Quitárona ilegalmente dun golpe, e devólvena en 4 prazos: dúas partes no ano 2015, dúas partes no ano 2016, iso si, coincidindo coa previsión de calendario electoral do Partido Popular.
As/os traballadoras/es do SERGAS van percibir a 3ª parte da extra 2012 na nómina de abril, pode ser que as eleccións xerais e autonómicas sexan en xuño. Se non hai eleccións en xuño, e son en outubro, tampouco hai problema, ese mes de outubro o goberno galego paga a 4ª parte da extra do ano 2012.
Que non se confundan, a nosa dignidade non ten prezo, sempre seguimos sendo dignos/as, o que estamos é sometidos a un estado indigno e a gobernos indignos.
Mais o Sr Conselleiro de Facenda non quere falar doutros temas, e en clave electoral anúncianos que no ano 2017 recuperarase o complemento específico das pagas extras, iso si, coas retribucións recortadas do ano 2010.
Non queren falar da devolución do específico da extra do ano 2013-14... nin sequera da parte que estamos a gañar xudicialmente. Presentaron recurso ante o Tribunal Supremo.
Tampouco queren falar de temas tan importantes coma a recuperación do complemento de I.T, é dicir, que eliminen a penalización retributiva cando as/os traballadoras/es están enfermas/os.
“Acordos asinados nunha servilleta?”
Os acordos sectoriais do SERGAS cualificounos como acordos asinados nunha servilleta, desde CIG-SAÚDE lembrámoslle que estes acordos de servilleta foron asinados na MESA SECTORIAL cando gobernaba o Partido Popular, para exemplo a carreira profesional. Foron acordos legais, con autorización da Consellaría de Facenda, e publicados no DOG. Se o único recurso que ten o Sr Conselleiro de Facenda e a descualificación dos seus antecesores para non negociar un plan de devolución dos acordos suspendidos, o único que se descualifica é el.