1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)

afaafgbiGaliza - Adega - Paratermo Energía SL pretende instalar unha planta química para gasificar carbón e producir metanol en pleno Macizo Central ourensán, e dentro do territorio de cría da aguia real. Outro "proxecto milagre" no medio do monte a ver se alguén pica...


Delirios químicos na montaña ourensana

ADEGA vén de apresentar alegacións a outro delirante proxecto que, mediante a instalación dun polo químico en pleno Macizo Central, pretende transformar para sempre a vida no despoboado rural ourensán, traendo ducias de postos de traballo, etc. etc.

Trátase de gasificar carbón para obter metanol (un alcol) e hidróxeno (un gas), ambos combustíbeis. O proceso é fortemente endotérmico precisando grande cantidade de enerxía obtida mediante captadores solares. Ten tamén un elevado consumo de auga (preto de 40.000 m3/ano) que bombearán do río Camba. Cómpre ter en conta que o transporte do carbón dende as bacías mineiras de Asturias e León, a centos de quilometros, xerará importantes emisións de gases de efeito invernadoiro, alén dos derivados do proceso químico de gasificación.

Chama temén a atención o feito de que esta actividade pretenda ubicarse sobre chan rústico nun espazo fóra das diversas superficies industriais da provincia de Ourense, moitas delas infrautilizadas, e afastada das principais vías de comunicación  precisas para o transporte da materia prima (unas 100.000 Tm/ano de carbón) e a distribución dos produtos (75.000 Tm/ano de metanol) e subprodutos (375 Tm/ano de H2).

A empresa promotora, Paratermo Energía, SL, non conta tampouco con financiamento para facer fronte aos investimentos requeridos polo proxecto, uns 54 millóns de €, pretendendo sufragar a maioría dos custos mediante cretos (35 M€) e subvencións e axudas públicas (2,8 M€), así como co propio capital social, malia a que este é só de 3000€, tal como recolle o Rexistro Mercantil. Considerando a implicación dos promotores en iniciativas similares (Granadilla de Abona, 2009; Tabernas, 2012) todas rexeitadas polas administracións, semella evidente que a viabilidade económica do proxecto está directamente condicionada á obtención de financiamento privado (banca e/ou investidores) así como de axudas públicas. Podemos supoñer xa que logo, con pouca incerteza, que é este o principal obxecto do negocio.

Forte impacto no medio e ameaza para a aguia real

Malia a que o proxecto non ocupa en superficie ningún espazo protexido (sitúase a poucos centos de metros do LIC Macizo Central e do Río Camba, proposto pola Xunta para integrar a RN2000 en 2011), as afeccións das actividades descritas incidirán negativamente sobre a da paisaxe, os hábitats e as especies.

Polo que atinxe á paisaxe, a explanación de preto de 200 hectáreas de chan rústico nun espazo de alta calidade visual resulta manifestamente incompatíbel coas determinacións da Lei 7/2008 de proteción da paisaxe de Galiza.

Polo que atinxe aos hábitats, o proxecto implica a eliminación ou alteración dunha ampla área con presenza do hábitat de interese comunitario 4030, “Queirogais secos europeos”, e dun hábitat de conservación prioritario, os “Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsor, código 91E0*, na zona do val do río Camba. Neste senso, o promotor non pode invocar as excepcións do artigo 6 da Directiva 92/43 CEE de Hábitats, relativa ás actuacións sobre hábitats prioritarios, por canto a actividade que promove non pode ser considerada “de interese pública de primeira orde” e ademáis podería desenvolverse noutras localizacións máis acaídas.

Especial consideración merece a aguia real (Aquila chrysaetos) especie en perigo de extinción que nas proximidades da planta industrial, conta cunha das escasas parellas reprodutoras de Galiza (ver foto tirada in situ, creto: Ramsés Péres). Trátase dunha área crítica de nidificación no territorio do Macizo Central Ourensán, segundo o recollido no Plano de Recuperación da especie para Galiza (TAPIA & GIL, 2009).

A aguia real é unha especie moi sensible ás molestias de orixe antrópica durante o período reprodutivo especialmente no período de selección de cantil de nidificación e fases de incubación. As perturbacións humanas nas inmediacións dos niños poden provocar o abandono e o desprazamento das aguias a zonas menos óptimas para cazar. A este respeito, unha planta química a escasos metros dunha área crítica de nidificación tería efectos negativos sobre o éxito reprodutivo da especie.

ADEGA reclama da Xunta a denegación da AAI (Autorización Ambiental Integrada) para esta actividade, alertando ás administracións implicadas que non se deixen embaucar por estes "proxectos miragre" e rexeiten adicar un só euro público a "negocios" coma este.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.