1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)
Xosé Manuel Beiras

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

Em coluna

Branhas e 'a crise que nom cessa' (IV)

Xosé Manuel Beiras - Publicado: Sexta, 13 Mai 2011 02:00

Xosé Manuel Beiras

VII


Contemplada nunha visión histórica retrospetiva e através desas claves interpretativas, resulta que a crise á que máis se asemella a actualmente en curso non é a do 1929 e subseguinte Gran Depresión, senón a finisecular do XIX -precisamente, logo, a que Branhas analisa e diagnostica ao seu xeito na sua leición inaugural do curso académico 1892-93 na Universidade compostelán. Nefeito, conforme ao modelo de Arrighi e Silver -e tal como o proprio Arrighi ten aseverado en artigos e entrevistas destes últimos anos, antes de falecer no 2009- a Grande Depresión é a crise "terminal" do período de "caos sistémico" aberto coa Gran Guerra do 1914-18, e portanto marca o peche de aquela "transición hexemónica" co definitivo breakdown da hexemonía británica e o seu relevo polos USA a partir da IIª Guerra Mundial. En troques, os últimos decenios do s. XX constituen a primeira etapa, e non a derradeira, da actual "transición hexemónica", a da "crise hexemónica" que marca o "sinal" (1973) do "longo declive" da hexemonía norteamericán -no que, a partir de 2001-2003, as "guerras preventivas" de invasión en Afganistan e Irak anunciarían o comenzo do "caos sistémico" definitivamente aberto co crack de Wall Street no 2008. Deste xeito -reiterémolo- a fase equivalente á do actual "longo declive" hexemónico dos USA no ciclo históricamente precedente, o británico, sería a que comenza coa "crise sinal" do 1873 e vai durar até a guerra do 14 - "a crise económica da época presente", no rótulo estampado por Alfredo Brañas. Eis o interese dunha releitura do seu discurso neste contexto.

VIII

Duas pinceladas máis quixera darlle a este boceto de exame analóxico da crise do noso tempo coa do tempo de Brañas, consideradas como delambas crises de transicións hexemónicas. A primeira refírese á sua relación con correlativos pocesos bélicos -relación que considero moi relevantemente siñificativa no actual, e tráxico, contexto do "ultra-liberalismo belicista" aberto polo Bush II co seu perverso invento paranoide das "guerras preventivas" contra o suposto "eixo do mal" -e neste ponto botatei man de Wallerstein. Sinala il que, nos tres casos de posicións hexemónicas históricamente sucesivas -holandesa, británica e ianqui- a hexemonía é o resultado de prolongados períodos de expansión competitiva, que dan como resultado "unha particular concentración de poder económico e polìtico", a traveso dun proceso no que o ascenso da potencia emerxente opérase, de maneira sucesiva, nos eidos da produción, do comercio e das finanzas. Precisamente -e atención a isto- o eido das finanzas será a cidadela que o estado hexemónico, na fase do seu declive, manterá como derradeiro reducto da sua hexemonía. Mais -afirma Wallerstein- a hexemonía só resultará asegurada meiante a vitoria nunha "guerra mundial" de tres decenios de duración: a Guerra dos Trinta Anos (1618-48) para a hexemonía holandesa, as Guerras Napoleónicas (1792-1815) para a británica, e as que il denomina Guerras Euroasiáticas (1914-45) para a norteamericana. "As fronteiras económicas do vencedor -engade- expándense mercede ao proprio proceso da guerra, e os acordos interestatais de postguerra están deseñados para fixar esas fronteiras ampliadas e protexelas contra a erosión". Pero, asemade, eses acordos postbélicos instauran algunha modalidade de "liberalismo global" destinado a impór "o principio da libre circulación dos factores de produción por tódolos recantos da economía-mundo". De xeito que o "liberalismo global" cumple a dobre función de afortalar o dominio da potencia hexemónica no seu espazo, e máis de "deslexitimar os esforzos de outros aparellos de estado para actuaren contra a superioridade económica" desa potencia. Seméllame abondo elocuente de seu para precisar calquer caste de comento adicional que o proxecte no panorama do noso presente.

A segunda e breve pincelada só tenciona sinalar que o fenómeno da chamada "finanzarización" non é de ningún xeito peculiar da crise actual: lonxe diso, é característico -como incidentalmente adiantei máis arriba- da potencia hexemónica en declive, precisamente na etapa de crise da sua hexemonía e correlativamente á sua perda da hexemonía na esfera da produción -ou sexa, na economía real. Aconteceu en tódolos procesos de transición hexemónica ao longo da idade moderna. Para o caso do declive británico, que comeza coa Grande Depresión de 1873-96 -a vivida por Branhas- e determina a perda do rol da Gran Bretaña como "obradoiro (industrial) do mundo", limitareime a reproducir uns elocuentes párrafos de Arrighi. Velos eiqui: "Deica a Iª Guerra Mundial, a difusión do industrialismo e do mercantilismo non fixo minguar o rol da Gran Bretaña como cámara de compensación do sistema capitalista mundial. Pola contra: foi precisamente nese período de ocaso da sua supremacía industrial e imperial cando Gran Bretaña máis se beneficiou de ser o centro nervoso do comercio e as finanzas mundiais". E, citando a Hobsbawm, conclue: "Mentras as suas industrias se afundían, as suas finanzas trunfaban, os seus servizos de intermediación no sistema mundial de pagos tornábanse máis indispensábeis. Nefeito, se algunha vez foi Londres o verdadeiro eixo do mundo, e a libra esterlina o seu pear, iso aconteceu entre 1870 e 1913". Tampouco eiquí semella preciso ningún comento translativo ao noso contexto actual.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.