(Yakarta, 11 de febreiro 2010). A Cuarta Sesión do Comité Consultivo do Consello dos Dereitos Humanos da ONU, reunido en Xenebra entre o 25 e o 29 de xaneiro do 2010, adoptou o informe do Comité Consultivo titulado “Discriminación no contexto do Dereito á Alimentación” (A/HRC/AC/4/2)*. Este informe describe a marxinalización que sofren labregos e labregas, mulleres rurais e comunidades de pesca e caza tradicional.
Tamén explica o traballo da Vía Campesina no establecemento dos dereitos do campesiñado e adoptou plenamente a Declaración dos Dereitos das Labregas e Labregos emitida pola Vía Campesina, incluíndoa dentro dos anexos do devandito informe.
Dacordo ao expresado por Henry Saragih, Coordinador Xeral da Vía Campesina, quen se dirixiu ao Comité en Xenebra o pasado 27 de xaneiro, “É un paso moi importante na defensa dos nosos dereitos. Agora urximos a todos os estados membros a adoptar esta declaración durante a sesión de marzo do Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas. Estamos a pedir un novo marco legal con estándares claros que recoñezan os dereitos básicos de máis de 2,2 billóns de labregos e labregas ao redor do mundo”.
A marxinalización, a exclusión e a represión do campesiñado e das persoas adicadas á agricultura de pequena escala, mulleres e homes, vense exercendo durante séculos.
A Vía Campesina está loitando polo recoñecemento dos dereitos das labregas e labregos dende o 2002.
Durante este proceso, Henry Saragih dirixiuse á Asemblea Xeral da ONU en abril do 2009 en Nova York, no diálogo sobre a Crise Alimentaria Global e o Dereito á Alimentación.
A explosión da crise nos prezos dos alimentos entre o 2007 e o 2008 revelounos a todos/as, incluíndo aos xestores das políticas, os gobernos e as institucións, a severidade da situación. Esta crise elevou a cifra de persoas que padecen fame no planeta a máis dun billón, das cales o 80% viven en áreas rurais (pequenos agricultores, sen terra, traballadores rurais...) Á súa vez, quen se lucra no sector da produción alimentaria veu incrementados os seus beneficios. Mentres que a retórica das corporacións transnacionales parece convincente (cando din que poden alimentar ao mundo), escasean os alimentos básicos e a especulación só confirma que é un engano.
Por isto, o recoñecemento e a defensa dos dereitos das labregas e labregos é unha condición inevitable se o que queremos é alimentar ó mundo e combater a fame e a pobreza.
En agosto do 2008, o Comité Consultivo recoñeceu o papel positivo de labregos e pequenos agricultores, homes e mulleres, dentro do sistema mundial alimentario e empezou a mirar de maneira detallada a natureza da situación alimentaria, o papel e os dereitos dos labregos/as, os diferentes tipos de discriminación, as obrigacións e as boas prácticas. Como resultado, o actual informe recoñece que moitos agricultores e agricultoras a pequena escala non logran alimentarse eles mesmos nin ás súas comunidades debido á perda de control sobre os seus recursos produtivos como o son a terra, a auga e as sementes. Existe un aumento no control destes recursos por parte dos xigantes das industrias agroquímicas e das compañías transnacionais produtoras de alimentos.
A Vía Campesiña fai agora un chamado a todos os estados membros das Nacións Unidas para apoiar esta nova resolución na sesión de marzo do Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas. A Vía Campesina tamén pide aos seus membros e ás súas alianzas concienciar e sensibilizar aos seus gobernos sobre a importancia da adopción desta resolución para combater a fame e levar a xustiza social a través do planeta.