1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

050910_colaco_vigoGaliza - Comité de Solidariedade - O noso camarada Abelardo Collazo naceu en Teis, daquela unha aldea próxima a Vigo, en outubro de 1946. Era o mais vello de tres irmáns.


Dende novo coñeceu as duras condicións de vida dos que teñen como único patrimonio a súa forza de traballo, participando dos padecementos e aspiracións dos obreiros.

O seu pai traballaba como empregado en SEIDA e a súa nai limpando casas. Durante os primeiros anos da súa vida, a familia viviu nun forno abandonado que se asolagaba cando chovía, mudándose máis tarde a unha casa que reunía mellores condicións.

Aos 12 anos, deixou os estudos, para traballar na construción. Os exiguos soldos dos seus pais apenas abondaban para manter a familia e o fillo maior sentiu o deber de contribuír co seu traballo; non puido permitirse o luxo de estudar.

Dous anos estivo a traballar como aprendiz na construción, até que aos 14 anos o seu pai lle conseguiu un traballo na súa empresa, SEIDA, adicada á limpeza e reparación de coches.

Dende esa idade van espertando os principais trazos do seu carácter: é un neno serio, con gran capacidade de traballo, que se entrega plenamente en todo o que cre. Aínda que tímido e reservado, axiña gaña a simpatía dos seus compañeiros.

Unha das súas afeccións máis arraigadas era o deporte. Gustáballe correr, nadar e, sobre todo, a pesca submarina. Calquera tempo de lecer aproveitábao para mergullarse na auga en busca dalgunha centola.

En SEIDA traballa seis anos, xunto co seu pai. Cando aínda non ten 17 anos, morre o seu pai. Eran moitos anos de traballo de sol a sol, de mala nutrición. Morre de puro esgotamento físico, seco como unha laranxa á que se lle sacou todo o seu xugo. Entón Abelardo queda como cabeza de familia; debe coidar non só de si, senón da súa nai e os seus irmáns, e ha de buscar na emigración unha posibilidade de vida que na súa terra estalle vedada.

A emigración en Francia abre un novo mundo ante os seus ollos. Con menos de 20 anos encóntrase fóra da súa terra, nun país estraño do que descoñece até o idioma. Debe valerse por si mesmo, facer fronte á vida el só, sen coñecer practicamente a ninguén.

En París entra a traballar na cadea de montaxe da multinacional CITROEN. Incorpórase así ao sector de vangarda da clase obreira: o proletariado fabril e introdúcese de cheo no mundo da gran fábrica onde experimenta a solidariedade dos traballadores e as grandes folgas. Coñece e aprende a odiar os patróns, os crebafolgas e os acusóns; descobre os intentos de dividir os obreiros, a marxinación e sobre-explotación dos traballadores de segunda clase, os norteafricanos; vive a ríxida disciplina da grande empresa, disciplina que será unha das súas virtudes máis salientábeis ao longo da súa vida de loitador clandestino.

Esta é sen dúbida unha experiencia fundamental para Abelardo. A súa conciencia de clase, xa esperta polas penurias e o traballo dende a infancia, vai madurando. As intuicións van tomando corpo, convértense en algo meditado: o patrón é o inimigo de clase ao que hai que combater coa unidade dos obreiros. Ten ocasión de falar con traballadores búlgaros e romaneses que lle descobren un novo mundo, un cambio radical que se está a producir nos seus países de orixe: o socialismo. Oe falar con entusiasmo dunha sociedade onde a explotación e a miseria non son lei, senón que están a ser arrasadas polo poder obreiro e popular. É o proletariado, eles mesmos, os cales están no goberno e nos tribunais, os que organizan e dirixen a produción, as escolas e toda a vida social do país.

Abelardo quere coñecer máis e máis do sistema socialista. Pregunta, discute, apaixónase. O que foi posíbel neses países tamén pode selo na súa terra. Compaxina o seu traballo en CITROEN co que realiza nunha compañía de limpezas. Tanto nun sitio coma noutro traba numerosas amizades. É apreciado como traballador e responsábel, que salta con vehemencia cando intentan pisalo ou ante calquera inxustiza contra os compañeiros. No seu tempo libre visita algunhas familias, así como os bailes e festas que se prodigan nos círculos da emigración galega e española.

