1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

lugo 15Galiza - Campo Galego - A asociación Agromuralla, organizadora da protesta, cifra en 700 as máquinas concentradas na Ronda. Os actos nos supermercados continuarán este venres tras a asemblea das 12 horas.


A muralla de Lugo volveu ser escenario dunha tractorada multitudinaria, con varios centos de tractores -700 segundo a organización- dando a volta á Ronda. Había expectación por ver o poder de convocatoria de Agromuralla, a asociación xurdida tras a tractorada de setembro en Lugo, e a mobilización de hoxe confirma un forte apoio do sector ó proxecto. Os gandeiros concentrados en Lugo xa iniciaron a presión sobre a distribución, con actos en Carrefour e en Dia, e mañá teñen previsto proseguir as visitas tras a asamblea das 12 do mediodía.

O descontento co acordo lácteo de setembro, do que os gandeiros non ven polo de agora resultados, é o sentir común que aglutina ós produtores. “Estamos pedindo dignidade para os gandeiros. Queremos que se deixe de utilizar este sector para engañar á xente”, resume Roberto López, o gandeiro que se significou na protesta de setembro por actuar de portavoz dos mobilizados. “En setembro asinouse un acordo e prometéusenos unha serie de cousas, pero a día de hoxe seguimos asinando contratos ó mesmo prezo que entón. Véndese ademais a imaxe de que se lle están dando moitas axudas ós gandeiros, cando seguimos case igual que antes”, critica.

Actos na distribución

En setembro, a mobilización da muralla optara por permanecer cos tractores na Ronda, sen chegar a iniciar actos de presión nin ante industria nin ante distribución, unha actitude que merecera críticas de parte dos produtores concentrados. Na protesta iniciada hoxe, en cambio, os actos de presión ante a distribución chegaron xa a pasada tarde e continuarán mañá.

Os gandeiros diríxironse en grupo ó Carrefour de Montero Ríos e ó Dia da avenida da Coruña. No Carrefour, entraron no establecemento e animáronse a encher carros e cestas da compra con leite de marca branca a 59 céntimos, un prezo que os gandeiros comparaban cos 65 que custaba unha botella de litro e medio de auga. A presencia dos gandeiros no supermercado enfureceu á dirección do centro, que pediu a presencia da policía e que lle trasladou ós gandeiros que non tiña porque “sufrir” a súa estancia na tenda. “Sufrir levamos sufrindo nós meses”, retrucaba algún dos produtores.

Finalmente, os gandeiros optaron por abandonar a tenda, quedando concentrados a última hora da tarde na súa entrada. Para mañá venres están previstos actos nalgúns dos principais centros comerciais da cidade tras a asemblea das 12 horas, que será, como é costume, ante o edificio multiusos da Xunta.

Coincidencias coa Plataforma

A asociación Agromuralla, convocante da mobilización, expuxo hoxe as principais reivindicacións da protesta, que son similares a algunhas das demandas da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, tales como a posta en marcha dos contratos homologados ou a creación da figura dun mediador e dun servizo de arbitraxe entre gandeiros e industrias.

Ao respecto da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, conformada por organizacións agrarias e cooperativas, e que desde hoxe está a bloquear un Carrefour na Coruña, Roberto López amosouse máis conciliador que en anteriores ocasións. “Gustaríanos algún día sentarnos con eles, creo que temos que ir xuntos todos no mesmo camiño, aínda que hai que facer as cousas con transparencia e dicirlles ós gandeiros o que está pasando”, cuestionou, pois López segue a incidir en que as organizacións da Plataforma pecaron de non informar ó sector como debían ata setembro.

Os gandeiros manteñen o bloqueo ao Carrefour da Coruña

Uns 70 gandeiros e uns 150 tractores manteñen a esta hora (11h00 de 11/12/15) o bloqueo indefinido ao centro comercial Carrefour situado na Avenida Alfonso Molina da Coruña. Os gandeiros protestan deste xeito contra o incumprimento do acordo lácteo por parte desta multinacional francesa, ao igual que outras grandes cadeas da distribución como Alcampo ou Dia.

Os produtores critican que a distribución subiulles o prezo do leite aos clientes pero esa suba non se trasladou aos gandeiros, incumprindo o compromiso asinado o pasado 23 de setembro en Madrid para subir o prezo do leite en orixe, que neste momento está en arredor dos 26 céntimos por litro, por debaixo dos custos de produción.

En declaracións a Campo Galego, Óscar Pose, representante de Unións Agrarias na Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, salienta que “a noite transcorreu con normalidade, sen ningunha incidencia” e que os gandeiros, a maioría procedente das comarcas de Ordes, Arzúa e Ferrolterra, manterán o bloqueo ao centro comercial de forma indefinida ata que Carrefour cumpra o acordo lácteo.

“De momento non imos traer máis tractores porque os que hai xa son suficientes e ao longo do día decidiremos que accións informativas levaremos a cabo para informar á cidadanía da nosa situación e pedirlles o seu apoio”, asegura Óscar Pose.

Segundo o representante de Unións Agrarias, a dirección de Carrefour non se puxo ata o de agora en contacto cos gandeiros para recoller as súas demandas.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.