1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)
Alberte Momán

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

O pasteiro

Notas sobre o sector lácteo galego

Alberte Momán - Publicado: Terça, 09 Março 2010 00:22

Breves notas sobre o sector lácteo galego

Alberte Momán

A falta dunha política agraria propia, o progresivo endebedamento das explotacións, a tendencia marcada cara o intensivismo e a conseguinte dependencia de insumos externos, a escasa mobilidade do terreo, foron algúns dos aspectos que deterioraron un dos sectores claves para Galiza, impedíndolle desenvolverse como sería desexable nun país coas nosas potencialidades. 


Ao referírmonos á problemática do sector lácteo galego, tendemos a falar en exclusiva dos prezos do leite, ás veces sen saber a orixe dese prezo final e descoidando outros aspectos, propios do país e que o marcan, definitivamente, fronte outros países produtores. Cómpre analizar as características do agro para comprender do que falamos cando falamos da crise dun dos sectores produtivos máis importantes da Galiza. 

Breve retrospectiva

É a finais dos anos setenta, que a Organización Común de Mercados toma a decisión de elaborar un plano que incida na desincentivación da produción láctea. Dado que as taxas de autoaprovisionamento superan as capacidades de autoxestión que até aquel momento a Comunidade Económica establecía para a protección fronte a terceiros dos produtos comunitarios. En 1984, en Consello de Ministros, a CEE decide, entre outras medidas, establecer o sistema de cotas. Instaurado dentro do Estado Español, na práctica, no ano 1992, establécese un límite por gandería, segundo unha cota referencial, recollendo os datos de entregas da campaña do 1983. A gandería que supere ese límite establecido, deberá pagar unha sanción que se corresponderá co 115% do prezo indicativo do leite.

A lei que define a cota leiteira, denominada plano de reorganización do sector do leite e dos produtos lácteos, establece, en base ao antedito e entre outras cousas, unha cota de Reserva Nacional, conseguida en función das entregas do ano 83 xunto co 90% da cota entregada na campaña 91/92 a aqueles que tivesen entregado no período de referencia e un 80% da cota da campaña 91/92 para aqueles que no período de referencia non tivesen entregado leite, e  unha liberalización das cantidades asignadas a cada gandería, por medio do abandono, a venda, arrendamento ou calquera outra fórmula de transmisión.

Neste sentido, o Ministerio de Agricultura, pensando na conxelación das cantidades producidas, observando cada Comunidade Autónoma por separado, propón planos de abandono que permitan a dispoñibilidade de cota circulante dentro dun mercado que se establecerá libre.

Análise de situación das explotacións

As características das ganderías a mediados dos anos noventa era a dun pobre dimensionamento, co 66% delas con menos de 20.000 kg de cota, o que se corresponde cun total de en torno a nove animais, pero con grandes capacidades de crecemento, dada a moi rápida mellora da produtividade, ben pola adquisición de animais, frisón, de máis alto rendemento, como a maior tecnificación que permite melloras na conservación e, polo tanto, no almacenamento e aumento progresivo dos litros de leite producidos. A utilización de ensilados e outros insumos de alto valor proteico, permitiron un aumento na cantidade de leite por animal.

A súa rápida evolución confirmouno como o principal sector, a nivel interno, e a Galiza como a principal produtora dentro do Estado.

Avaliación e consecuencias

Por unha parte, a rexionalización na asginación das cotas, xunto co seu reparto sen ter en conta a produción posible de cada zona, fixo que Galiza fose a grande prexudicada, xa que cunha capacidade de crecemento moito maior que outras partes do Estado, veu coutadas as súas expectativas á hora de redimensionar cada gandería. Por outra banda, o libre mercado nas transmisión das cotas (desligando a cota da explotación e permitindo que fose o propio mercado quen fixase o prezo, o que favoreceu a especulación), impediu que moitas explotacións, entre as máis pequenas, puidesen aumentar  as súas entregas, dada incapacidade manifesta para desembolsar as grandes cantidades esixidas na compra-venda. A imposibilidade para aumentar a produción e con isto os ingresos, deixou fóra do mercado do leite, moi centrado na intensificación e na produción de cantidades, a moitas explotacións que, sen outras alternativas, e considerando que existían planos de abandono abertos, optaron polo peche das ganderías. A escasa mobilidade da terra, producida polo excesivo parcelamento das superficies, favoreceu as limitacións á hora da produción de forraxes o que, xunto coa maior esixencia de alimentación con alto contido en proteína, permitiu a alta dependencia das ganderías aos insumos externos, facéndoas febles fronte ás variacións de prezo destes. A intensificación, mostrada nun rápido aumento do número de animais, e fóra doutras solucións arquitectónicas de máis baixo custe, incrementou os custes pola amortización das instalacións propias da actividade. A inexistencia dun prezo estable do leite, xunto coa existencia de primas, na composición do prezo final, que nada tiñan que ver coa calidade deste (primas de cantidade), favoreceu grandes diferenzas de prezo percibidas polas distintas ganderías, véndose desfavorecidas aquelas con maiores limitacións de produción, incidindo, deste xeito, no abandono.

Conclusións

Sendo consciente da dificultade de resumir os últimos corenta anos de historia nun só artigo e sabedor de que foron moitas as cousas que se omitiron, tentando dar unha imaxe global e a un tempo particular da situación das nosas explotacións, vou tentar dar sentido a toda esta información.

Dada a conxuntura europea, que marcaba as políticas do Estados membros, optouse dende o MAPA e coa conivencia a Xunta de Galiza, por un sistema produtivista, por unha parte, pero con grandes limitacións, pola outra. No canto de favorecer, racionalmente, un aumento da produción que permitise a supervivencia do maior número de explotacións posibles, favoreceuse o abandono. No canto de establecer medidas que servisen á mobilidade do territorio, para conseguir un maior tamaño das explotacións cun mínimo custe, abandonouse por completo a tentativa de políticas propias e adaptadas ás circunstancias particulares de cada zona. Optouse por fórmulas neoliberais que incidiron no endebedamento das ganderías e non na redución dos custes de produción, co que, a prezos finais do leite, moi semellantes e incluso superiores a os doutros países da Unión Europea, os beneficios netos das explotacións galegas son moi inferiores.

A política de subvencións, fóra de ir encamiñadas a solventar os problemas expostos, tentaron enmascarar a problemática xurdida por un completo abandono do sector por parte das administracións públicas, tanto galega como estatal, deixando ás ganderías galegas á sorte do libre mercado, sen defensa algunha fronte á competencia con outros Estados produtores.

Como tentei mostrar neste artigo, falar exclusivamente de prezos cando falamos da crise do sector lácteo galego, é un erro, correspondéndose este cun só apartado, dándose a súa relevancia como consecuencia doutros factores.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Você não pode postar qualquer comentário.

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.