A militancia política xuvenil

Tras permanecer un ano en Francia, Abelardo volve a Galiza, a Vigo. En pouco tempo madurou profundamente; xa non é o adolescente que saíu dous anos antes. Ao pouco de chegar encontra traballo nunha empresa de construción, a TERMAC, que participa nunha das fases do Polígono de Coia. Entra de listeiro e, posteriormente, traballa como peón de albanel. As súas inquietudes políticas, a súa conciencia de clase, lévano a buscar outros que pensen como el, unha organización que loite contra o réxime dos explotadores, e toma contacto coas Xuventudes Comunistas.

Non fai falta convencer a Abelardo de que se integre: ten moi claro que debe contribuír á loita política. Para el, o concepto comunista encerra o conxunto de calidades ás que aspira. Comunistas foron os que destruíron o capitalismo en Rusia e outros países, os que defenderon máis consecuentemente os intereses dos obreiros na República Española, os que estiveron en primeira fila na guerra contra os fascistas, os que non se renderon no combate coa guerrilla, etc.

A segunda metade dos 60 son anos de intenso labor político para Abelardo. Encárgase de organizar as Xuventudes Comunistas na zona viguesa. Comeza a traballar entre os amigos do barrio para logo estenderse a todas as grandes fábricas e aos talleres. Organiza aquí e alá células e comités de mozos obreiros. Desprega unha actividade continua de formación política, organización e axitación con panfletos, pancartas e manifestacións. Tampouco descoida o labor de axitación político e sindical entre os seus compañeiros da construción. Axiña gaña a confianza e o respecto dos obreiros.

Nesa época os carrillistas sementan ilusións reformistas, chaman a cambiar o sindicato vertical dende dentro, pretendendo levar a votar ás eleccións para ir á folerpa do sindicato vertical. Abelardo preséntase en 1968 ás eleccións sindicais e é elixido xurado de empresa polos traballadores de TERMAC, pasando tamén a formar parte da representación sindical da construción en Vigo.

Porén, nada máis lonxe das súas intencións que caer na trampa da legalidade e o servilismo. Uns meses despois organiza unha folga por melloras salariais e outras reivindicacións xunto con outros compañeiros. Fanse asembleas onde se adoptan as decisións; as folgas acompáñanse con accións propagandísticas e de protección, con manifestacións e cos inevitábeis enfrontamentos coa policía, peches nos sindicatos, etc.

Nesta loita aparece un método até entón case descoñecido en Vigo: a formación de piquetes para dar o seu merecido aos crebafolgas e acusóns. A folga de TERMAC tivo gran resonancia por toda a cidade, especialmente polos métodos de loita utilizados. A raíz desta son despedidos os traballadores que máis se destacaron, entre eles os dous irmáns Collazo. Abelardo ten que buscar traballo novamente e atópao, con certas dificultades, de peón de albanel noutras empresas.

Neste tempo prodúcense os primeiros enfrontamentos de Abelardo coa dirección carrillista, mor dos métodos de loita que se utilizan. Tampouco está de acordo co liberalismo que reina na organización, o compadreo, a política de bares. Para el, como para os outros militantes, unha organización de combate debe manter unha férrea disciplina respectando as normas elementais da conspiración, para facer fronte con eficacia á represión policial. As críticas ante a dirección carrillista sucédense unha tras outra sen obter ningunha resposta.

En 1969 trasládase a Francia como delegado das Xuventudes Comunistas para asistir ás asembleas preparatorias do Congreso das Xuventudes carrillistas. A elas asisten os principais dirixentes do partido revisionista, entre eles o mesmo Carrillo. Alí Collazo expón as súas críticas á liña organizativa, ao liberalismo, co que levanta fortes polémicas nas reunións. Non recibe contestación satisfactoria ás súas formulacións e volve de Francia sen obter ningún resultado positivo. Porén, segue desenvolvendo con enerxía a súa actividade política contra o fascismo.

O proceso de Burgos en 1970 contra os patriotas vascos de ETA espertou en todo o país unha onda de indignación e solidariedade. En Vigo producíronse paros en todas as grandes fábricas, manifestacións e saltos, malia que o partido carrillista non pasou dunha postura testemuñal, argumentando que non había condicións para sacar a xente á rúa. As Xuventudes, porén, despregaron unha actividade inusitada con panfletos, pintados, pancartas e propaganda oral entre as traballadores.

O malestar existente entre as Xuventudes contra a dirección estase a dar paralelamente dentro do partido carrillista galego. Un sector deste partido encabezado por Hierro Chomón propugna unha liña realmente comunista e formula a necesidade de utilizar a loita armada contra o terror oficial. Fernando Hierro Chomón, obreiro de ESTALEIROS BARRERAS, é o dirixente obreiro máis popular de Vigo e forma parte neses momentos do Comité Central do PCG, do partido carrillista galego.

