1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (3 Votos)
Xosé Manuel Beiras

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

Em coluna

África aldrajada (rumo a Dakar)

Xosé Manuel Beiras - Publicado: Domingo, 06 Fevereiro 2011 01:00

Xosé Manuel Beiras

Nun par de días, voume a Dakar.


Non por facer turismo, que nunca gostei de facer turismo nos países onde prolifera a miseria e eu, en canto europeu, síntome involuntario co-responsábel dela. Por moi exótico que o país poida resultar ser pra nós. Sempre me rebule no maxín a certeira ironía do Galeano cando escribiu que, nos países exóticos, dende o punto de vista dos nativos, o exótico é o turista. Cousa moi a ter en conta neste país noso, onde eu dixen sempre que os pailáns están todos nas cidades, e non nas aldeas. E non falo só da miseria material: tamén da que tolle as liberdades da xente do común -que por riba adoita ser inda peor cá outra. Por iso non fun a Tunisia nestes anos en que estivo tan de moda. Menos mal que agora está a ser noticia, e "de primeira plana", por algo que non cadra coa propaganda publicitaria ao uso para engado de turistas, senón, afortunadamente, pola rebelión popular contra un réxime político tiránico e corrupto que semellaba non ter fin. Inesperada, disque. Como a de Exipto, logo. Pois a min xa me tardaban. Como me tarda acó, onda nós. Neste recanto dunha soberbia e ensimesmada Europa que arestora viaxa no furgón de cola do tren da Historia contemporán da humanidade. No actual contexto resúltame máis incomprensíbel que nunca a ridícula fachenda eurocéntrica. Será se cadra só espricábel pola "razón preguiceira" descrita por Sousa Santos. Ou será porque nos convirtemos na derradeira colonia que lle resta, e ben aferrollada aínda, á metróple imperial ianqui e o seu brazo armado, o FMI. Si, si. Espertade, súbditos europeus: arestora o "terceiro mundo" somos nós. Ou imos camiño de sélo moi axiña -iso si, en "alta velocidade".

Así que non vou a Dakar de turista. Que ir nese plan ao Senegal até sería un aldraxe aos senegaleses que petan ás portas da kafkián rochaforte europea só pra apandaren eiquí cos choios máis ruíns que onda nós ninguén gosta de facer, ou sobreviviren como "clandestinos" -cando dan chegado e non afogan ao naufragaren as chalanas nas que fan a travesía do mar despois de teren feito a do deserto, literal e non metafóricamente. "Clandestino, ilegal: soy una raya en el mar" -que solidariamente cantou o noso paisano Manu Chao.

Non, non vou facer turismo. Vou participar nas sesións do Foro Social Mundial que, para esta edición, decidiu voltar a África e escolleu Dakar como sede. Xa anteriormente, a do 2007 celebrárase na capital de Kenya, Nairobi. E entremedias, desque se acordou que a cadencia dos cumios do FSM fose bianual, a do 2009 tivera lugar en Belem do Pará, no corazón da Amazonia brasileira. Alí fixera eclosión a presencia dos movementos indixenistas americanos, coa orgaización dun espazo proprio da rede dos "povo orixinarios" nese Foro. E tamén alí coallara por vez primeira a iniciativa da Conferencia de Nacións sen Estado de Europa (CONSEU) de orgaizar un espazo protagonizado conxunta e coordenadamente polos povos e nacións sen estado dos distintos continentes, no que, alén dos europeus, participaran kurdos, tamiles, palestinos, saharauis, amazigs e máis os povos orixinarios que se declaran nacións americanas, dende os maias guatemaltecos aos mapuches do cono sul. Ao remate das sesións, acordaramos constituir entre todos unha "Rede mundial dos dereitos colectivos dos povos". Formalizouse o ano pasado en Girona, e agora vai participar como tal no FSM de Dakar. Alí estaremos nós, os galegos de nación... sen estado. Malia ese noso estado-de-carencia-de-estado -poisque o sucedáneo de tal cousa instalado a carón da Almáciga compostelán non ousa exercer de tal en foros internacionais sen permiso da superioridade, decote encarnada en "profetas do non", ou?.

