Desta volta foi un traballo máis minucioso que noutras ocasións. Boa parte dos anfibios rescatados eran tritóns que estaban agochados entre a pouca vexetación que queda na canle.
Finalmente rescataron máis de 150 anfibos da canle: 38 individuos de Rana iberica, 2 de Bufo spinosus, 13 de Pelophylax perezi, 22 de Triturus marmoratus e 80 de Lissotriton boscai, así como tres exemplares mortos e un deles a piques de facelo. Habería que ter en conta que os Vixiantes xa rescataron 112 anfibios e o problema continuará nos vindeiros dias, xa que se prevé que co aumento das temperaturas se incremente o movemento dos anfibios.
Dende ADEGA queren agradecer ao voluntariado participante a súa colaboración así como aos persoal de Conservación da Natureza.
Porén, entenden tamén que despois de tres campañas adicadas ao rescate destes anfibios deberiase buscar unha solución que evite estas situacións. De feito a canle estase a limpar, eliminando a pouca vexetación que ten e impermeabilizando o vaso, o que complicará aínda máis a supervivencia dos animais atrapados nela.
Os fondos que se están a investir para recuperar esta canle deberían contemplar tamén unha solución a este problema. Os cartos públicos non deberían contribuir a manter unha trampa mortal para moitos animais, nomeadamente anfibios, un dos grupos de vertebrados máis ameazados do planeta.
A solución a este problema pois, non debería agardar outro ano máis.