1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)
Roberto Laxe

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

A Velha Toupeira

Umha pantasma percorre a Unión Europea, é a pantasma da sua explosión

Roberto Laxe - Publicado: Quinta, 21 Abril 2016 06:15

A proposta do Plan B, ao rescate da Unión Europea


É evidente que é un recurso fácil parafrasear a Marx e Engels, pero ás veces a realidade pono en bandexa; alen máis, até outra cita de ambos autores podería servir como instrumento lóxico para entender o que está a suceder: “a historia repítese, a primeira como drama, a segunda como farsa”. A mesma comparación entre a “pantasma” do Manifesto Comunista e a “pantasma” actual confírmanolo.

A crise económica está exacerbando a vella rivalidade entre as potencias europeas fomentando o chovinismo nacional e a xenofobia, como pon de manifesto o resultado do referendo Holandés para a incorporación de Ucraína e, sobre todo o Brexit, o referendo para a saída de Gran Bretaña da Unión. Baixo os golpes dunha crise social galopante, e coa agudización das contradicións de clase, ante os ataques contra os traballadores e as traballadoras europeas, a Unión Europea esta afundíndose na Illa de Lesbos e o campo de concentración de Idomeni, coa aplicación do acordo con Turquia para a deportación das persoas refuxiadas, vulnerando os “valores democráticos” que din inspirar a súa existencia.

A Unión Europea, con este acto de guerra contra os pobos, só pode ter un final, a súa disolución: non serve para outra cousa que para rescatar bancos e grandes empresas, polo que os pobos de Europa non podemos esperar absolutamente nada dela. O atentado de Bruxelas demostra que mesmo é incapaz de garantir a seguridade en Europa nin de controlar as forzas que eles mesmos, coas súas politicas imperialistas, desataron.

Fronte a esta crise e a ameaza máis que sería dunha explosión, están a xurdir voces desde o campo do progresismo, que, aceptando a premisa da profunda crise que a atravesa, tentan rescatala, centrando os seus ataques en que “está gobernada de facto por unha tecnocracia ao servizo dos intereses dunha pequena, pero poderosa, minoría...”, como  din no chamamento ao Plan B de Varoufakis e moitos outros dirixentes progresistas europeos, desde membros do Podemos até o Bloco Portugués, pasando pola Fronte de Esquerdas francés ou o Die Linke alemán.

Para os autores do Plan B democracia e UE poden ir da man, a condición do seu "resgate" dos seus xestores; e como demostraremos, a Unión Europea é a negación de calquera perspectiva democrático, mesmo burguesa, e, por descontando, transformadora da sociedade.

Na orixe está o pecado: o Tratado de Maastricht

A UE, xurdida nos anos 90 como herdeira da Comunidade Económica Europea e da Unión Monetaria Europea, nace en plena orxía neoliberal sobre a base dun tratado, o de Maastricht que eleva á categoría case constitucional, o neoliberalismo. Máis aló de todos os acordos e tratados sucesivos, é Maastricht o que establece os marcos fundamentais da UE, a cidadanía europea, o carácter obrigatorio das directivas europeas sobre a lexislación dos estados e o famosas cinco condiciones restrictivas para a incorporación á UE, que son as “táboas da lei” para posteriores acordos.

Para entender o porqué das políticas da UE desde que estalou a crise do 2007, e antes como “a axenda 2000” do goberno socialdemocrata de Schoeder na Alemaña, que se anticipou ás medidas de austeridade e recortes que agora aplican ao conxunto da UE, é preciso lembrar que o Tratado xa establecía limites ao deficit público, un 3%, e á débeda soberana, un 65%, do PIB.

É preciso lembrar que no seu articulo 104 prohibíase que os bancos centrais e por suposto, o Banco Central Europeo, financiase directamente aos estados, obrigando a estes a acudir aos mercados financeiros para endebedarse. Mentres houbo diñeiro, e os bancos tiñan liquidez, este mecanismo non xeraba ningún tipo de fricción; pero ao estalar a crise, cando os estados teñen que ir ao resgate dos mesmos bancos que son os seus acredores, os límites da débeda saltaron polo ar, abrindo unha profunda brecha nunha das condicións relixiosas do Tratado, o tope da debeda. Hoxe a débeda dos Estados e o deficit son algún dos quebradizos de cabeza máis grandes para os mandamases da UE.

