1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)
Xosé Manuel Beiras

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

Em coluna

Eloxio da loucura

Xosé Manuel Beiras - Publicado: Terça, 16 Fevereiro 2010 18:26

Xosé Manuel Beiras

Socialmente, loucura e explotación de clase van de par. Non quer dicir isto que a segunda determine á primeira, senón que é un factor de xeración social dese síndrome e, sobre todo, un determinante da forma de resposta do poder -social e institucional- a esa conduta como problema.

 


ERASMO DE ROTTERDAM, "ELOXIO  DA LOUCURA" (TRADUCIÓN DE M.E.  VÁZQUEZ  BUJÁN), USC, 2004 

 

Finou Antón Moreda a semán pasada. Repousa agora na sua terra de San Miguel de Reinante, na Mariña luguesa. Quixo o azar que o seu enterro cadrase no mesmo día en que, en moitas ducias de vilas e cidades ciscadas polo mundo adiante aquén e alén mar, tiña lugar a apresentación simultánea de "55 mentiras sobre a lingua galega", o esclarecedor libro-alegato elaborado pola plataforma "Pro-lingua" en defensa da dignidade e os dereitos do idioma galego e dos seus falantes: ben feliz tería sido o Antón de ter chegado con vida a esa memorábel xornada. No albor dos anos sesenta, moi novo aínda, Moreda voltara de América, a onde emigraran os seus pais. Traguía consigo as arelas e o ideário dos nacionalistas republicáns galegos exiliados cos que se formara, e inseríuse activamente de imediato no proceso constituínte do Consello da mocedade, onde as xeracións novas de post-guerra percuraban e debatían a reorgaización política do nacionalismo na loita emancipadora contra o fascismo franquista. Na infelizmente efémera vida dese Consello, presidido por Luis González Blasco "Foz", Moreda foi o seu secretário. Vida efémera porque o Consello esgazouse xa desque naceu, por mor da retesía do sector da mocedade adscrito ao proxecto "piñeirista", que daría nacemento ao PSG, fronte ao que alumbraría á UPG. Mais ese trauma esgazou tamén por dentro a Moreda, e as consecuencias persoais que lle deparou o conflito acabaron por botar por terra o seu proxecto de vida e de combate colectivo.

Nos últimos tempos, cando Ramón Muncharaz puxo en obra o fermoso proxecto "Gaiola", integrou nel a Antón Moreda, que foi o seu Presidente. Hai cousa de catro anos, Montxo Muncharaz pedíume un artigo para "Gaiola". Dediqueillo daquela a Moreda. Hoxe, desaparecidos ámbolos dous deste mundo, quero recuperalo para ofrecérvolo na sua memoria: en humilde homenaxe conmovida ao Montxo e mais ao Antón.

Para Antón Moreda, irmán represaliado.

Non. Non vou tentar emular a Erasmo. Sería -iso si- unha loucura. Nen remedalo tampouco. Sería -isto tamén- unha parvada. Só vou servirme dalgún fragmento do seu inimitábel Eloxio ou Encomio como pretexto para enfiar estas poucas liñas, que tencionan render unha dupla homenaxe, sinxela e fraternal. Por unha banda, de xeito específico, aos homes e mulleres que integran o colectivo "Gaiola", comprometidos nun esforzado combate cívico e nun xeneroso labor solidário a prol de todos aqueles que padecen na Galiza a problemática da marxinación nas suas múltiples formas e manifestacións. Por outra banda, de modo xenérico, a tódolos que levan sufrido e seguen a sufrir esa feroz modalidade de violencia represora que as nosas sociedades exercen sobre os individuos que se non dobregan perante os totems e tabús estabrecidos, senón que os transgreden no pensamento e na conducta, e que, mesmo por iso, son comúnmente considerados "tolos", e pola mesma estigmatizados e condeados á exclusión.

