Na conxuntura actual de novas e máis graves ameazas contra os intereses da clase traballadora galega, neste clima de ofensiva patronal e pactismo sindical, o capital pretende que a crise económica que eles mesmos provocaron sexa pagada por nós, polos traballadores e traballadoras.
A resposta non pode facerse agardar, nin se pode retroceder máis nos nosos dereitos e liberdades. Pola contra é a hora de actuar, e desde xa debemos ir articulando un movemento de reacción fronte estes ataques patronais e as súas comparsas dos gobernos autonómico e español coa inestimábel axuda dos seus aliados sindicais, CCOO e UGT. Desde a FPG insistimos, como primeira medida, na necesidade de poñer as bases para a folga xeral nacional.
Hoxe, como en 1972, e sen perder nunca de vista os obxectivos estratéxicos da clase obreira, toca loitar pola mellora das condicións de vida, dos nosos salarios e de convenios colectivos xustos, do sistema de pensións… e toca defender con firmeza as conquistas que tanto suor e sangue, e mesmo a vida, lle custaron á clase traballadora galega.