1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

farandolaGaliza - Cineclube Compostela - O Cineclube de Compostela comeza o mes de abril cunha proxección que entronca co ciclo de ciencia ficción que ocupou a programación en marzo. En concreto, este mércores 6 poderemos ver o filme As aventuras extraordinarísimas de Saturnino Farandola (Le avventure straordinarissime di Saturnino Farandola, Marcel Fabre, Italia, 1913), unha sorprendente fita italiana silente en catro episodios que narra as peripecias dun aventureiro por todo o mundo. A sesión terá lugar, como é habitual, no CS O Pichel (Santa Clara, 21) a partir das 21.30 horas.


Saturnino Farandola, o aventureiro creado a finais do século XIX polo novelista francés Albert Robida, viaxa neste filme a través de illas tropicais, o fondo do mar ou mesmo o espazo, na busca de animais fantásticos e de personaxes excéntricas que lembrar o universo de Jules Verne. O filme está dividido en catro episodios: A illa dos simios, Á busca do elefante branco, A raíña dos Makalolos e Farandola contra Fileas-Fogg.

A medio camiño entre a primeira ciencia ficción e a súa parodia, As aventuras extraordinarísimas de Saturnino Farandola foi producido pola Sociedade Anonima Ambrosio di Torino e orixinalmente presentado como un serial de catro episodios, ao estilo dos que eran habituais nos primeiros tempos do cinema. Actualmente só dispomos dunha copia “reducida”, nun único filme de 1612 metros. Nela, contodo, consérvanse todos os episodios iniciais, e pódese apreciar a gran cantidade de innovacións da fita, e probabelmente4 só falten momentos que algúns críticos da época definiran como “interminábeis”.

Aínda que hoxe é visto coa perspectiva ineludíbel de Méliès, este filme non só remite a este pioneiro do cinema, que xusto se acababa de retirar, senón que se basea nas ilustracións feitas por Albert Robida para a edición orixinal da novela Viaxes extraordinarísimas de Saturnino Farandola. Unhas ilustracións que, como xa apuntara Georges Sadoul, serviran de inspiración para o universo meliesiano, polo que todo ese mundo da primeira ciencia ficción féchase dalgunha maneira nesta obra.

Marcel Fabre, nacido en Madrid en 1887 como Marcelo Fernández Peréz, é especialmente coñecido por interpretar a personaxe cómica do cinema mudo Robinet. Comezou a súa carreira artística como acróbata e pallaso de circo, tras o que entrou no cinema para algunhas fitas cómicas da Pathé.

No 1910 entra a traballar na compañía italiana Ambrosio Film di Torino, onde encarnou a Robinet, a resposta desta firma á competencia da Itala Film, que estaba a ter éxito co cómico francés André Deed (do que puidemos ver O home mecánico a semana pasada). Alí comeza a dirixir tamén, non só os propios filmes da serie Robinet, senón tamén das series Fricot e Gigetta, e outros títulos como o que poderemos ver este mércores.

Durante a guerra mundial, emigra aos EUA onde, baixo os nomes de Tweedle-Dum, Twede-Dan e Tweedy, retoma unha serie inspirada en Robinet, ademais de dirixir e interpretar outros filmes. A partir de 1923, logo de serlle amputada unha perna, dedicarase unicamente á dirección e a escritura de guións. En 1929, falece en Los Angeles vítima dun cancro.  

A vindeira cuarta feira, 13 de abril, o Cineclube proxectará o filme de misterio París perténcenos (Paris nous appartient, Francia, 1961), dirixido por Jacques Rivette, recentemente falecido. Ademais, o sábado desa mesma semana, 16 de abril, terá lugar a Festa de décimo quinto aniversario do Cineclube, coa proxección de Que foi, Tiger Lily? (What's Up, Tiger Lily?, Woody Allen, EUA, 1966) e os concertos de Atrás Tigre, Emilio José e Os Indígenas e Nistra (DJ Set).

O filme vai ser proxectado na súa versión orixinal con subtítulos en galego. A entrada é de balde, e pódese adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube. O Cineclube tenta ser unha asociación autoxestionada, polo que para manter o noso funcionamento, propoñemos unha achega económica persoal, cunha cota mensual de 5 euros para traballadoras e de 3 para estudantes e paradas.

PRÓXIMAS SESIÓNS

 

ABRIL 2016

Mércores 6 de abril ás 21:30 no Pichel
As aventuras extraordinarísimas de Saturnino Farandola
(Le avventure straordinarissime di Saturnino Farandola, Marcel Fabre, Italia, 1913, 61’, VOSG)

Mércores 13 de abril ás 21:30 no Pichel
París perténcenos 
(Paris nous appartient, Jacques Rivette, Francia, 1961, 136', VOSG)

Sábado 16 de abril no Pichel 
FESTA 15 ANIVERSARIO
19:30
 Que foi, Tiger Lily? 
(What's Up, Tiger Lily, Woody Allen, EUA, 1966, 80', VOSG)
21:30 Atrás Tigre
Emilio José e Os Indígenas
Nistra (DJ Set)

Mércores 20 de abril ás 21:30 no Pichel
One Way Boogie Woogie / 27 anos despois
(One Way Boogie Woogie / 27 Years Later, James Benning, EUA, 2005, 121’, VO)
Presentación do libro Documenting Cityscapes. Urban Change in Contemporary Non-Fiction Film
Coa presenza do autor Iván Villarmea 

Mércores 27 de abril ás 21:30 no Pichel
O cercado 
(L'enclos, Armand Gatti, Francia-Iugoslavia, 1961, 99’, VOSG)


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.