o vindeiro domingo, ou estades fartos xa?


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.