1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (2 Votos)

240416 jpGaliza - Sermos Galiza - Falamos cunha das nove persoas encausadas na 'Operación Jaro' após que a Audiencia Nacional desestimase o recurso da defensa contra a suspensión de Causa Galiza.


- A Audiencia Nacional acaba de declarar definitiva a ilegalización de Causa Galiza.

- Si, o termo técnico é “suspensión de actividades”. É unha ilegalización de feito: prohibe a actividade orgánica e a intervención pública. Trátase dunha vulneración de dereitos políticos en toda regra que pon de manifesto o nível de degradación deste rexime que, desde a óptica independentista, nunca foi unha democracia. Á marxe da nosa significación cuantitativa, o certo é que aquí e agora o mapa político galego modélase a golpe de patada na porta e Audiencia Nacional. O independentismo galego, como proxecto político e estratexia non supeditados a outros que non sexan independentistas, ten totalmente precarizada a súa existencia legal.

- Espallastes nas redes sociais que o auto da Audiencia Nacional tiña aspectos inaceptábeis.

- O auto de Velasco contén citas irrisorias como afirmar que as homenaxes aos fusilados en Carral en 1846 proban que conformabamos un “entramado” para “enaltecer, xustificar e promocionar o terrorismo”. É a literatura propia do tribunal de excepción. Na Galiza dicemos que “o papel terma do que lle boten acima” e este señor confírmao. Todo vale para bloquear o proceso independentista neste país.

- Estades agora inmersos nunha serie de palestras polo país para explicar tanto a 'Operación Jaro' como o escenario que deixou no independentismo. Que estades a perceber nesas palestras?

- Eu resumiríao en tres sensacións: moito interese, indignación e abraio polo relato dos feitos e as súas consecuencias e vontade de facer algo en termos de solidariedade sen saber, aínda, moi ben o que. A este respecto tomaremos iniciativas públicas nas próximas semanas e animamos a construilas e secundalas.

- Pasaron seis meses da vosa detención e declaración na Audiencia Nacional. Con máis repouso, cales son as claves que considerades que marcan esta operación e as súas consecuencias?

- Teño a impresión de que para entender o que sucede habería que meterse na mentalidade bélica do corpo que orixina o proceso: a Guardia Civil reduce o independentismo galego a violencia política e actúa con lóxica militar. A inconsistencia da premisa e o seu oportunismo son evidentes, mais é o terreno que pisamos. Aquí do que se trata é de segar a herba pola raíz, impedir que calle un proxecto independentista utilizando a coartada do que chaman “loita antiterrorista”, inocular medo e parálise e repetirnos até o aborrecemento, desde a “esquerda” e a dereita, que este país non ten vontade de ser. Neste sentido, acho que a nós se nos utiliza dalgún modo para exemplarizar. É a famosa frase agora transformada de “primeiro viñeron polos independentistas, mais eu, como non era...”. De todos xeitos, se a sabemos exercer, temos a capacidade como pobo para darmos a volta a esta situación.

- Desde un principio mantivestes que o proceso xudicial e punitivo ía ser longo e duro, polo que cumpría mentalidade de corredor de 'maratón'. Como plantexades o que vos fica por diante?

- Temos aínda moitos meses de segredo sumarial. Nesta fase, a Guardia Civil construirá os “perfís” de cada unha de nós a partir do que tira dos rexistos domiciliarios e dos seus obxectivos. Coa excepción do recente auto é probábel que non haxa maiores novidades até se levantar o segredo. O que propomos, encanto se descoñezan as acusacións personalizadas, é construír na sociedade un amplo estado de opinión contrario a este proceso político-xudicial, activar a solidariedade dos axentes sociais e políticos e erguer unha vaga de contestación contra a ilegalización que incorpore organizacións, colectivos e persoas, porque, de chegarmos a xuízo, estaremos frente a un proceso político con peticións de cárcere nun tribunal de excepción contra militantes que defenden o único proxecto para que este país sexa viábel: a independencia nacional. E iso merece, penso eu, unha resposta contundente como pobo independentemente de quen se sente no banco.

- A investigadora Helena Domínguez recoñeceu que a 'Operación Jaro' veu confirmar a validez das conclusións da súa tese de doutoramento na que, entre outras cuestións, constataba o “terrorismo” como escusa para punir e reprimir todo tipo de disidencia, nomeadamente o independentismo

- Efectivamente. O Estado español, escudándose na “loita antiterrorista”, actúa desde unha óptica policial sobre as organizacións políticas independentistas deste país. Ocorre desde 1975 e incluso antes: UPG, Galicia Ceibe (OLN), PGP, APU, AMI e, agora, Causa Galiza, son as contas deste rosario. Neste esquema, os medios, maioritariamente, son parte da estratexia. Criminalizan as organizacións e dificultan así, a consolidación do proxecto político independentista. Coñecín a tese de Helena nunha exposición pública e é curioso porque, sen partir de apriorismos ideolóxicos, mais dunha análise rigorosa, conclúe o que para moitas e moitas de nós era obvio desde hai moitos anos: o papel dos meios dependentes dos subsidios e o favor institucional na defesa da unidade do Estado español, a satanización do independentismo e a aplicación dun auténtico Dereito Penal do Inimigo á parte da sociedade galega que loita e traballa para a desconexión con España.

- O 'Operativo' xerou o rexeitamento e condena de todo o campo nacionalista e de boa parte da esquerda que hai neste país. Vai ser posíbel que esa reacción se concrete e faga visíbel nas futuras etapas do proceso que tedes que afrontar?

Esta é a nosa intención e temos a convición de que existen as condicións necesarias para facelo. Pola nosa parte, haberá absoluta disposición e cintura para ampliar e reforzar a resposta que xa se produciu cando as detencións, ou na mobilización de 24 de xaneiro. Escenificar a resposta social e política á ilegalización será o seguinte paso en breve. Hoxe, quen somos atacadas non somos tan só as persoas imputadas en Madrid. Nen sequer a militancia, senón o conxunto do pobo, ao que pretenden mutilar as opcións de futuro a base de patada na porta e tribunal de excepción. E iso debería ser algo inasumíbel para calquera persoa ou organización que se proclamase simplesmente “demócrata”.

Palestras das persoas encausadas na 'Operación Jaro':

30 de abril. Noia. 19:00. Casa da Cultura

5 de maio A Coruña. 19:30. Agra

12 de maio Ourense. 20:00 A Galleira


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.