O persoal do Hospital da Costa realizou este luns unha concentración en demanda dun decreto de xestión propio
Miles de persoas manifestáronse este sábado en Monforte en defensa da autonomía e a capacidade de xestión do Hospital Comarcal, xa que a aprobación do Decreto de xestión integrada de ámbito provincial, suporá que os hospitais de Monforte e Burela pasarán a depender da área sanitaria de Lugo, afondando así no desmantelamento destes centros hospitalarios, na perda de servizos e no deterioro da atención prestada á cidadanía destas zonas.
Reeditando o éxito da mobilización do ano 2010, miles de persoas saíron en manifestación polas rúas de Monforte este sábado en defensa da independencia, a capacidade de xestión e a dotación orzamentaria precisa para o seu hospital. A integración do Hospital na área de Lugo, explican dende a CIG-Saúde, suporá para Monforte unha perda de autonomía e unha caída nos servizos prestado á cidadanía. De feito, advirten que é moi probábel que desaparezan servizos e especialidades que a administración pode considera que non son "rendíbeis", primando os criterios económicos sobre a atención á cidadanía.
Un destes servizos podería ser o de partos, polo que dende a CIG-Saúde se preguntan se as mulleres da comarca de Monforte de Lemos terán que desprazarse até Lugo ou Ourense para poder parir. Ademais, poderían correr a mesma sorte os servizos de neuroloxía e endocrinoloxía "e pouco a pouco irán desaparecendo máis até, convertelo nun xeriátrico".
Concentración na Mariña
Do mesmo xeito, traballadores/as e usuarios/as do Hospital da Costa, que se atopa co mesmo problema, continuaron coas mobilizacións en contra da integración na área sanitaria única cunha concentración diante do hospital. A protesta, convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade da Mariña, fíxose coincidir coa chegada do novo xerente executivo.