As contradicións, tanto nas xuventudes coma no partido carrillista, vanse agudizando. As críticas aos métodos organizativos e de loita van evolucionando até cuestionar a liña política. Tanto uns coma outros non están de acordo co pacto para a liberdade, que lanza a bombo e prato a dirección revisionista nesta época. Para Collazo e os seus compañeiros é inconcibíbel a conciliación cos explotadores, con toda a caterva de asasinos e falanxistas. En 1970 Abelardo toma contacto con Hierro e celébranse reunións entre militantes das Xuventudes carrillistas e do partido carrillista galego, onde se discuten todos estes problemas. Van comprendendo a necesidade de crear grupos armados para tomar represalias contra patróns, crebafolgas, policía, etc. e deciden reunir fondos para este fin.

Por este tempo Abelardo recibe os primeiros materiais de propaganda da Organización de Marxistas Leninistas de España e os primeiros libros e folletos comunistas. O coñecemento das obras de Lenin, Stalin e Mao Zedong cáusalle un grande impacto. As críticas ao liberalismo e aos métodos artesanais de traballo, as solucións que ofrece no terreo da organización son para el un importante descubrimento que veñen como anel ao dedo para os problemas que está a criticar no partido.

Tamén teñen unha grande importancia clave os seus encontros cun dirixente da OMLE que viaxa a Galiza, Manuel Pérez Martínez, o camarada Arenas. Xuntos discuten a situación política do país, os problemas organizativos, o carácter da revolución en España, as relacións da loita do pobo galego coa do resto dos pobos de España, etc.

As tensións coa dirección carrillista culminan en 1971 a raíz dunha convocatoria para a folga xeral. Abelardo é entón representante das Xuventudes no Comité Central do partido carrillista, un representante moi incómodo ao que intentan apartar. Convócase en Vigo unha asemblea xeral de Comisións Obreiras, Xuventudes e partido carrillista de Galiza para preparar a folga xeral. Nela prodúcese un duro enfrontamento entre a liña oficial e o grupo de Hierro e Collazo. Estes afirman que é necesario organizar de forma efectiva a folga, con piquetes e grupos de autodefensa, pois facer unha convocatoria deixando indefensos os obreiros, conduciría á desmoralización e á liquidación do movemento. Tras unha tormentosa reunión, ao ser imposíbel realizar unha política obreira dentro do partido carrillista, deciden separarse del e formar un novo grupo: a Organización Obreira. A case totalidade das Xuventudes e un importante sector do partido carrillista de Galiza en Vigo abandonaron aos revisionistas seguindo Abelardo Collazo e Fernando Hierro.

As loitas de Ferrol e Vigo

A Organización Obreira nace en oposición á dexeneración revisionista dos carrillistas e sen ter unhas formulacións políticas totalmente elaboradas. Nun principio desenvolveu unha actividade de tipo sindical e reivindicativa cun carácter radical. Propugnaban métodos de loita independentes dos sindicatos fascistas e a legalidade, coa celebración de asembleas, a elección de delegados revogábeis en todo momento, formación de piquetes, etc. Formúlanse a necesidade de reconstruír o auténtico Partido Comunista, aínda que non chegan a elaborar unha liña política completa. Entre tanto, as relacións coa OMLE van estreitando e mellorando, aínda que sería necesaria a proba da colaboración práctica, nas folgas de Ferrol e Vigo, para chegar aos acordos de fusión.

Mentres, se avanzou na estruturación da Organización Obreira. O organismo central é o Comité de Dirección do que Abelardo forma parte. Dispoñen dun aparato de propaganda e tamén funciona o chamado Comité Militar, que pode dispoñer de calquera membro da Organización para as súas tarefas. As súas funcións consisten no abasto de explosivos e armas, a creación dun fondo económico para estes fins e a execución de accións de sabotaxe e castigo. Son numerosas as accións realizadas contra directivos de empresas que destacan polo seu carácter fascista, acusóns falanxistas, crebafolgas: queima e voadura con dinamita de coches, lanzamento de cócteles molotov contra chalés, etc.

