1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (2 Votos)
Xosé Manuel Beiras

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

Em coluna

Branhas e 'a crise que nom cessa' (III)

Xosé Manuel Beiras - Publicado: Domingo, 08 Mai 2011 02:00

Xosé Manuel Beiras

IV


Xa que logo, a natureza desta crise non é a que parece, non consiste nos sintomas nos que se manifesta, senón na doenza do corpo social que xera eses sintomas -tais coma o estoupido da burbulla financeira ou da imobiliaria, ou a proliferación do desemprego. Nen tampouco comezou a crise cando eclosionaron eses sintomas: pola contra, viña de ben atrás. Non comezou no 2008, cando "supetamente" rebentaron os grandes xigantes financeiros no mercado bursátel de Wall Street -quer dicer, cando infartou o corazón financeiro do imperio e colapsou o fluxo arterial todo do sistema. Nen sequer tampouco cando dos seus precedentes infartos abdominais, digámolo así: os estoupidos de burbullas financeiras en áreas máis periféricas, como a crise mexicana de comenzos dos noventa, recén estreada a flamante área de libre comercio dese país co Canadá e os USA, ou a dos "dragóns" asiáticos pouco despois. Non. A crise de "longa duración" comezou cando, aló polo 1971-73, se colapsou o proceso de expansión constantemente acelerada dos tres decenios precedentes, acadou o climax a progresiva exacerbación das "rivalidades inter-estatais" da economía da metrópole imperial ianqui coas das submetrópoles europeu-oucidental e xaponesa, e os mercados de euro-dólares e petro-dólares escalazaron o sistema monetario internacional (SMI) construído en Bretton Woods (1945) co dólar como patrón divisa-ouro, e Nixon decidiu unilateralmente suprimir (1972) a convertibilidade do dólar en ouro, porque as suas reservas metálicas non daban para atender as obrigas inerentes ao rol atribuído polo SMI a esa divisa como patrón convertíbel.

Estralou así unha crise "de sobre-acumulación" -ou sexa, de acumulación de capital excesiva a respeito das oportunidades de investimento e rendibilidade do capital adicional acumulado en novas actividades produtivas no sistema capitalista mundializado. E dende aquela ese sistema está en crise. Con fases diferentes e traxectoria ondulante en intermitentes alzas e baixas relativas -pero en crise constante até hoxe mesno. Arrighi diría que 1973 marca a "crise-sinal" deste proceso crítico do sistema e máis do declive da hexemonía ianqui dentro dil -e velaí a faciana pola que esta crise amostra máis paralelismo coa do tempo de Brañas, só que, naturalmente, noutro contexto histórico ben diferente e outra etapa do desenvolvemento capitalista ben máis avanzada.

V

Mais, antes de tracexarmos un esbozo desas analoxías, convén clarexar algunhas custións máis que levan suscitado certa confusión. Refírome a que tampouco se trata só da crise dun modelo de xestión da economía capitalista, ou dun modelo de "política económica": do modelo neo-liberal -que eu prefiro chamar ultra-liberal- entronizado polos think-tanks de Hayek, Milton Friedman e os seus famosos "Chicago-boys", inventores da "doutrina do shock" e demiurgos do "capitalismo do desastre", por empregarmos as certeiras denominacións carimbadas por Naomi Klein. Certamente que ese modelo non só entrou en crise, senón que fracasou rotundamente. É máis: ese modelo ven ser, en grande medida, o responsábel de que a crise encetada nos anos setenta, lonxe de ser resolta, desembocase no desastre que a humanidade leva tres decenios a padecer e que se agrava máis a cada pouco -desastre económico, social, cultural, político e ecolóxico. Mais o que está en crise é o proprio sistema-mundo capitalista ao que se lle aplicou ese modelo ultra-liberal de xestión político-económica. Quer dicir que tampouco o modelo keynesián desterrado no seu día polos ultra-liberais resolvería hoxe o problema estrutural que padece o sistema, nen sequer lograría por sí só "reflotar" a economía do seu centro, como recoñecen neo-keynesiáns tan acreditados como o Nobel Paul Krugman, por caso -inanque paliaría, certamente, os efectos máis negativos da crise, e por suposto que non os agravaría como están a facelo as receitas ultraliberais que teimudamente están a aplicarse aínda arestora.

VI

Na sua esclarecedora obra, Chaos and Governance in the Modern World System, asinada conxuntamente coa sua compañeira Beverly Silver, Giovanni Arrighi define o "cambio sistémico" nestes termos: "un proceso de radical reorganización do moderno sistema-mundo que muda substantivamente a natureza dos compoñentes do sistema, a maneira en que eses compoñentes se relacionan uns cos outros, e o xeito en que o sistema opera e se reproduce". Isto equival a dicir que mudan non só os elementos ou estruturas parciais, senón as proprias leis estruturais de composición e transformación do sistema como conxunto ou estrutura global.

Xa a comenzos dos noventa, Eric Hobsbawm, na sua A History of the World 1914-1991, calificara os decenios dos setenta e os oitenta como "décadas de crise universal ou global". Arrighi e Silver diagnostican o proceso crítico aberto durante ese período -e que vai proseguir até os nosos días- como "cambio sistémico", e establecen a sua relación cos procesos históricos de "transición hexemónica". Para detectaren e sistematizaren as analoxías entre os ciclos das sucesivas hexemonías na historia moderna do sistema-mundo, analisan unha tras outra a dos Países Baixos, cuxo declive no s.XVIII marca a transición cara a da Gran Bretaña, en declive á sua vez dende fins do s.XIX para ceder o relevo á dos USA: precisamente o comenzo do declive desta última hexemonía vai vir marcado polo inicio da actual "crise de cambio sistémico", a principos dos setenta. Xa que logo, a crise actual, ademáis de ser sistémica, e pola mesma atinxir a tódalas instancias estruturais do sistema-mundo -económica, ideolóxica e política- é asimesmo a crise da hexemonía da metrópole norteamericán no conglomerado mundial do imperialismo capitalista.

Seguindo os pasos do pioneiro Fernand Braudel, e en paralelo cos traballos doutro grande braudelián como é Inmanuel Wallerstein, Arrighi e Silver formulan o deseño dun modelo de ciclo hexemónico, no que as fases e as transicións están baseadas primordialmente na dinámica endóxena do cambio sistémico -a diferencia de Wallerstein, que en última instancia remíteas a fontes dinámicas esóxenas. Nese modelo -traducíndovolo en termos moi esquemáticos- o ciclo hexemónico consta de tres grandes fases. A primeira é a da hexemonía constituída, na que o estado hexemónico opera unha "reorganización sistémica", emulada por outros estados, e protagoniza un período de "expansión sistémica". A segunda é a fase da transición hexemónica, subdividida á sua vez en duas etapas. Primeiramente, a "crise hexemónica", caracterizada por tres fenómenos cardinais: a exacerbación das rivalidades inter-estatais e da competición inter-empresarial; a agudización dos conflitos sociais; e a emerxencia de "novas configuracións de poder". A seguida, esa crise tradúcese en "creba hexemónica": o esborrallamento da hexemonía orixina unha situación de "caos sistémico" que vai caracterizar ese período, no que se vai ir configurando unha nova e alternativa centralización-concentración de "capacidades sistémicas" da que vai emerxer un "novo estado hexemónico": eis o inicio da terceira fase, a da "nova hexemonía", na que ese novo centro hexemónico de poder vai operar unha nova reorganización sistémica, suscitar a emulación por outros e protagonizar o novo proceso de expansión sistémica -co que se reanuda o ciclo no novo período histórico..


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.