E a seguida das sesións do Foro, as do seu Consello Internacional, no que a nación galega ten activa presencia como membro da CONSEU, e máis na sua Comisión de Estratexia. O nexo antre acción cívico-social no seo da sociedade civil e proxeción na instancia política estrita é unha custión clave que se está debater no CI, no contexto da xestación dunha "nova cultura política" -e que comprirá elucidar e resolver de vez en Dakar. Está enunciada en termos inequívocos por Gustave Massiah, coordenador da devandita comisión, nun documento reproducido polo "Altermundo" no GH do domingo pasado. Reparade neste celmoso anaco dese texto: "No marco do FSM de Dakar, unha pregunta clave será a das saídas políticas das mobilizacións sociais e cidadás. Trátase ao mesmo tempo da expresión política dos movementos [sociais] e da sua representación nas institucións, no escenario político e o goberno dos Estados. A nível do conxunto dos movementos, a reflexión avanza sobre a necesidade de precisar, mediante unha nova cultura política, a relación entre poder e política. O proceso dos FSM sentou as bases desta nova cultura política -horizontalidade, diversidade, converxencia das redes cidadás e dos movementos sociais, actividades autoxestionadas...- pero aínda debe innovar en varios eidos da política e do poder para poder así superar a antiga cultura política que aínda predomina". E cómpre elucidar e resolver esa custión crucial no urxente contexto das catro dimensións primordiais da actual "crise estrutural da globalización capitalista" -social, xeopolítica, ecolóxica e ideolóxica. Eis o que está en xogo. Eis o repto que imos defrontar cidadáns dos cinco continentes no corazón dunha África espoliada e empobrecida, dunha África aldraxada e humillada que, porén, está a soerguerse cunha enerxía, unha dignidade e unha capacidade de loita colectivas eiquí descoñecidas ou silenciadas, mais que veñen de lonxe e algúns tiveramos xa a fortuna de apalpar e avaliar no FSM de Nairobi -e agora estáse a tornar eclosión popular.

África aldraxada, África humillada: velaí o rótulo dun valente e fascinante libro de Aminata Traoré editado hai un par de anos. Aminata Dramane Traoré, a grande e culta inteleitual e activista, escritora e loitadora, nunha ocasión ministra de cultura de Mali, autora do lúcido diagnóstico e demoledor alegato en defensa da África negra titulado L"étau, que tánto me impresionara hai xa un decenio. O vran pasado, en Nantes, cando do Foro Mundial dos Dereitos Humanos, achara e mercara estoutro, L"Afrique humiliée, e lérao dunha sentada. Estou a relélo agora, a xeito de preparación mental e anímica para Dakar -eu que nunca crín nos exercizos esprituais, nen tan sequer profanos!. E pásame o mesmo que me ten acontecido xa con outras obras clave da literatura "terceiromundista" de combate desalienador e emancipador, chámense os autores Fanon, Memmi, Galeano ou Césaire, por caso: non podo evitar que, mentras leo, rolde no meu maxín, en metamorfose transfigurada, a "negra sombra" do meu proprio povo. Se cadra é unha obsesión fóra de cacho, mais coido que se os galegos leramos esas obras tan "exóticas" aprenderíamos moito encol de nós mesmos.

Transcribireivos agora só dous pequenos anacos como mostra e despedida. Un: "Non hai ninguén máis ladrón nen máis corruptor que o mercado supostamente "libre e concurrencial", no que os que gañan fan trampas, minten e matan con total impunidade, pero a lume lento, a traveso das políticas que impoñen. A "violación do imaxinario", que é unha das regras do xogo, consiste en facer interiorizar aos africanos o sentimento do seu fracaso en apreixaren e aproveitaren as oportunidades do sistema". E outro: "Nós estamos sobretodo enfermos desa falla de vontade de diagnosticarmos e nomearmos aquilo do que estamos doentes. Deixamos aos incompetentes doutores que están ao pé dos nosos cabezales dicírennos de qué se trata e cómo remedialo". Vós diredes. Eu despídome: deica a volta.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.