É preciso lembrar que este Tratado, e a súa concreción o Tratado de Schengen, baixo a ilusión do “fin das fronteiras”, non rexían, nin rixen, de igual maneira para os capitais e mercadorías, como para os seres humanos. Coa actual crise dos refuxiados, as barreiras, os arames de espino, os muros que se están levantando por media Europa para impedir o seu “libre paso” -a soñada libre circulación de persoas-, sen que ninguén desde a Comisión Europa (goberno de facto da UE) impídao, está a dinamitar un dos valores que lles permitiu, ao longo de moitos, lexitimala, ao asociar “Europa=liberdade”. Iso si, pon barreiras ás persoas, mentres os capitais, os beneficios empresariais, o intercambio financeiro segue tan “libre” como sempre.

É preciso lembrar que baixo o manto do Tratado de Maastricht as burguesias europeas elaboraron Diretivas como a Bolkestein, que supuñan dinamitar o estado do benestar e as conquistas obreiras, a establecer o principio do ”pais de orixe”, de tal maneira que as condicións legais de traballo e dos servizos vendrian dadas polo país de orixe da empresa, e pola lexislación “nativa”, o que abría a porta de pao a pao á deslocalización cara aos países con menos conquistas sociais. Significaba unha igualación por abaixo da clase traballadora, e o xeralización dos cidadáns de 1ª e de 2ª, destruíndo o mito de que todos os cidadáns europeos somos iguais.

É preciso lembrar a unha Constitución, como foi o fracasado intento de Constitución Europea que franceses e holandeses rexeitaron en referendo, que era, como sinalaba o Manifesto da Plataforma Galega polo Non á Constitución Europea, “é a garantía da expoliación que as multinacionais europeas fan no mundo, sexa dos recursos petroleiros, mineiros, mariños, etc.”, un camiño de liberalización absoluta dos servizos e o comercio que agora están a impor a través das directivas do control de deficit e negociando cos EE UU no TTIP.

Tras este fracaso, o Tratado de Maastricht é a Constitución Europea de facto, e como boa constitución, nel establécense as regras do xogo que logo se desenvolve na lexislación concreta. Ante el só caben dúas opcións, polo seu carácter de acordo capitalista a súa reforma para o “resgate democrático” da UE só é unha operación cosmética que mantén a súa esencia, democratizándoa, ou se derroga, rompendo a actual Unión e abrindo un proceso constituínte en toda Europa cara a unha saída dos traballadores / as e os pobos.

O Plan B opta polo rescate “democrático”, antiausteridade se, pero sen romper cos cimentos capitalistas e neoliberais de todo o edificio, que son a base das politicas desenvolvidas pola UE en toda a súa existencia.

Quen decide, os tecnocratas ou os pobos

O Plan B afirma que a actual UE está gobernada por “tecnócratas” ao servizo de minorias moi poderosas... Como afirmación xeral pode parecer moi radical, pero en realidade esta separación entre “gobernantes” (tecnocratas) e clases sociais esconden no fondo unha lóxica que claudica á propia UE, posto que xustifica ese “resgate” da UE pola xente do “común”, que barra aos tecnócratas e poña freo ás minorías poderosas, sen tocar a súa esencia capitalista, burguesa.

A actual UE é un acordo económico que xorde das necesidades do capitalismo europeo e norteamericano, un, para enfrontar a onda revolucionaria tras a II Guerra, que ameazaba con estenderse por Europa, dous, froito da forza que ten a concentración e centralización do capital que deu orixe ao primeiro acordo, a CECA, a Confederación Europea do Carbón e o Aceiro. Dela xurdirá a Comunidade Económica Europea (CEE) e, por último, a UE. Á EE UU esta unidade víñalles perfecto, nun período histórico en que a súa hexemonía politica e económica era humillante; tiñan, desta maneira, un mercado unico, sen complexidades burocráticas, para os seus produtos e a súa potente industria.

Sobre estas necesidades, “ao seu xeito”, constrúen uns aparellos burocráticos (tecnocráticos) como a Comisión Europea, establecida no Tratado de Maastricht, que ninguén elixe e é o verdadeiro goberno da UE a través das Directivas, de obrigado cumprimento por todos os estados. O Parlamento Europeo non é máis que un organismo consultivo, sen ningún poder real; é unha farsa de organismo democrático, mentres o poder real reside en organismos non electos.

