1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)

120611_CheGaliza - ANT - [Xesús González Gómez] Hai máis de 40 anos, varios poetas de prestixio en lingua galega dedicaron poemas á memoria de Ernesto Che Guevara nun proxecto editorial plurilingüe nas catro linguas do Estado xestado entre Cuba e Catalunya.


En 1969, a cubana Casa de las Américas publicou un volume tituladoPoemas al Che. Sete anos despois, a editora barcelonesa Libros de la Frontera, dirixida por José Batlló, o director da mítica colección de poesía 'El Bardo', daba ao prelo un facsímil da edición cubana sen, por iso, reproducir a fermosa portada de Raúl Martínez –aínda que mantiña as ilustracións interiores do mesmo autor– suplantándoa unha foto de Ernesto Guevara. O volume estaba dividido en dúas partes: “De España”, en que se recollían poemas nos catro idiomas do Estado español coa respectiva tradución no caso dos poemas en galego, catalán e éuscaro, e “De América”.

De escritores americanos ofrecíanse poemas de Julio Cortázar, Leopoldo Marechal, René Depestre, Gonzálo Rojas, Eliseo Diego, Cintio Vitier, Juan Gelman, Enrique Lihn, Pablo Armando Fernández, entre outros. Mentres dos poemas enviados desde España (ou do exilio español), salientaban, en lingua castelá, os nomes de León Felipe, Vicente Aleixandre, Victoriano Cremer, Gabriel Celaya, Carlos Bousoño, José Agustín Goytisolo, José Angel Valente, Antonio Martínez Sarrión, Manuel Vázquez Montalbán, etc. En catalán recolléronse poemas de Josep Maria Llompart, Josefa Contijoch… En éuscaro, poemas de Gabreil Aresti, Joxe Azurmendi e Xabier Lete.

Celso Emilio, Ferrín, Lueiro Rei, Casares, Manuel María

Nesta edición, a poesía en galego púñana Celso Emilio Ferreiro: "Ananina para o Che Guevara"; Manuel Lueiro Rei: "Elexía a Che Guevara"; Manuel María: "Mensaxe a Ernesto Guevara"; Xosé Luís Méndez Ferrín: "Proclama do novo agricultor" e Carlos Casares (que no índice aparecía como Carlos Casales): "A Ernesto Che Guevara".

En total, cinco poemas en galego, traducidos, como avisaba unha nota final do editor, por José (sic) Neira Vilas. Na mesma nota tamén avisaba de que os poemas non inéditos foran tomados de diversas publicacións. Publicacións entre as que non constaba, curiosamente, España republicana,que se editaba en La Habana, e de onde foran tomados todos os poemas do apartado “De España”. (Para os amantes das estatísticas e dos números, digamos que neste apartado, “De España” se recollían 37 poetas, dos que cinco eran galegos, catro cataláns e tres vascos: o resto, poetas en castelán).

Nesta revista editada en Cuba, España republicana, en 1968, nos números 687 e 688 publicáranse unha “Separata” en cada número, que conformaban un único “volume” de 88 páxinas, incluídas portada e contraportada, de 13x19. A portada era un excelente retrato de Ernesto Guevara realizado por Luís Seoane e a contracapa uns deseños de Isaac Díaz Pardo. A separata levaba como título "Homenaje al Che/Homenatge al Che/Homaxe ó Che/Lauda Txe-ari”, e o volumiño estaba conformado por 84 poemas: 57 de poetas en castelán, 12 de poetas galegos, nove de poetas cataláns e cinco vascos (as contas cadran tendo en conta que José Miguel Ullán publicaba dous poemas). Joan Brossa, que enviara un poema visual, “Elegia al Che” (o famoso poema que reproduce, en cinco “versos” o alfabeto ao que lle faltan dúas consoantes –C e H– e unha vogal –E–, era colocado polos editores de España Republicana entre os poetas en castelán.

Os poetas galegos que participaron nesta homenaxe ao Che Guevara foron os seguintes:

Eliseo Alonso: "Vellos quechuas e aimaras" (trad. do autor).

Manuel Álvarez Torneiro: "Mímimas do grande" (trad. de Basilio Losada).

Carlos Casares: "A Ernesto Che Guevara" (trad. de Basilio Losada).

Xavier Costa Clavell: "A semente do Ernesto Guevara" (trad. do autor).

Celso Emilio Ferreiro: "Ananina para o Che Guevara" (trad. do autor).

Manuel Lueiro Rei: "Elexía a che Guevara" (trad. Basilio Losada).

Manuel María: "Mensaxe a Ernesto Guevara" (trad. Basilio Losada).

Xosé Luís Méndez Ferrín: "Proclama do novo agricultor" (trad. Basilio Losada)

Xosé Neira Vilas: "Che" (trad. do autor)

Uxío Novoneira: "Pranto polo Che" (trad. do autor).

Manuel Rodríguez López: "A Che Guevara morto" (trad. José Batlló).

Farruco Sesto Novás: "Che Guevara" (trad. do autor).

Como curiosidade, digamos que en Poemas al Che, a orde dos poetas era por data de nacemento, de maior a menor, e nas separatas de España Republicana por orde alfabética. Este volume de poemas ao Che abre, por dicilo así, proxectos nos que participan poetas nas catro linguas do estado. En anos posteriores coñeceranse, xa editados por editoriais españolas, volumes dedicados a Pablo Neruda: Chile en el corazón/ Chile no corazón ou a Rafael Alberti: Del corazón de mi pueblo/Do corazón do meu pobo.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.