Amplo eco tivo en toda Galiza e, especialmente en Vigo, o asasinato de dous obreiros, Daniel e Amador, durante unha manifestación en Ferrol en 1971. Nada máis recibirse a noticia, o mesmo día, pararon as grandes fábricas, cos ESTALEIROS BARRERAS á cabeza e en pouco tempo a folga foise xeneralizando. A todo iso contribuíu decisivamente a Organización Obreira que mobilizou aos seus membros para realizar asembleas, parar o traballo nas fábricas e inundar Vigo de panfletos e pintadas. Nunha concentración de traballadores ante a sede dos sindicatos son detidos Abelardo, o seu irmán Anxo, Hierro Chomón e outros. Son numerosos os detidos nestes días, pero só Abelardo e os seus compañeiros estarían máis dun mes no cárcere, cumprindo unha sanción gobernativa.

Os sucesos de Ferrol serviron para acelerar o movemento combativo en ascenso dos traballadores vigueses. O malestar xeral ía crecendo até que estalou ao ano seguinte, en 1972, a Folga Xeral Revolucionaria. Por estas datas estábanse a celebrar os convenios nas fábricas máis importantes: CITROEN e BARRERAS. Nesta última saltou a folga e foron despedidos varios obreiros, o que provocou a solidariedade xeral do pobo vigués, dando lugar durante dúas semanas a unha das loitas de maior relevancia dos últimos anos do franquismo.

A represión en Galiza e en todo o país foi moi importante. Vigo foi invadida polos corpos represivos traídos de distintas partes. Nos cuarteis e centros militares da zona acuartelouse os soldados. A principal achega ao movemento obreiro da Folga Xeral Revolucionaria de 1972 foi a aplicación, por primeira vez en todo o Estado, dos métodos da guerrilla urbana nas loitas populares.

Vigo estaba totalmente paralizado. Os obreiros actuaban en grupos que saltaban en puntos distintos da cidade traendo en xaque a policía dun sitio a outro. Respondíase con cócteles, pedras e paus ás cargas policiais; mesmo dende as casas se lanzaban testos e outros obxectos. Levantábanse barricadas aquí e alá que logo se incendiaban, cortábase o tráfico con árbores, etc.

A Organización Obreira foi quen encabezou a folga xeral viguesa, como tivo que recoñecer a prensa e o mesmo partido carrillista. Desencadeouse en consecuencia unha feroz represión contra ela. Moitos dos seus militantes foron detidos e mallados, destacando o caso de Casimiro Xil Arauxo encargado do aparato de propaganda. Foi torturado sadicamente: arrancáronlle a metade da dentadura, partíronlle as cellas, danáronlle a columna vertebral e marcaron todo o seu corpo con feridas e hematomas.

Abelardo viuse obrigado a pasar á clandestinidade pois a policía o buscaba como un dos principais dirixentes da folga.

A Folga Xeral contribúe decisivamente ao estreitamento de lazos da Organización Obreira coa OMLE e a facilitar a comprensión da necesidade dunha organización comunista centralizada, dunha organización da clase obreira de todas as nacionalidades do Estado. A OMLE desprega un amplo labor en todo o país, na medida das súas forzas, en apoio das loitas de Vigo e imprime os panfletos á Organización Obreira cando cae o aparato de propaganda desta.

Pouco despois nace, sobre a base da Organización Obreira, a Organización de Marxistas-Leninistas de Galiza (OMLG), integrada na OMLE. Abelardo foi o principal impulsor da fusión, o que a defendeu con maior firmeza.

Pasou a formar parte do Comité de Dirección da OMLE, polo que se tivo que trasladar a Madrid, onde viviu na clandestinidade para evitar o acoso policial. Porén, fixo frecuentes viaxes a Galiza como responsábel da Organización nesta nacionalidade, despregando unha intensa loita ideolóxica, pois algúns militantes non vían clara a recente fusión, e había os que criticaban que se tivese abandonado a loita armada.

O camarada Alfonso, como o coñecimos os seus camaradas, defendeu que os traballadores de todos os pobos de España loitaran solidariamente, encabezados polo Partido de vangarda, contra o inimigo común: o fascismo. Tamén explicou que a tarefa principal era a reconstrución do Partido Comunista que serviría para, máis adiante, impulsar o traballo de masas e, en particular, a loita guerrilleira. Igualmente viaxou a distintos puntos do Estado para dar charlas en Cádiz, Madrid e outras cidades explicando o desenvolvemento do movemento obreiro vigués, o traballo da Organización Obreira e as vicisitudes da Folga Xeral Revolucionaria, transmitindo as experiencias do novo proletariado galego aos traballadores de todo o Estado.

