Foto de P. Lameiro (CC by-sa/3.0/) - Manuel Maria na Praça Maior de Lugo.
Manuel María na túa voz desenvolveuse entre os días 22 e 23 en máis de 40 cidades e vilas de Galiza. Esta actividade promovida pola Fundación Manuel María de Estudos Galegos foi unha homenaxe literaria e popular ao escritor ao que este ano se lle dedican as Letras Galegas. En concreto as localidades onde se realizaron estas lecturas públicas foron A Coruña, Vigo, Lugo, Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra, Xinzo de Limia, Lalín, Carballo, Barbadás, Betanzos, Brión, Vilalba, Outeiro de Rei, Monforte, Carral, Ortigueira, Rodeiro, Ribeira, Xermade, A Laracha, San Sadurniño, Guitiriz, Cedeira, Arteixo, Bueu, Boiro, Redondela, Cambre, Bandeira, Oleiros, A Pobra do Caramiñal, Cedeira, Lousame, A Bandeira, Santa Comba, Entrimo e Begonte.
A Coruña, acolleu este acto no salón de actos do Museo de Belas Artes. Por el pasaron arredor de 300 persoas que puideron gozar da prolífica e diversa obra de Manuel María, nos distintos xéneros que el cultivou, poesía, teatro, narrativa… Crianzas, mocidade e persoas adultas leron e escoitaron na voz de 70 persoas algúns dos poemas e textos das máis de cen publicacións do escritor da Terra Chá. O acto presentado por Xurxo Souto foi combinado coa música de Fran Amil e do grupo Pirilampo, que recentemente tiraron discos baseados na obra de Manuel María, así como co espectáculo de maxia e poesía de Martín Caamiña.