Cando o capitalismo pon en marcha as forzas económicas sempre xera o seu contrario, ten consecuencias sociais e políticas inevitables. A unidade económica que buscaban foise trasladando á sociedade, a CEE primeiro e a UE despois, e xeraron unha dinámica social que culminou, a pesar das burocracias sindicais, na 1ª Folga Xeral Europea no 2012, nunha tendencia cara á unificación das loitas contra as políticas da Comisión Europea. O proletariado máis organizado e experimentado do mundo avanzaba no camiño da súa unidade. Isto tiña que asustar ao capital e aos seus cipaios, os burocratas sindicais, que non volveron dar sinais de vida nese camiño de unidade dos traballadores / as europeas. O isolamento do pobo traballador grego, tras as decenas de Folgas xerais e o triunfo de Syriza, ante as brutais presións da CE e a Troika foi todo un simbolo de que a burocracia sindical europea non estaba á tarefa de cuestionar a Unión.

Admitirán os impulsores do Plan B que Unión Europea e tecnocratas son os mesmo, parte da mesma clase social capitalista, e que rescatar á UE das súas mans, burocratas sindicais incluídos, supón romper a actual UE. Que por definición, por ser filla das necesidades do capitalismo que na súa fase imperialista desborda as “vellas” fronteiras nacionais, pero non das necesidades sociais, e convértea en contraditoria coa democracia; é a súa negación, como se pode comprobar todos os días: tratado para a deportación de persoas refuxiadas, barreiras e arames, leis “mordaza” e estados de emerxencia / cerco contra os dereitos politicos baixo a xustificación de loita contra o terrorismo, anulación do dereito a decidir sobre os pobos, xa sexa o non á austeridade como en Grecia, xa sexa o dereito á autodeterminación.

O Plan B sitúase, ao afirmar o “resgate democrático” da UE, na ilusión de querer converter os seus desexos en realidade, escapando desta; de que a UE é unha minoria de tecnocrátas, si, ... que gobernan para a clase social á que pertencen, os propietarios dos medios de produción, distribución e financeiros.

“A sociedade xa se puxo a traballar”

Totalmente de acordo. O exemplo posto máis arriba da Folga Xeral Europea do 2012 así o demostra; como o foi, pola negativa, o isolamento imposto desde as cúpulas da esquerda sindical e política ao pobo traballador grego durante os meses que negociaron coa UE, limitándose a meras declaracións xenéricas, cando comezaban mobilizacións de apoio ao OXI á austeridade no referendo. Porque non se convocou unha xornada de loita de apoio ao OXI grego, unificando á clase traballador ao redor dese rexeitamento. Isto significaría unha dinámica de enfrontar á UE nun sentido oposto ao que os impulsores do Plan B, entre cuxos impulsores se atopa un dos negociadores, o ex ministro Varoufakis. O NON grego era contra a esencia da UE expresada no Tratado de Maastricht. Nas condicións de crises actuais non caben negociacións coa UE que non sexan para admitir as súas imposicións.

Aínda así, e vistos estes feitos, desde o Plan B non renuncian a “romper co regimen de austeridade da UE e democratizar radicalmente as Institucións Europeas, póndoas ao servizo da cidadanía”.

1.- Queren romper co réxime de austeridade porque consideran que os actuais tecnócratas han “fracasado” nas súas políticas económicas, e por tanto imponse outro tipo de políticas, expansivas.

Dicir, a estas alturas da crise que as políticas neoliberais teñan fracasado, cando a riqueza dos máis ricos aumentou, cando as multinacionais campan aos seus respectos por todo o mundo negociando acordos como o TTIP, cando se destrúen países para saquear as súas riquezas, é non ver os obxectivos das políticas de austeridade: aumentar a riqueza duns poucos e ampliar a base produtiva do sistema, incorporando ao negocio e ao mercado as conquistas sociais en sanidade, educación, etc.

A austeridade non fracasou nun sentido conxuntural, porque conseguiron que o capitalista que se salvou da crise sexa máis capitalista. Pero estas políticas fracasaron nun sentido estratéxico, en sacar ao capitalismo da súa crise crónica, que estala cíclicamente; e fracasaron neste sentido, porque é imposible que as resolvan se non é suicidándose como capitalistas; e iso, obviamente, non o van a facer.

Loxicamente os impulsores do Plan B non se refiren a este fracaso, porque entón non estarían a falar de rexeneracións democráticas, senón de socialismo, “de expropiación dos expropiadores”. Eles falan de “fracaso da austeridade”, porque soñan nunha volta ao pasado, á placidez do estado do benestar previo á crise do 2007. Por iso din que a sociedade se puxo a traballar “por un cambio radical nas políticas da UE”, non da propia UE; só das súas políticas.

