Neste segundo paseo da temporada, partindo ás 11.00 do Planetario da Casa das Ciencias, ventre escuro do que nace todo, lembraremos figuras como o astrónomo Ramón María Aller ou Antonia Ferrín e veremos algún texto. Seguindo os pasos da música e de aí aos tentáculos dos intelixentes monstros mariños que comemos á feira ou na súa tinta. Paradas para pasar páxinas de libros, pisar os magos -por que non magas- do humor e beber da fonte do gato cornudo; e de aí, pegada tras pegada, para percorrer o infinito gravado nunha das lousas da Cidade Vella e acabar coa Marola e a mar toda. De novo ás beiras do océano cósmico. Ou cosmicómico.