1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

b_450_0_16777215_00_archivos_imagenes_articulos_mauri2_10_160210_cineclube.pngCineclube Compostela - Chega ao Cineclube de Compostela a segunda das dúas sesións de filmes do director Werner Herzog.

 


Neste caso, este mércores 17 de Febreiro, poderemos ver dúas mediometraxes documentais: La Soufrière. Á espera dunha catástrofe inevitábel (La Soufrière. Warten auf eine unausweichliche Katastrophe, RFA, 1977) e Os médicos voadores de África Oriental (Die fliegenden Ärzte von Ostafrika, RFA, 1969, VOSG). O lugar das proxeccións, como sempre, será no Centro Social O Pichel (Santa Clara, 21) e o horario o xa habitual, con comezo às 21:30.

 

Esta nova sesión de filmes de Herzog quere mostrar, con respecto á proxección da semana pasada do filme de ficción Onde soñan as formigas verdes, o feito en que Herzog filma documentarios e filmes de ficción, aproveitando moitas das temáticas e situacións duns para os outros. Desta maneira, nos filmes desta cuarta feira podemos descubrir rasgos que se repiten no filme anterior, desde a construción de pistas de aterraxe precarias até individuos que teñen un único lugar no mundo, do que non queren ser privados.

En La Soufrière. Á espera dunha catástrofe inevitábel  e Os médicos voadores de África Oriental , nunha vila de Guadalupe evacuada pola ameaza de erupción dun volcán, Herzog e dous operadores de cámara saltan todas as prohibicións e filman o cráter do mesmo, atopando as tres únicas persoas que non quixeron deixar o lugar.

Así, o filme, nas palabras do crítico sevillano Alfonso Crespo, que realizou un texto para ser entregado na sesión do Cineclube, “leva o fracaso inscrito na súa materialidade, pois non tería sido doado rodalo se todo saíse como predixeron os científicos e desexaba Herzog, en La Soufriére, na súa enunciación da acordanza do que non puido ser, advírtense as costuras da dimensión estética das súas propostas: iso que ofrece o cinema polo simple feito de estar aí e cronometrar desapaixoadamente unha singularidade que non adoita ser visíbel nin audíbel, e a posterior inclusión dese exceso sensorial nun proxecto representativo e discursivo que faga gozosa e transmisíbel a experiencia.”

Xunto a este título tamén poderemos ver Os médicos voadores de África Oriental . Cun estilo que Herzog cualificou de “reportaxe”, o alemán filma o labor do servizo de “médicos voadores” da Fundación Africana de Medicina e Investigación en Tanzania e Kenya, mais usándoos ao tempo como unha excusa para reflectir a vida dos habitantes da zona.

Ademais, a proxección contará coa presentación de Samuel Solleiro, escritor galego, licenciado en antropoloxía e músico de Ataque Escampe, para alén de amigo do Cineclube. Autor dos libros Elexías a deus e ao diaño e Dz ou o libro do esperma e socio fundador de Estaleiro editora, Solleiro exerceu tamén de profesor na illa de Guadalupe, onde se ambienta o primeiro dos filmes desta sesión.

Werner Herzog, nacido en Múnic en 1942 é un dos principais cineastas alemáns.  A miúdo foi asociado ao movemento do novo cinema alemán, xuntamente con Rainer Werner Fassbinder, Margarethe von Trotta, Volker Schlöndorff ou Wim Wenders, entre outros. Os seus filmes adoitan tratar de heroes con soños imposíbeis, persoas con talentos únicos ou individuos en loita contra a natureza, explorando no fondo as contradicións e limitacións da sociedade occidental.

A figura máis excentrica do seu movemento cinematográfico, Herzog ten acadado sona nos circuitos artísticos pola súa postura de “visionario romántico” dentro do novo cinema alemán, ao tempo que pola súa case lendaria maneira de enfrontar perigos para realizar os seus filmes. As súas dificuldades de produción non son só unha maneira de dar autenticidade ás fitas (como o seu uso de actores e personaxes das zonas onde filma), senón que chegan a ser o evento central do cal o filme non é máis do que unha simple gravación.

A vindeira cuarta feira 23, afastarémonos da Alemaña de Herzog para mostrar o filme colombiano Agarrando pobo (Agarrando pueblo, Luis Ospina / Carlos Mayolo, 1977), unha acedísima crítica aos cineastas do mundo rico que se achegan aos países pobres a retratar a pobreza. Un alegato contra a representación delegada e o humanitarismo despolitizado, funciona con contundencia visual e rigor estético. Xunta este título poderemos ver tamén Non se pode facer en Europa (Can't Do It in Europe, Charlotta Copcutt / Anna Weitz / Anna Klara Åhrén, Bolivia, 2005), no que tres realizadoras suecas filman o novo “turismo reality” a través dos visitantes aburridos occidentais que se introducen en minas de pratas de Potosí para facer un “tour operador” polo lugar de explotación de numerosos mineiros bolivianos.

Os filmes van ser proxectados na súa versión orixinal, con subtítulos en galego. A entrada é de balde, puidendo adquirir un bono axuda para colaborar económicamente co Cineclube. Ademáis, os socios poderán dispor do fondo do Cineclube antes das proxeccións, os mércores de 21:00 a 21:30.

PROXIMAS PROXECCIÓNS:

Mércores 24 de febreiro, ás 21.30 horas:

Agarrando pobo
(Agarrando pueblo, Luis Ospina / Carlos Mayolo, 1977, 28', Colombia, VO)

Non se pode facer en Europa
(Can't Do It in Europe, Charlotta Copcutt / Anna Weitz / Anna Klara Åhrén, 2005, 45', Bolivia, VOSG)


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.