Foto de Javier (CC by-nc-nd/2.0/) - Um bombeiro em Paços de Borbém.
Entenden que "o futuro da nosa profesión está en risco. O futuro dos nosos postos de traballo. A seguridade do noso colectivo… pero por enriba de todo, somos coñecedores de que este risco afecta de xeito directo á cidadanía á que nos debemos".
Participar do feito de que empresas privadas xestionen un servizo público do calado do servizo de extinción de incendios e salvamento, é ser cómplices do menoscabo do mesmo. "Ás galegas e galegos, teñen dereitos de igual xeito que o resto de cidadáns do estado español, polo menos na teoría, porque dende logo no que se refire á practica non é así", din.
Dende a administración autonómica estase a emprender unha "política de descontrol que se podería tachar de ilegal polo xeito no que contravén o que recolle a Lei de Emerxencias de Galicia. Lonxe de dar cumprimento á mesma, no tocante á homoxeneización das condicións laborais dos bombeiros galegos, tenta afondar máis nas diferenzas. Lonxe de potenciar os corpos existentes de bombeiros, proxecta novos corpos paralelos, con profesionais que deberían estar nos nosos parques, chegando así a facer servizos minimamente dignos para a nosa cidadanía, e non sostendo moitos servizos insuficientes, con carencia de persoal".
Compras de equipos multimillonarias que se levan a cabo sen a consulta aos traballadores, e que en moitísimas ocasións supoñen equipación inservible, infraempregada, ou desproporcionada. Investimentos desorbitados en instalacións… "Falamos de transaccións que o único que fan é cambiar os cartos de mans, sen senso algún na meirande das ocasións".
É todo isto baixo a ausencia dun regulamento da profesión de bombeiro que a propia Lei esixe á Xunta de Galicia que leve a cabo.
Dende o parque de bombeiros de ARTEIXO, ARZÚA, BETANZOS, BOIRO, CARBALLO, ORDES E RIBEIRA queren deixar claro que non están de acordo coas políticas que se están a levar a cabo por parte dos gobernos, principalmente do Partido Popular, que apostan pola privatización dos servizos de emerxencias, non xa só do corpos de bombeiros, senón tamén do centro de atención de emerxencias 112 Galicia, o dos servizo de urxencias médicas 061.
Por todo isto, o día 18 de abril, diranlle ao señor Baltar que non queren que o servizo de bombeiros continúe en mans de empresas privadas. Que queren "prestar un mellor servizo á cidadanía, porque as galegas e galegos temos os mesmos dereitos que o resto de españois".