Se realmente queremos ser radicais, teremos que ir á raíz do problema e esa raíz esta no carácter de clase, burgués, da Unión Europea, non só nas súas políticas, que non son máis que a manifestación dese carácter. Iso supón levantar un programa e unha política que se salga dos marcos institucionais da UE, retomando o camiño aberto na HG do 2012 da unidade da clase obreira Europea contra as políticas de austeridade e as institucións que as implementan, supraestatales, a propia UE e estatais, os regimenes e gobernos que as aplican.

2.- Como ferramenta para romper proponnos “democratizar” as Institucións Europeas. Máis arriba viuse como esas institucións son froito dunhas necesidades sociais moi concretas, as do capitalismo en crise, que se ve obrigado a unificarse fronte ao competidor externo no saqueo de pobos e nacións, ás outras potencias imperialistas, e o inimigo interno, a clase obreira, e por tanto teñen de democráticas o xusto para poder venderlle ás súas poboacións o que ocultan.

Nos feitos, é un oximorón “democratizar as institucións Europeas”. As actuais Institucións Europeas só poden ser derrubadas, deconstruidas que dirían os chefs de cociña modernos, para non deixar nada do que teñen de ferramentas de opresión e explotación. Sobre as súas ruínas construír unha verdadeira unidade dos pobos, unha Europa dos Traballadores e as Traballadoras. Estas palabras resumen o programa polo que realmente a sociedade debe porse a traballar, e non tentar a cuadratura do círculo, democratizar o que é antidemocrático.

3.- O fin que nos propoñen é que a UE estea “ao servizo da cidadanía”, coma se isto non fose máis que un significante baleiro, moi do gusto dos políticos postmodernos.

O concepto “cidadanía” levanos a algo tan vello (con todos os respectos) como a revolución francesa, e á Declaración de Dereitos do Home e do Cidadán. Resulta irónico, e aquí volve Marx cos “dramas” e as “farsas”, que o término “cidadán” defina o suxeito social para os albores do capitalismo como sistema hexemónico, e volva ser, para moitos, o suxeito social na decadencia dese mesmo capitalismo; cando xa deu todo de se, e agora só xera miseria, barbarie e guerras.

O “cidadán” do século XVIII era o burgués que se rebelaba contra o señor feudal e o seu réxime aristocrático; era a reafirmación dunha clase contra outra. Non era un significante baleiro, senón que tiña un profundo contido social e revolucionario. O que se autocalificaba “cidadán” era un revolucionario que quería acabar coa autocracia e o absolutismo.

O “cidadán” do século XXI é todo o contrario, é a maneira que teñen as clases medias e a intelectualidade de anular, de disolver as contradicións de clase. Se “cidadán” no século XVIII era a maneira de igualar a todos fronte aos condes, duques, marqueses, reis, e desta maneira situarse clase contra clase; hoxe é todo o contrario. Cando alguén fala de cidadanía esta anulando nos feitos a existencia de clases na sociedade, está a referirse aos capitalistas e os seus traballadores / as en termos de igualdade; porque xa non hai condes, nin marqueses, nin duques, todos somos individuos libres nunha sociedade que ou ben pode estar ao servizo duns ou doutros, só basta con “rexenerar” democraticamente as institucións, que poden valer para uns ou outros, dependendo de quen as controle.

Anula as contradicións de clase e por tanto, sitúa a solución o problema na utopia típica do pequeno burgués, do “cidadán”, que non se considera nin capitalista nin obreiro, ou os dous ao mesmo tempo, segundo convéñalle, e considera que as institucións do estado burgués perténcenlle, aínda que estean usurpados por “tecnócratas” que actúan ao servizo de minorías poderosas: con recuperar esas institucións chégalle para recobrar a súa dignidade como “cidadán”.

Que isto non acabe coa explotación da clase obreira, co saqueo dos pobos, interésalle o xusto para que tanto a clase obreira como os pobos oprimidos lle apoien na súa aventura contra os “tecnócratas” que usurparon as súas institucións. A pequena burguesía “cidadá”, como fixeron os seus antecesores, os “cidadáns” revolucionarios do século XVIII, apoiránse nos máis oprimidos da sociedade, daquela os campesiños, hoxe os traballadores / as, para enfrontar ás elites, sexan aristócratas ou plutócratas.

Esta lóxica, que no século XVIII foi revolucionaria, na decadencia do capitalismo é absolutamente reaccionaria, que só serve para darlle a institucións contrarevolucionarias un “verniz” progresista, porque xa non falamos dun réxime de propiedade feudal e un estado absolutista, senón de institucións burguesas, capitalistas.