Por paradóxico que semelle, ise é un prezo que a sociedade fai pagar polo exercizo irredutíbel da lucidez no meio da cegueira colectiva. Eu mesmo escribira unha vez, en circunstáncias vitais de hai ben anos xa, que a lucidez, se durara, tolearías. Ver con crareza o que os máis nen sequer abesullan debera constituir un valor socialmente prezado, coma o do faro nas tébras, o da muller "sabia" perante os enigmas da existéncia. Así era nas culturas malchamadas primitivas. Así acontecía aínda na idade meia nos eidos do "pensamento selvaxe", constantemente acosado e progresivamente acurralado polos poderes temporais e eclesiais, porque a sua simples existéncia ameazaba a orde establecida, na que a orixe e pertenza social de cada quen determinaba as suas condicións materiais de existéncia, para il e máis para os seus descendentes, sempiternamente, sen posíbel nen permisíbel mutación nen cambio de estatus -e o común das xentes naceran servos e servos tiñan que seguir a seren e nesa condición reproducírense na sua descendéncia. Para manter petrificada esa orde, para manter ao povo servo nesa condición, o poder inventou toda sorte de totems e tabús de nova caste, non destinados a manteren a coesión dunha comunidade de iguais, como nas sociedades "selvaxes", senón a sosteren o edificio dun poder escravizador. Todo un repertorio de coercións ideolóxicas, de instrumentos de alienación, mesmamente -incluídas supercherías estarrecedoras como o inferno ou, posteriormente, o purgatorio. Daquela, pensar con liberdade mental, furar e crebar as paredes do cárcere alienante para saír das tebras do ocultismo, exercer literalmente a lucidez e praticar a insumisión aos tabús, ou sexa aos dogmas, convirtíuse nun crime, configurouse como delito -e quen ousase semellante transgresión foi definido como tolo e, como tal, marxinado, excluído e, chegado o caso, encerrado nun cárcere singular: o manicomio. A evolución social modificou e diversificou as formas e a tipoloxía do fenómeno e das reaccións sociais e institucionais frente a il -mais non a sua índole sustancial: a insumisión transgresora das convencións e a resposta excluínte e represora. Até hoxe mesmo.

Socialmente, loucura e explotación de clase van de par. Non quer dicir isto que a segunda determine á primeira, senón que é un factor de xeración social dese síndrome e, sobre todo, un determinante da forma de resposta do poder -social e institucional- a esa conduta como problema. Ou sexa, da resposta encamiñada a manter operativos os resortes da alienación. Mais o fenómeno complícase e agrávase aínda máis cando á alienación de clase se engade, nunha sociedade, a alienación identitaria como povo. Daquela, os resortes da represión -social, ideolóxica e política- teñen que actuar nesas duas dimensións combinadas da problemática da alienación necesaria para o mantemento da orde estabrecida. Tal é o caso da Galiza. Así se esprica que Rosalía fose alcumada como "a tola" polas crases e o poder dominantes no noso país. Curros, lúcida e solidáriamente, reivindicou para ela ese alcume, transmutado en título de honra, na fermosísima e conmovedora homenaxe poética que lle rendeu á "musa dos povos" despois de morta. E guindou esa homenaxe á faciana das castes integristas católicas nos termos das suas proprias linguaxe e crenzas: "inda recei pola probe da tola, eu que non teño quen rece por min". Rosalía, a tola, a transgresora que ousaba escribir no idioma dun povo de labregos e mariñeiros, na fala da "soa e verdadeira xente do traballo no noso país", na fala dun povo explotado, expoliado e asoballado, dun povo analfabeto forzoso, no idioma que, por iso mesmo, cáseque ninguén sabía ler -e en todo caso, ningún dos primordiais protagonistas e destinatários dos seus poemas.

Vai alá século e meio dende aquela. Ese povo segue a non ser aínda dono de seu, do seu idioma, da sua cultura, das suas condicións materiais de existéncia. Segue a non ser o "povo soberán" dunha modélica sociedade democrática e igualitária. Segue condeado a ser periféria, terceiro mundo, colonia interior. Velaí as raiceiras máis profundas da proliferación das máis variadas e complexas formas de marxinación e exclusión social, cultural e identitária -e das suas correlativas modalidades de alienación. Incluída a do alienado forzoso, por non aturar nen someterse á explotación, á discriminación, ás máis diversas e escarnecedoras formas de inxustiza social e institucional. Ou, simplesmente, por teimar en exercer a lucidez perante ese estado de cousas, por non se deixar -diría Erasmo- "atrapar moito máis fácilmente polas imposturas ca polas verdades". A eses "tolos" galegos da ambos xéneros quero render hoxe eiquí a miña sinxela, humilde e fraternal homenaxe.

Fonte: Altermundo.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.