1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

hotelelectricoGaliza - Cineclube Compostela - O Cineclube de Compostela pecha este mércores 30 a programación do mes de marzo cunha sesión especial na que poderemos ver varias curtametraxes mudas de ciencia ficción coa música en directo de Lois Carlín. Poderemos ver A viaxe a través do imposible (Le Voyage à travers l'impossible, Georges Méliès, Francia, 1904), O hotel eléctrico (El hotel eléctrico, Segundo de Chomón, España-Francia, 1908), Piratas de 1920 (Pirates of 1920, David Aylott / A.E. Coleby, Reino Unido, 1911) e O home mecánico (L'uomo meccanico, André Deed, Italia, 1921). A sesión terá lugar, como é habitual, no CS O Pichel (Santa Clara, 21) a partir das 21.30 horas.


Baseado nunha obra de teatro homónima de Jules Verne e Adolphe d'Ennery, A viaxe a través do imposible trascende a simple experimentación visual doutros filmes de Méliès para centrarse máis extensamente no desenvolvemento da historia. A fita máis longa do seu director naquel momento, este título é, xunto con A viaxe á Lúa, o máis celebrado de Georges Méliès, o cineasta e ilusionista pioneiro do cinema de ficción.

O hotel eléctrico, pola súa banda, é a curtametraxe máis coñecida de Segundo de Chomón, que rivalizou con Méliès no uso das ilusións ópticas no cinema máis temperán. Un dos primeiros usos na historia da técnica do stop motion (que Chomón aseguraba ter inventado), esta curtametraxe mostra a chegada dun matrimonio de idade madura a un hotel completamente automatizado, onde todos os obxectos parecen moverse sós.

David Aylott e A.E. Coleby, pioneiros do cinema inglés, dirixiron en 1911 Piratas de 1920, que lembra tamén algunhas obras de Jules Verne. Unha banda de corsarios futuristas e o seu barbudo capitán sementan o terror desde a súa aeronave, bombardeando trasatlánticos e roubando. Só unha copia deste filme, á que lle faltan os últimos catro minutos, puido sobrevivir, e consérvase actualmente no arquivo nacional do British Film Institute.

O home mecánico, dirixido polo cómico francés afincado en Italia André Deed, é un dos primeiros exponentes do cinema de ciencia ficción italiano, e a primeira representación na pantalla da loita entre dous androides, un bo e outro malo, tema que sería despois recorrente no xénero. Durante moito tempo, esta fita, que duraba orixinalmente 80 minutos, creuse completamente perdida, até que se atoparon 26 minutos da metraxe na Cinemateca Brasileira.

Todas estas curtas, ao estilo das súas proxeccións orixinais, van estar musicadas en directo, para o que contaremos coa presenza de Lois Carlín, musicólogo e membro de grupos como Ataque Escampe. Carlín improvisara sobre as imaxes cun sintetizador a banda sonora destes filmes de ciencia ficción, o que convertirá esta sesión nunha experiencia única.

O mes de marzo remata, mais o ciclo de ciencia ficción vai continuar aínda un mércores máis. A vindeira cuarta feira 6 de abril poderemos ver no Cineclube o filme As aventuras extraordinarísimas de Saturnino Farandola (Le avventure straordinarissime di Saturnino Farandola, 1913), un sorprendente filme italiano en catro episodios que narra as peripecias dun aventureiro por todo o mundo.

Os filmes van ser proxectados na súa versión orixinal, con subtítulos en galego cando foren necesarios. A entrada é de balde, e pódese adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube. O Cineclube tenta ser unha asociación autoxestionada, polo que para manter o noso funcionamento, propoñemos unha achega económica persoal, cunha cota mensual de 5 euros para traballadoras e de 3 para estudantes e paradas.

MARZO 2016

Mércores 30 de marzo ás 21:30 no Pichel
Sesión de curtametraxes mudas de ciencia ficción
A viaxe a través do imposible (Le Voyage à travers l'impossible, Georges Méliès, Francia, 1904, 20’)
O hotel eléctrico (El hotel eléctrico, Segundo de Chomón, España-Francia, 1908, 7’)
Piratas de 1920 (Pirates of 1920, David Aylott / A.E. Coleby, Reino Unido, 1911, 17’)
O home mecánico (L'uomo meccanico, André Deed, Italia, 1921, 26’)
Musicada en directo por Lois Carlín

ABRIL 2016

Mércores 6 de abril ás 21:30 no Pichel
As aventuras extraordinarísimas de Saturnino Farandola
(Le avventure straordinarissime di Saturnino Farandola, Marcel Fabre, Italia, 1913, 61’, VOSG)

Mércores 13 de abril ás 21:30 no Pichel
París perténcenos 
(Paris nous appartient, Jacques Rivette, Francia, 1961, 136', VOSG)

Sábado 16 de abril no Pichel
FESTA 15 ANIVERSARIO
19:30
Que foi, Tiger Lily?
(What's Up, Tiger Lily, Woody Allen, EUA, 1966, 80', VOSG)
21:30 Atrás Tigre
Emilio José e Os Indígenas
Nistra (DJ Set)

Mércores 20 de abril ás 21:30 no Pichel
One Way Boogie Woogie / 27 anos despois
(One Way Boogie Woogie / 27 Years Later, James Benning, EUA, 2005, 121’, VO)
Presentación do libro Documenting Cityscapes. Urban Change in Contemporary Non-Fiction Film
Coa presenza do autor Iván Villarmea

Mércores 27 de abril ás 21:30 no Pichel
O cercado 
(L'enclos, Armand Gatti, Francia-Iugoslavia, 1961, 99’, VOSG)


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.