Non é a sociedade en abstracto a que se ten que pór a traballar, non son os cidadáns como entes xenéricos que non definen nada os que teñen que se pór a traballar; son os prexudicados e os afectados polo carácter antiobrero da UE os que teñen que facelo, seguindo o ronsel marcado pola Folga Xeral Europea e o Non Grego. Dentro da “sociedade”, da “cidadanía”, hai sectores que viven ben, que están “felices” coa UE tal como está; como moito, soñan cunha volta á placidez do Estado do Benestar que, despois dun longo proceso de agonía, morreu no 2007. Por iso, non van máis aló do seu “rexeneración”, non desexan acabar coa explotación capitalista que é intrinseca á UE, senón simplemente adaptala ao seu modo de vida pequeno burgués.

 

A “rexeneración” como utopia

Nos feitos, é umha nova utopia a “rexeneración” da UE; mas o plan B ten un elemento progresivo que non se pode desbotar, introduce a discusión de que non ten ningum sentido o seguir respondendo dun xeito isolado uns doutros, frente ás agresións que a UE perpetra. O acordo con Turquía contra as persoas refuxiadas foi acordado por todos os gobernos se excepción; do mesmo xeito que fixeron cando adoptaron as medidas de austeridade e recortes, contra os direitos laboráis e sociais da maioria traballadora.

Neste cadro a discusión ubicase noutro nivel distinto; a clase traballadora non pode seguir respondendo dun xeito isolado, senon que recollendo a experiencia da Folga Xeral Europea, e frente a afundamento da Unión Europea, ten que levantar as suas bandeiras. O Plan B é a reorganización das clases medias, da intelectualidade e a pequena burguesía, ao redor do vello programa da socialdemocracia, espazo abandoado polos partidos socialistas, convertidos como San Pablo, á nova relixión do “neoliberalismo”; e xa sabemos que non ha nada tan perigroso como o "converso".

O Plan B levanta, como medidas milagreiras, as propostas neokeynesianas e do Estado do Benestar que permitiron os “trinta gloriosos” da postguerra mundial. Mas, o que o Plan B esquece, ou non quere ver na sua profundide, é que a actual crise é a morte e enterramento desos anos… que xa non voltaran; que as suas conquistas como a sanidade publica, a educación, a estabilidade no emprego, os bos salarios e as vacacions pagas son cousa do pasado,...  salvo que a revolución triunfe. O capitalismo non ten ningumha das condicións que permitiron esas políticas, nin ha umha gran ameaza “socialista”, xa fose na su versión dexenerada e burocrática do stalinismo, non ha um gran ascenso revolucionario que cuestione as bases do poder burgués e colonial, como foron as revolucións italiana, francesa, ou a triufante chinesa ou iugoslava. Non ha, sobre todo, umha gran acumulación de capital froito da destrucción masiva de capital na II guerra, que permita “derramar” pola sociedade as migallas para abducir a amplos sectores da clase obreira e popular.

Non existen ningumha destas condicións, o invés, vivemos na previa dun gran estalido social a nivel mundial signado pola confusión nas alternativas políticas, ocos por onde entran as "novas" políticas. Nas grandes potencias mundiais, desde os EE UU ate Xapon, pasando pola UE, acumulanse as contradiccións sociais explosivas, agora expresadas en fenómenos políticos dun e doutro signo: nos EE UU finou o vello bipartidismo, agora a contradicción esta entre os sectores ultrarreaccionarios ao redor de Donald Trump e os sectores transformadores, ao redor de B Sanders. Na Franza as folgas xerais transformanse nun fenómeno político, en Xapon o Partido Comunista é a segunda forza máis votada.

O Plan B tenta construir umha alternativa intermedia entre un capitalismo en crise e decadencia aberta e o que debería ser a “pantasma que percorriera” o mundo: a pantasma do comunismo, e mentras a clase traballadora non constrúa a sua “pantasma”, poderan ter algún éxito electoral; mas a crise empobrecerá mais ás clases medias valeirando de contido calquera programa político que non enfrente a raíz dos problemas, que na Europa actual chamase Unión Europea.

O afundimento da UE pon ás forzas da clase traballadora na obriga de levantar de novo as suas bandeiras programáticas e a única perspectiva que pode evitar que as clases medias, decepcionadas coas “novas” políticas da socialidemocracia caian nos brazos da extrema direita; esas bandeiras pódense resumir en catro palabras: Estados Unidos Socialistas de Europa, que abra umhas portas a umha saída á crise oposta polo vértice a actual Unión Europea.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.