1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (5 Votos)
Xosé Manuel Beiras

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

Em coluna

Branhas e 'a crise que nom cessa' (I)

Xosé Manuel Beiras - Publicado: Domingo, 10 Abril 2011 05:52

Xosé Manuel Beiras

Hai aínda poucas semanas que saíu do prelo, editada en versón galega por Toxos Outos e Unipro-editorial, a lición que pronunciara Alfredo Branhas na Universidade de Santiago en 1892: "A crise económica na época presente e a descentralización rexional".


Un dos editores, Afonso Ribas, propuxérame facer un limiar para esta reaparición dese moi esquencido ensaio de Branhas que, malia ser publicado daquela, nunca volvera ser imprentado até agora. Aparecida esta nova edición, algún amigo enredante suxeríume partir o meu limiar en anacos pra publicalo, "por entregas", nesta páxina dominical do GH. Deixeime convencer, e velaí vos van a partir de hoxe, coas oportunas licencias dos editores e máis do paciente Tano. Disque haberá un agasallo para quen de vós dea chegado ao final da série sen indixestión de pedra -limiar, claro. A silicose seica está descartada -mais eu, que vós, non fiaría: o esnaquizado feito con rebarbadora levanta moito pó.

I

Esta publicación debémoslla ao amor á Terra e á xenerosa iniciativa emprendedora de Afonso Ribas, un dos corazóns protagonistas e cerebros artífices de duas fermosas aventuras editoriais na Galiza contemporán, a infelizmente efémera da pioneira revista "Teima" -cando a longa noite de pedra semellaba rebentar de vez en alba de groria- e a felizmente duradoira da fecunda editorial "Laiovento". Duas andainas nas que eu tiven a fortuna de ser un seu compañeiro de combate cultural, como o fora de combate político cando eramos "pexegos" os dous, inda non escachizada a pedra de aquela noite interminábel. Forxouse así entre nós unha amizade fraternal que perdura, e un recíproco entendemento baseado na comunidade de idearios e arelas que partillamos activamente verbo da emancipación do noso povo, e que abrolla decote nas nosas conversas e ás veces coalla en proxecto por obra da sua entusiasta iniciativa. Tal é o caso desta primeira edición en idioma galego dunha das pezas ensaísticas menos coñecidas de Alfredo Branhas.

Haberá cousa de dous anos que, nun serán de palique con Afonso arredor duns faiscantes viños da raia galego-portuguesa -dises que il tan ben coñece e tanto estima- a singladura da nosa conversa recalou na abra Branhas. Coido que fora il quen relembrara a referencia que eu fixera hai anos, nun meu xa vello texto, a un insólito programa político que Branhas enunciara en certa ocasión -insólito porque, considerado na sua textualidade, resultaba enchoupado dun soberanismo galego precoz para o seu tempo e disonante do canon rexionalista característico da sua obra máis difundida e do pensamento considerado xenuinamente peculiar seu. Rememoramos xuntos que non menos insólita resultaba ser a ocasión escollida por Branhas para publicitar ese programa, poisque o fixera a xeito de colofón do discurso que pronunciara como leición inaugural do curso 1892-93 da Universidade compostelán, na que, como é sabido, profesaba a cátedra de Economía Política -e, dadas as convencións inda hoxe imperantes, non parece ser un acto académico solemne desa caste o máis acaído para proclamar "urbi et orbe" unha posición ideolóxica persoal e guindarlle ao público un programa político, por riba tan heterodoxos unha e outro naquel contexto e en boca dunha figura tan conservadora e respeitosa das liturxias sociais estabrecidas como disque era o Branhas.

