A CUT vese na obriga de denunciar publicamente, logo de varios intentos de reparación coa dirección da empresa FOREM GALICIA e coa propia corporación sindical CCOO, as continuadas prácticas de represión sindical e fostigamento laboral dirixidas contra a traballadora María Díaz de Pablo, hoxe delegada da CUT no centro de traballo de Compostela, logo de ser unha das principais protagonistas da loita contra o ERE de extinción nesta “fundación”, feito polo que foi despedida. Despedimento que anularon os tribunais.
As empresas, sexan ordinariais ou vaian de “progresistas” parecen querer demostrar que a coherencia e a loita sindical saen caras. Así, mentres CCOO defende “de piquillo” os dereitos asociados á negociación colectiva nalgunhas empresas, está a vetar a asistencia da asesoría da CUT ás reunión ordinarias e vén de excluír á representante de Compostela e polo tanto a esta central da negociación do Convenio, despois da rotunda negativa a asinar no pasado mes de xaneiro un Convenio que recortou en absolutamente todos os capítulos económicos e sociais. Recortes que a representación maioritaria (da propia CCOO) artellou en connivencia coa empresa.
Malia a gravidade disto, o máis preocupante é que logo decretaren os xulgados a nulidade do despedimento, e tras a súa readmisión (29/08/2013) as prácticas de fostigamento laboral cara á traballadora e delegada María Díaz de Pablo foron e son diversas: modificación do seu calendario laboral, vacacións e xornadas de traballo nos anos 2013 e 2014, imposición de condicións diferenciais ao resto do cadro de persoal como a restricción ó correo electrónico corporativo, o veto a utilizar o aparcadoiro do persoal, a inhabilitación do seu usuario propio para o acceso ás aplicacións informáticas (ferramentas de traballo) ou a creación dun muro de incomunicación por parte dos seus compañeiros e compañeiras dirixidas, todas estas tácticas, a provocar a expulsión da empresa da traballadora.
A tráxica realidade de estruturas sindicais a seren as primeiras en reprimir ás traballadoras e traballadores, a limitaren os dereitos sindicais ou a aplicaren as reformas laborais desvelan o acerto das análises realizadas polo sindicalismo alternativo ata o de hoxe. Foi unha denuncia da CUT en Inspección de Traballo a que puxo fin na pasada semana ao impago de catro nóminas por parte desta empresa, financiada cos fondos públicos da rapiña da formación, e será a voz da delegada perseguida a que siga a esixir dentro o cumprimento das condicións laborais básicas.
A CUT manifesta o seu compromiso incondicional cos dereitos dos traballadores e traballadoras, e defenderá unhas relacións laborais baseadas no respeito aos dereitos alí onde for, por moito que a represión laboral e sindical se agochen baixo o cínico edificio retórico dunha corporación como CCOO que di servir á clase traballadora mentres esmaga os dereitos do seu propio cadro de persoal. Por isto, anunciouse en roda de prensa o comezo dun calendario de mobilización contra FOREM Galicia e a corporación matriz CCOO.
O obxectivo, frear coa mobilización obreira unha insostíbel situación de represión laboral e sindical na empresa FOREM-CCOO.
Foto: CUT