O Castelo de San Felipe de Ferrol converterase, a partir do próximo mes de xuño, no cenario principal dun filme que lembrará a historia de Amada Garcia Rodrigues, militante comunista natural de Mugardos (A Coruña), fusilada na fortaleza hai 78 anos.
Baixo o título de 'San Felipe', a longametraxe producida por Atresmedia estará inspirada na historia desta muller detida, sometida a un simulacro do Consello de Guerra e condenada á morte, estando grávida. Todo por defender ao goberno da República tras o golpe de estado de 1936. Foi fusilada no Castelo de San Felipe en 1938, despois do nacemento do seu fillo.
O director e guionista da cinta será Jorge Núñez, que este martes mantivo unha reunión co alcalde da cidade, Jorge Suárez. "Queremos que o cinema conte a historia desta heroína galega. Viñemos a pedir unha pequena colaboración ao Concello e tamén os permisos de rodaxe", explicou Núñez.
A cinta contará con actores coñecidos como Juan Diego, Asunción Balaguer, Willy Toledo ou Enrique Escudero. De feito, o director acudiu ao concello acompañado de Toledo, recoñecido antifranquista e militante de esquerdas.
O pasado 27 de xaneiro, día do aniversario do fusilamento, varios membros da corporación municipal realizaron xa na fortaleza unha ofenda floral para lembrala e tamén alí Jorge Suárez avogou pola necesidade de que "as novas xeracións coñezan estes feitos".