Na reunión da mesa sectorial do 5 de novembro do 2014 a CIG-Saúde xa deixaba claro que defende o mantemento dos postos de traballo no novo hospital de Vigo e que os mesmos seguiran prestando o servizo co vínculo estatutario, denunciando que a reclasificación de determinadas categorías suporía a amortización de prazas e a eliminación das listas de contratación, producto dunha decisión política de ataque á sanidade pública.
Dende a central explican que de existir vontade política por parte da Administración o contrato do novo hospital facúltaa no seu artigo 24.1.2 para manter no ámbito do público os servizos e empregos agora en perigo xa que di expresamente "... Non obstante, antes do inicio da prestación dos servizos non clínicos, anteriormente mencionados, a Administración contratante, previa valoración das circunstancias e necesidades concorrentes en dito momento, poderá asumir directamente a prestación dalgún ou dalgúns de tales servizos se así o exisira o interese público, previa realización do correspondente expediente de modificación contractual".
Diante disto, critican que a postura da Administración sexa a de pretender que as organizacións sindicais lexitimen pola vía da negociación "os seus plans liquidacionistas da sanidade pública" ou a de aplicar os feitos consumados, deixar pasar o tempo e conforme se van achegando os prazos previstos no cronograma da empresa privada ir anunciando as diversas medidas privatizadoras.
Isto último é o que fixeron coa publicación no DOG o 4 de decembro do 2014, previa á comisión de traballo da mesa sectorial convocada para o día 5, da resolución da EOXI Vigo de oferta voluntaria ao persoal do Sergas para que pase a prestar os seus servizos como persoal laboral no conglomerado empresarial que explotará o novo hospital ao longo de, segundo as súas previsións, 20 anos (cun custo estimado total para a Administración en concepto de canon anual de 1.168.605.489 euros, IVE excluído).
Dende a CIG-Saúde esixen a retirada da resolución publicada pola Administración o día 4 de decembro, polo que o día 11 presentamos un recurso de alzada contra esta norma e solicitando a súa suspensión cautelar.
Ademais, reclámanlle ao Sergas que faga valer a claúsula recollida no punto 24.1.2 do PCAP e non privatice os servizos sanitarios non clínicos que actualmente se prestan no ámbito do público.
"Non van contar con nós para desmantelar a sanidade pública e destruír postos de traballo, polo que non imos facer ningunha alegación ao plan de ordenación de recursos humanos para que despois non digan que foi aprobado coa participación da CIG-Saúde", rematan.

