1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)
Xosé Manuel Beiras

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

Em coluna

Branhas e 'a crise que nom cessa' (II)

Xosé Manuel Beiras - Publicado: Domingo, 17 Abril 2011 02:00

Xosé Manuel Beiras

II

A "crise económica da época presente" que Brañas analisa e tenta diagnosticar no seu extenso discurso académico de 1892 non é outra que a famosa "crise finisecular" do XIX, que se desencadea a partir do 1873, vaise prolongar durante decenios, e atravesar inclusive os "felices" anos da belle époque, deica acadar o seu primeiro desenlace en forma de conflito bélico mundial, a Gran Guerra de 1914-18 -e digo primeiro desenlace porque, en rigor, o subseguinte período de entre-guerras vai constituir unha prolongación dese proceso de crise sistémica, que desembocará na Grande Depresión e só concluirá co estoupido da IIª Guerra Mundial: nada menos que meio século longo de duración, portanto.


Esa crise marca e abrangue o declive da Gran Bretaña como epicentro do sistema-mundo de entón, ou sexa, do conxunto do sistema capitalista ao nível de mundialización acadado naquela altura. Trátase, xa que logo, dunha crise de hexemonía: o solpor e empardecer da Gran Bretaña como potencia hexemónica do sistema económico mundial.

Curiosamente, dáse o casual de que arestora, esactamente un século despois, estamos a transitar por outra grande crise sistémica, e crise de hexemonía tamén. E dixen que esactamente un século despois porque podemos situar nos arredores de 1973 o ponto de partida do proceso crítico que, con sucesivas fases e altibaixos, atravesa o sistema e que os do común andamos a aturar dende aquela até hoxe mesmo -e inda non rematou nen leva trazas de rematar. Vexámolo un algo, se queredes.

III

Baixo a fasquía proteiforme da crise actual, por tras do "fetichismo" do capital-diñeiro como mercaduría obxeto de desaforada e vertixinosa especulación nos mercados financeiros finalmente infartados, agóchase unha profunda crise estrutural do sistema capitalista no seu estadio presente, o actual sistema imperialista plenamente mundializado ou "globalizado". Como toda crise sistémica profunda, atinxe combinadamente a varias estruturas basilares do sistema, sacode as suas trabes mestras -e dende aí repercute en todo o edificio e fai lañarse a sua fachada, que é o que millor se ve. Mais, mesmo por iso, de nada val recebar as lañas da fachada para manter en pé o edificio se o exame das trabes mestras mostra que están comestas pola couza -e así resulta ser.

Como xeito alegórico de expresar nunha síntese a índole medular e as primordiais dimensións desta crise, eu ousei unha versión paródica do enigma trinitario: a crise, unha e trina. Non foi un achádego de meu. Inspiroumo un lúcido diagnóstico moi escueto enunciado por Susan George: "O diñeiro, o clima e a desigualdade. Estas son as tres crises que eu considero. Porque as outras son parte ou corolarios déstas. A crise alimentaria forma parte da crise de desigualdade e da pobreza, pero tamén está moi relacionada coa crise financeira. A crise enerxética existe tamén, claro, pero forma parte da crise ecolóxica e climática. Todas as demáis encaixan néstas". Velaí, logo, as claves da crise sistémica, unha e trina: tres manifestacións fenoménicas distintas, ínsitas nunha soa crise sistémica verdadeira.

Dito noutras verbas e ao meu xeito, veleiqui os tres elementos e dimensións cardinais desa trinidade. Primeiro, o conflito entre o capital-diñeiro e o capital produtivo no proceso de reprodución e acumulación do sistema. Segundo, o desenvolvemento desigual consustancial coa dinámica xenuina do capitalismo. Terceiro, a colisión da lóxica de asignación de recursos do sistema capitalista mundializado cos límites de resistencia dos ecosistemas que estruturan a biosfera do noso planeta.

No primeiro deses tres eidos problemáticos, a sobreprodución e sobreacumulación combinadas, que están na orixe desta crise, coa conseguinte caída da tasa de ganancia, provoca a fuxida dos capitais da esfera da produción cara a da circulación: é o fenómeno que se deu en denominar "finanzarización". Logo, a subseguinte hexemonía da forma diñeiro do capital -a que circula nos mercados financeiros sen virtualmente control regulador ningún- sobor da forma produtiva -para entendérmonos, o capital industrial- dá lugar a unha disxunción crecente que desemboca nunha constante diverxencia, e até unha disociación, antre a economía real e a financeira: de aí o fenómeno bautismado por Robert Brenner como "burbulla financeira", que acaba por estoupar como as pompas de xabrón. Porque, na dinámica capitalista, o máis-valor do que se nutre a acumulación do capital, xérase nos procesos produtivos da economía real -onde opera como capital produtivo- inda que se realiza, transformado en beneficio, nos procesos de circulación que acontecen nos mercados, onde o capital flúe en forma de diñeiro. Compréndese ben que a realización de beneficios en operacións financeiras especulativas, sen correlación axeitada coa xeración de máis-valor nos procesos produtivos, acabe por rebentar como unha burbulla. Cando ese fenómeno se xeneraliza en mercados financeiros dun sistema globalizado e acada o paroxismo, o rebentón da borbolla esborrállase como pedra de saraiba sobre os eidos da economía produtiva -e conxélaos.

No segundo eido, o desenvolvemento desigual, nun sistema imperialista e globalizado, e por riba rexido por un modelo ultra-liberal que destrúe todos e cada un dos resortes compensadores de redistribución de ingresos e riqueza, dotación de bens públicos e sociais, e asi seguido, enxendra unha deriva paroxística de desigualdade, pobreza, marxinación, fame, insalubridade -primordialmente na periféria, mais tamén dentro das formacións sociais do centro do sistema. Mais, se social e humanamente resulta perverso, o proceso incide perversamente tamén no funcionamento macroeconómico do proprio sistema: a demanda global de bens de consumo e medios de produción resultará a cada pouco máis insuficiente para adequirir a oferta global dos mesmos, co conseguinte "gap" ou desfase de efectos contractivos sobre a actividade económica -e asi, a crise desemboca nunha recesión.

E no terceiro, enfin: depredación abusiva de recursos enerxéticos fóseis e minerais, destrago irreversíbel de ecosistemas indispensábeis pra a rexeneración e supervivencia da biosfera, contaminación ambiental de mares, sistemas hídricos, atmósfera, buraco na capa de ozono, cambio climático... A lóxica de asignación de recursos e cálculo de custes e rendibilidade na civilización capitalista industrial e postindustrial, a aberrante pauta dun crecemento económico constante e sen límites, insustentábel dentro dun recinto, o da biosfera, que é limitado e non medra -en suma, a irracional "racionalidade" do modo de produción dominante no actual sistema-mundo: catástrofe anunciada que se achega un pouco máis cada día que pasa, mentras os magnates da especulación e a depredación actuan como os pasaxeiros de primeira do Titanic que se precipitaban aos cofres onde gardaban as xoias mentras o buque se afundía.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.