Foto de Tracy Hunter (CC by/2.0/)
O sábado, 23 de abril, a Rede convoca unha manifestación ás 13 horas en Compostela
Nace a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, unha plataforma formada por máis de 45 colectivos, asociacións, ONGD, sindicatos, partidos políticos e persoas individuais que ten por obxectivo mobilizar á cidadanía galega na defensa dos dereitos das persoas refuxiadas, informar sobre a súa realidade, denunciar a política migratoria da UE e incidir politicamente nas administracións. A Rede, aberta a que se sumen outros colectivos, presentouse hoxe en rolda de prensa.
Baixo o lema, RACHEMOS COAS FRONTEIRAS, NON ÁS GUERRAS, a Rede presentou o seu manifesto no que inclúe demandas dirixidas aos goberno da Xunta, ás administracións locais e ao executivo estatal, para esixir a garantía e o cumprimento dos dereitos das persoas refuxiadas. O manifesto pódese atopar na súa web www.rederefuxiadas.org. Entre as súas reivindicacións, destacan:
-
Que se revise en profundidade a política migratoria e exterior europea. O modelo de Europa fortaleza está a dilapidar millóns de euros nunha sinistra infraestrutura de vixilancia, disuasión, control, intimidación e violencia mentres elude calquera xestión global que antepoña a vida das persoas. Só abandonando a actual política exterior baseada no lucro imperialista que vulnera a soberanía dos pobos e camiñando cara unha outra centrada na cooperación e na loita contra as desigualdades, poderemos atallar a raíz das crises migratorias e actuar de maneira solidaria perante os seus efectos.
-
Ampliar e axilizar o sistema de asilo para as persoas que xa están no Estado español e Galicia que actualmente están pendentes de ser atendidas, mediante o reforzo da Oficina de Asilo e Refuxio do Ministerio do Interior e de persoal debidamente formado nas Oficina de Estranxeiría, para conseguir unha maior axilidade nas entrevistas de solicitude.
-
Que as administracións asuman que son elas as responsables de garantir os dereitos das persoas refuxiadas e promover a súa autonomía. Iso significa que haberá que promover a súa integración facilitando alugueres de pisos, garantido o acceso ao sistema educativo e sanitario, a través da mediación lingüística, etc.
-
Que a Xunta de Galicia poña a disposición das persoas migrantes e refuxiadas recursos que tamén beneficien ao conxunto das persoas en situación de pobreza e/ou exclusión: recursos sanitarios, de reforzo escolar e educación inclusiva plena, de tradución, de integración e mediación, etc. Para iso, ademais de incrementar os escasos recursos existentes, haberá que promocionar a formación entre as persoas que os atenden e asegurar a coordinación cos xa existentes.
-
Que se recuperen os fondos de cooperación e os programas de atención á poboación de orixe estranxeira previos aos recortes, imprescindibles para mellorar a situación nos países de orixe e a construír unha sociedade xusta e cohesionada
O primeiro acto público será a convocatoria dunha manifestación, á que a Rede convida a participar ao conxunto da cidadanía galega, este sábado, 23 de abril, en Santiago de Compostela. A manifestación desenvolverase a partir das 13:00 h con saída na Praza Roxa e final na Praza 8 de Marzo (Porta do Camiño) baixo o lema Rachemos coas Fronteiras, Non ás Guerras. Ás 17:00 horas, na mesma Praza 8 de Marzo, comezará a Gala Refuxiadas, un acto organizado por Refuxiadas Compostela ao que tamén se suma a Rede.
Realidade das persoas refuxiadas
Nos últimos anos, Galicia acolleu centos de persoas refuxiadas de países como Siria, Cuba, Congo, Costa do Marfil, Irán, territorios Saharauís, Colombia, Ucraína, Kirguizistán, Camerún, Chad... E tamén moitas outras persoas de territorios en conflito que chegaron ao noso territorio en busca dunha vida segura e normal: xente de Mali, Ruanda, Serra Leona, Burkina Faso, O Salvador, Afganistán ou Albania. Persoas que, a pesar de sufrir unha persecución e de que o seu Estado non lles garante a súa seguridade persoal, nunca conseguirán que se lles recoñeza o dereito de asilo por proceder de determinados países.
O peche de fronteiras e a presión producen efectos nefastos. Confirmouse esta semana co naufraxio e desaparición de 400 persoas en Lampedusa, a actual ruta de entrada de persoas que foxen da guerra en Siria despois do acordo entre a UE e Turquía. Unha vía moitísimo máis perigosa que a xa insegura Lesbos. A desesperación sempre supera ao horror. E unha fronteira pechada non vai conter a persoas que foxen dunha guerra.
Por outra banda, é importante destacar que a problemática das persoas refuxiadas non é nova: no Estado español hai xa centos de persoas solicitantes de asilo ás que non se lles está dando resposta. A atención na única Oficinas de Asilo e Refuxio de Madrid, onde se tramitan as solicitudes de asilo, leva anos colapsada. Actualmente, o proceso de obtención do estatus de persoa refuxiada chega a demorarse ata 5 anos, motivo polo cal unha parte importante destas persoas acaban por regularizar a súa situación por outras vías legais como o arraigo social, o cal significa que perden todos os dereitos que establece a Convención sobre o Estatuto das Persoas Refuxiadas, como, por exemplo, o dereito a unha vivenda.
O complicadísimo camiño de conseguir o recoñecemento como persoas refuxiadas ou simplemente permisos para vivir e traballar. A aprendizaxe do idioma. O labirinto de trámites para lograse asistencia sanitaria ou axudas sociais. O acceso a un posto de traballo. O imprescindible apoio psicolóxico que necesitan as persoas que pasaron por situacións traumáticas durante moito tempo... Todos estes recursos son imprescindibles para garantir a medio e longo prazo unha verdadeira acollida ás persoas que solicitan asilo en Galicia.