1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)
Alberte Momán

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

O pasteiro

Ecoloxia de mercado

Alberte Momán - Publicado: Segunda, 29 Março 2010 13:43



Alberte Momán

Lonxe das teorías máis reaccionarias que comparan a Agricultura Ecolóxica cunha involución tecnolóxica e daqueloutras que promoven o retorno cara o autoconsumo, a imitación dos movementos que defenden unha fonda reforma agraria por toda latinoamérica, cómpre idear un mercado propio do ecolóxico que se guíe por unha filosofía respectuosa co medio e co entorno socioeconómico. 


Debemos considerar se a defensa que por distintos medios nos chega ao respecto do ecolóxico, ou do sostible, responde realmente a unha fonda preocupación pola situación de emerxencia xerada despois de anos de explotación irracional dos recursos, ou sinxelamente a unha nova estratexia de mercado baseada nos mesmos fundamentos que se promovían co que se deu en chamar agricultura convencional ou non sostible. 

Para iso, cómpre definir cales deben ser as normas que marquen a pauta do que se dea en chamar ecolóxico. Resulta netamente insuficiente considerar o ecolóxico como os cultivos conseguidos por medio dun sistema produtivo que non utiliza agroquímicos. Como acontece noutros sectores, nomeadamente o lingüístico, que por desgraza está de moda ultimamente, a conservación da lingua define outros aspectos como os da identidade e da independencia, servindo de nexo a estas xa antigas reivindicacións. No caso da agricultura, o ecolóxico debe considerar aspectos sociais ou sociolóxicos (elaboracións de produtos de consumo local, que respecten as tradicións alimentarias das distintas zonas, etc) máis tamén aspectos económicos (permitan rendas mínimas para os/as produtores/as, xeren riqueza nas zonas de produción), xunto cos aspectos medioambientais e enerxéticos (reducir ao mínimo desprazamentos, fomenten a diversidade de cultivos, creación de sistemas pechados que recuperen fontes de enerxía xeradas na propia explotación, etc).

Tendo en conta todo isto, debemos pensar se os produtos, con cadansúa etiqueta do Consello Regulador correspondente, que atopamos no centros comerciais e outras superficies, respectan cada unha das premisas que vimos de mencionar anteriormente. O feito de que un produto viaxe até nós dende calquera parte do mundo, ou o feito de que determinados cultivos sexan producidos sen ter en conta a diversidade en parcelas destinadas ao monocultivo dunha soa variedade, en principio non respectarían as premisas enerxéticas e de respecto da diversidade.  Isto resulta importante, sobre todo en cultivos que perfectamente podemos atopar producidos nas nosas áreas de influencia e que compiten directamente cos vidos de fóra.

Como consumidores debemos valorar na súa xusta medida, para facermos unha compra responsable, ademais da etiquetaxe, a localización e as condicións nas que foi producido. Debemos pensar que unha produción etiquetada en ecolóxico, pode chegar a ser máis lesiva para o medio que outra sen etiqueta pero producida e comercializada nunha mesma zona.

Con todo, non debemos esquecer que a agricultura ecolóxica é unha actividade económica, e malia que toda experiencia neste sentido é beneficiosa, cómpre non confundir as explotacións agrarias daqueloutras producións de lecer ou como complemento económico que, sen perder valor social, non crean un tecido produtivo forte e consolidado. Ao que Galiza debe aspirar é á produción responsable e viable economicamente, o que significa unha dimensión de explotación que permita non só a subsistencia das familias, senón tamén que incida positivamente na creación de riqueza no entorno. A renda agraria, polo tanto, debe ser considerada como un factor importante á hora de promulgar a filosofía pola que se guíe toda actividade, xa que o descoido destes aspectos pode resolverse en contra das propias producións. 

Do que se conclúe, que é tan perigoso un sistema baseado en explotacións grandes que incidan no monocultivo como o que, respectando todas as premisas que marquemos ao ecolóxico, non xere unha renda que permita a subsistencia das persoas implicadas.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.