Rexoubamos e rímonos un cacho imaxinándomos a escena, e fixémonos de voz alta interrogacións e conxeturas varias verbo da enigmática e contraditoria persoalidade do Branhas patriota galego e tradicionalista, católico e antiforista, aristócrata de esprito e exaltador dos labregos, ademirador da Irlanda independentista e simples rexionalista pro domo sua -ou se cadra cripto-nacionalista como eu aventurara... Volvinlle contar -pois seguramente non era a primeira vez que o facía- a peripecia do exemplar que eu posuira dese discurso. Un vello volume que eu recordaba de sempre na biblioteca do meu pai, encadernado en pastas duras, impreso na de Paredes -a compostelán Imprenta Paredes, hoxe desaparecida, tan presente na miña memoria infantil e adolescente porque un fillo do impresor estudaba piano coa mesma mestra ca min. Ese volume fora un agasallo das irmás de Branhas, que tiñan unha escola na que o meu pai estudara cando neno, igual que un exemplar de El Regionalismo coa sinatura do autor. Fora meu pai quen me iniciara no coñecemento da figura e a obra de Branhas, e transmitírame moitos dados e anécdotas encol da sua persoalidade e a sua vida que lle contaran as irmás, coas que il mantivera unha agarimosa relación mentras viviron -e que co tempo fun esquecendo, mais seguro que ficaron encovadas no limbo da miña memoria. E regalárame eses dous volumes cando eu gañara a miña cátedra -mais ao cabo ían desaparecer da miña biblioteca nun trance crítico da miña vida que non ven a conto relembrar.

A lición de Branhas versaba sobre a crise económica da sua época, e o relembrármolo ocasionou que a nosa conversa virase cara a crise financeira que arestora estaba a estoupar no corazón do imperio. Nestas, ao Afonso ocorreuselle suxerir a oportunidade de editar agora ese discurso traducido ao galego. Dito e feito -o Afonso évos un home resolutivo: púxose á obra decontado. Mais, non dispóndomos do volume que eu posuira, compríalle percurar outro exemplar asequíbel para traballar nil -e non semellaba doado, dada a rareza de aquela publicación. Resolveulle o problema a impar "Biblioteca Penzol": alí estaba a obra, e permitíronlla fotocopiar. Púxose a traducila il mesmo -e velaeiqui está.

Como se fose un aceno de complicidade dos nosos devanceiros máis egrexios, o exemplar da "Penzol" que teño, fotocopiado, perante os meus ollos leva estampadas na portada interior, con inconfundíbel escritura autógrafa, esta lenda: "R. Otero Pedrayo/ Sant Iago de Compostela/ 31 xaneiro 1957". Asi que era iste o exemplar de Don Ramón... E, cousa para min rechamante, non o dera adequirido -seguro que non o dera achado- até nada menos que xaneiro do ano 1957, ou sexa, durante o penúltimo curso da sua serodia profesión docente como catedrático de Xeografía na Universidade compostelán -xubilaríano no 1958, ao cumplir os setenta anos e, como é ben sabido, por mor da represión que padecera por parte do fascista rexime franquista, o criador da primeira e inda hoxe paradigmática "teoría xeral" da xeografía galega non puidera acceder á cátedra dese eido científico na universidade da sua nación até o curso 1952-53, cumplidos xa os sesenta e catro anos de idade.

No reverso en branco desa mesma folla, Don Ramón -que era abondo máis metódico do que dan a entender os estereotipos da sua persoalidade humán máis comunmente difundidos- compuxo tamén do seu puño e letra un índice dos capítulos do libro, coa correlativa paxinación. E na cabeceira da páxina na que comenza a "Introducción" do discurso de Branhas, topámonos con outra solpresa para quen suscreben a tópica imaxe dun Otero ideolóxicamente conservadurista e transnoitado, poisque aí estampa il a sentencia de Concepción Arenal que transcribo literalmente para vós a seguida: "Se mencionan y discuten diferentes crisis q/ tienen mas ó menos influencia en el bienestar del obrero... pero no se habla de Crisis intelectual q/ existe y es factor poderoso de los problemas sociales. (C.Arenal - La instrucn. del obrero.) -inf. 1892-". Finísimo e elegante xeito tácito de se distanciar ideolóxicamente con ironía da cosmovisión de Branhas, ou, pola contra, apoiatura a algunhas das matinacións contidas nese primeiro treito da obra? A vós, leitores, corresponde xulgáredes co voso proprio criterio.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.