Orgullo e dignidade de clase polo noso amor á liberdade e a nosa ética igualitaria, porque non parasitamos aos nosos semellantes, non lles roubamos, nin suplantamos a súa vontade.
O Primeiro de Maio é un símbolo da dureza dos ataques que a clase obreira padecemos ao longo da historia, mais por cima de todo, é símbolo da nosa resistencia e da nosa loita. É símbolo da nosa capacidade para nos organizarmos e transformarmos esta sociedade. A CNT chama a reforzarmos as resistencias contra as políticas neoliberales, a afirmarmos a necesidade de nos organizarmos de forma horizontal e a construírmos ferramentas de loita e un movemento obreiro forte, eficaz e contundente na defensa dos nosos dereitos. Un movemento obreiro que integre na radicalidade da súa acción fórmulas positivas e actuais de superación do capitalismo e de construción dunha nova forma social. Un movemento obreiro solidario, independentemente do lugar de nacemento de cada persoa.
A CNT ten ás súas costas unha historia de loita obreira, unha historia de dignidade e orgullo, unha historia que estamos a escribir agora, no presente. Pretendemos abrir un camiño de confrontación co Capital e co Estado que se dirixa firmemente para unha mudanza social completa, que se dirixa á tomada dos medios de produción por parte da clase obreira, que se dirixa á autoxestión larga, integral, da sociedade. Unha sociedade igualitaria entre homes e mulleres, unha sociedade en que non caiba a discriminación de tipo algún.