Dende a APDR e a PECCEM, lembramos que esta nova lei permite a expropiación da nosa saúde (non aplica o principio de cautela) e dos espazos públicos e privados (incluídos os nosos tellados e azoteas), e elimina competencias aos concellos e comunidades autónomas (en saúde, ordenación urbana, medio ambiente, participación cidadá, …).
A PECEMM invitou o derradeiro 19 de xuño aos diferentes grupos políticos de todo o estado que tiñan promovido algunha moción municipal (máis de 46 concellos en máis de 15 comunidades autónomas) a presentar unha nova iniciativa, neste caso na Oficina da “Defensora del Pueblo”.
O 27 de xuño de 2014 a PECCEM (na que participa a APDR) co-presentou co número de expediente 14012313 unha petición á “Defensora del Pueblo” para que interpoña un RECURSO DE INCONSTITUCIONALIDADE contra esta Lei 9/2014, Xeral de Telecomunicacións, que deixa indefensa á cidadanía e ás administracións locais e autonómicas e prima os intereses privados das teleoperadoras sobre a saúde, a propiedade e a ordenación do territorio.
Dende a APDR/PECCEM invitamos a buscar información a través das nosas webs desta campaña para colaborar na recollida de adhesións á petición á “Defensora del Pueblo”, co convencemento de que só a información sanitaria e ambiental independente e a contestación e mobilización cidadán serán quen de paralizar os plans das teleoperadoras e conxugar así a extensión das novas tecnoloxías coa saúde, da man da participación cidadán nas administracións locais e autonómicas dos colectivos e as persoas afectadas.