Da I Conferencia da OMLE ao Congreso Reconstituínte do Partido

En xuño de 1973 celébrase a I Conferencia da Organización de Marxistas-Leninistas de España. Con ela culmínase un traballo de creación de núcleos comunistas nas nacionalidades e nas principais localidades e de asentamento das bases políticas da Organización. Asisten delegados de Galiza, Euskadi, Cataluña, Sevilla, Cádiz, Córdoba. Nela dánse cita mulleres e homes, comunistas que máis tarde saltarán ás páxinas dos xornais, buscados como perigosos terroristas polo seu labor de denuncia política do fascismo.

Entre eles está Manuel Pérez Martínez, o camarada Arenas, escaiolista madrileño, que é o principal impulsor da OMLE. De Francia vén Francisco Javier Martín Eizaguirre, presidente da Conferencia, un veterano da emigración, fundador da Organización en 1968 que logo sería asasinado pola policía española en París. De Cádiz veñen José María Sánchez Casas, entón dirixente dun grupo de teatro e Juan Carlos Delgado de Codes, estudante de náutica, dirixente do Partido que sería asasinado polas costas en 1979 nunha emboscada que lle tendeu a policía. De Córdoba chegou José Balmón Castell, dirixente obreiro da fábrica SECEM. De Barcelona Juan Martín Luna, albanel gaditano. De Madrid, Isabel Llaquet Baldellou, Enrique Cerdán Calixto... Por parte da delegación galega estivo presente, entre outros, Fernando Hierro Chomón.

Na I Conferencia da OMLE márcase claramente como primeiro obxectivo a reconstrución do Partido Comunista, para o que hai que avanzar na consolidación da Liña Política e na ampliación das bases orgánicas do Partido. A Conferencia serviu tamén para deslindar os campos cos revisionistas e cos oportunistas de esquerda. Hai que ter en conta que a OMLE naceu en 1968 entre un marasmo de grupos e siglas, todos supostamente comunistas, de esquerda. O desenvolvemento da Organización estivo ligado a unha constante loita ideolóxica, de desenmascaro do oportunismo, tanto de dereitas coma de esquerdas.

Tras a Conferencia Abelardo é cooptado para o Comité de Dirección e pasa a ocuparse da Sección Técnica da Organización. Esta sección é a encargada da realización das expropiacións, elaboración de carnés de identidade e documentos, recuperación de armamento, etc. Son os primeiros pasos que se dan no terreo militar, o embrión dun proxecto que desembocará anos máis tarde no nacemento dunha organización independente: os GRAPO.

Collazo e outros camaradas da Sección Técnica realizan neste período numerosas expropiacións de máquinas de impresión, necesarias para a edición de propaganda antifascista e comunista. Con elas nutren o aparato central e os das Organizacións nacionais, rexionais e locais. Son tamén frecuentes as expropiacións bancarias para facer fronte aos gastos da Organización. Porén, a vida de Abelardo e a do resto dos camaradas é dura, exenta de luxos, tendo moitas veces o diñeiro escaso para comer eles e os seus fillos. Todos traballan para manterse. Un comunista debe auto-sosterse, comer co froito das súas mans, sempre que lle sexa posíbel. Neste tempo, Abelardo traballa como albanel en varios tallos do polígono industrial de Fuenlabrada (Madrid).

Para efectuar estas accións conséguense as primeiras armas: varias pistolas, xa antigas, e algunhas escopetas, tendo que suplir con audacia a escaseza de armamento. Estes anos son de aprendizaxe, de ir coñecendo o elemental en case que todo, dende expropiar un coche até falsificar o primeiro carné de identidade. Pouco a pouco vanse dando pasos, vaise gañando en experiencia. Asáltase unha comisaría e conséguense varios miles de tarxetas de identidade sen encher. Investíganse e estabelécense os pasos de fronteira para contactar co exterior. Tamén é obra da Sección Técnica a acción contra un acusón que intentou infiltrarse e que quedou gravemente ferido.

Paralelamente á súa actividade na Sección Técnica, Abelardo efectúa de tempo en tempo, viaxes a distintas localidades. Alí dá charlas, reúnese con militantes e obreiros contactados en fábricas, con simpatizantes... Sabe chegar ao fondo das cuestións e, como obreiro que é, coñece a mentalidade, as dúbidas e problemas dos traballadores e consegue captar deseguida a atención e o respecto do seu auditorio. Non é un orador brillante senón un camarada coas ideas claras, con fe e enerxía inquebrantábeis.

