Reclama a cobertura inmediata dos postos de traballo para garantir a calidade da asistencia aos pacientes
A federación de Saúde da CIG de Vigo tivo coñecemento a través de traballadores/as do servizo de UCI do hospital Meixoeiro de que a Xerencia do Chuvi pretendeu pechar dende o 1 de xullo, e durante o verán, tres camas neste servizo, "coa conseguinte redución de persoal, que se cuantifica nunha enfermeira e unha auxiliar de enfermería por cada quenda".
Dende a CIG-Servizos de Vigo explican que o feito real foi que en ningún momento esas camas estiveron desocupadas, xa que seguiron ingresando pacientes, "pero a redución de persoal si se fixo efectiva e continúa a día de hoxe, dificultando moito o traballo dos/as profesionais do servizo".
Neste senso, lembran que o servizo de UCI trata a pacientes críticos que requiren de coidados de alta cualificación profesional e unha vixilancia intensiva, "polo que calquera diminución de persoal imposibilita realizar o seu traballo en condicións aceptábeis".
Así mesmo, consideran intolerábel o desproporcionado número de camas pechadas este verán na área sanitaria da comarca, "e aínda máis que este peche se utilice para xustificar reducións de persoal en servizos esenciais dos que depende a vida das persoas".
Por todo isto, esixen da Xerencia do Chuvi que corrixa inmediatamente esta situación e cubra a totalidade dos postos de traballo da UCI "para que se poida garantir a calidade dos coidados e a seguridade dos pacientes ingresados".