A CIG-Saúde vén de trasladar o seu apoio á manifestación convocada pola Plataforma Pola Saúde de Lugo para este xoves, 17 de decembro, contra os recortes na sanidade pública, a xestión “nefasta” do HULA, así como esixir a apertura dos servizos tantas veces comprometidos para o hospital. A marcha, baixo o lema “Móvete pola túa saúde”, sairá ás 20:00 horas da Praza Maior e rematará diante do edificio multiusos da Xunta.
Dende a CIG-Saúde de Lugo lembran que existen numerosas problemáticas que afectan tanto aos/ás profesionais da sanidade como a usuarios/as, que reducen o grao de satisfacción polo traballo, mais tamén a percepción que o/a usuario ten da calidade asistencial dos tratamentos e coidados.
“Consideramos que a Xestión do HULA e a Atención Primaria que está levando a cabo esta Xerencia compromete a asistencia sanitaria de calidade, universal e gratuíta”, asevera Carme Aira, secretaria comarcal da CIG-Saúde.
A este respecto, denuncia que o hospital de Lugo permanece con numerosas camas baleiras e unidades enteiras pechadas, mentres as listas de espera se manteñen. “Os/as doentes sofren as consecuencias de ver demorada a súa asistencia e os/as profesionais ven con frustración que o gran esforzo que fan para sacar adiante as cargas de traballo non repercuten nos/as pacientes do xeito que quixeran”, apunta Aira.
No caso da Atención Primaria, a falta de cobertura das ausencias de persoal e as malas condicións de traballo provocan listas de espera e “impotencia profesional”. “Parece que a intención da Xerencia é xustificar o peche de camas para facer ver o bo funcionamento da sanidade pública e así mesmo ter motivo para manter as derivacións á hospitalización privada”.
Fronte a este desmantelamento, Aira insiste en que Lugo ten a infraestrutura adecuada para asistir coa maior calidade á cidadanía, polo que “só nos queda que haxa a vontade política da Xunta de Galiza de dotarnos dos medios humanos e organizativos necesarios para poder manter este piar fundamental para a mellor da vida da poboación”.
Por iso, dende a CIG-Saúde anímase a poboación lucense a acudir masivamente á manifestación convocada pola Plataforma Pola Saúde de Lugo.