A OMLE deu os pasos imprescindibles para a reconstrución do Partido. As formulacións políticas da Organización vanse enriquecendo e véndose corroboradas na práctica. Os núcleos estendéronse, creáronse e asentado minimamente grupos comunistas en todas as nacionalidades e nas principais zonas do país. O Congreso Reconstituínte é convocado en 1975 e celébrase en xuño dese ano en Santander. Del nace o Partido Comunista de España (reconstituído).

Abelardo, como membro do Comité de Dirección saínte, rende contas do seu traballo ante o Congreso. Nel hai delegacións de Cataluña, Madrid, Euskal Herria, Galiza, Asturias, Andalucía, Valencia, Organismos centrais e do exterior. Os principais dirixentes están presentes; máis tarde a represión se cebaría neles poñendo miles de policías na súa busca. Uns serán asasinados, outros están encarcerados e condenados a séculos de cárcere, outros continúan a loita clandestinamente contra o réxime.

O nacemento do PCE(r) é un dos acontecementos políticos máis relevantes dos últimos meses da época de Franco. Baixo o suarismo, o PCE(r) foi un dos protagonistas da loita social e política. Sobre el, a prensa oficial envorcouse con campañas de difamación e des-información. No Congreso sinalouse que a Reconstrución do Partido era o froito de moitos anos de traballo e esforzo, era o primeiro paso na organización do proletariado e o pobo contra o fascismo e polo socialismo.

No Informe Político presentado polo Camarada Arenas enmárcase tanto a situación nacional como a internacional. Exponse a crise xeral do capitalismo e o afundimento do sistema imperialista. Do noso país sinálase a crise do fascismo e das ilusións reformistas, lanzándose a consigna de resistencia activa ao fascismo, de prepararse para facer fronte á represión e o terror.

No Congreso, Abelardo foi elixido polos delegados como membro do Comité Central do Partido. Con iso recoñeceuse a súa valía e firmeza como obreiro comunista e o seu importante papel na tarefa da Reconstrución do Partido.

Creación dos GRAPO

Ao finalizar o Congreso, Abelardo continúa a súa actividade na Sección Técnica. Era consciente de que a loita armada é imprescindíbel nas condicións en que se desenvolve a loita de clases no noso país. Un grupo de comunistas, especialmente Cerdán Calixto, Hierro Chomón e Abelardo, viñan traballando no terreo militar con miras a sentar as bases dunha organización guerrilleira antifascista.

A onda represiva desatada no verán de 1975 corroboraba esta necesidade do movemento antifascista. O réxime, sementando o terror, pretendía demostrar que o seu poder era invulnerábel e que calquera tipo de resistencia resultaba impotente, para desanimar ao movemento popular e acalar a resistencia cada vez máis en aumento.

Os plans de creación dunha organización militar non están, naquel momento, maduros, pero é necesario dar unha resposta inmediata. En agosto deste ano, Abelardo xunto con outros guerrilleiros axustizan un garda civil ferindo gravemente outro e recuperan o seu armamento. Pero a represión segue en aumento culminando no fusilamento de cinco antifascistas o 27 de setembro de 1975. Tres días máis tarde, o 1 de outubro, o verdugo Franco prepara outra das súas bufonadas na Praza de Oriente para avalar os seus últimos crimes. Ese mesmo día, mentres se celebraba a farsa, dáselle a resposta axeitada: catro policías son executados en distintos puntos de Madrid. Abelardo estivo á fronte dun dos comandos e participou activamente na preparación do conxunto do plan.

A acción do 1 de Outubro, da que tomarían o seu nome os GRAPO, corresponde a unha imperiosa necesidade de resposta ante a situación política do momento, e non a que se tivese cuberto todas as etapas na consolidación da Organización. Aínda había de pasar un tempo para completar a súa infraestrutura, recoller información, probar novos militantes e adquirir experiencia antes de saír á luz pública. Sen dúbida esta acción tivo unha importancia decisiva no retroceso que pouco despois se viu obrigado a dar o Réxime. As mobilizacións populares contra os asasinatos do 27 de setembro, tanto no interior coma no exterior, puxeran en serias dificultades á oligarquía. As operacións do 1 de outubro foron a puntilla: demostraron que a represión lonxe de rematar coa resistencia e a loita armada popular, as intensifica. A partir desta data, toda a prensa e demais voceiros do Réxime empezaron a falar da democracia á española, da necesidade do cambio político...

No Pleno do Comité Central celebrado pouco despois destes acontecementos estúdase a situación presentada ante o retroceso do réxime e a morte de Franco. Vese a posibilidade de incrementar a loita de masas, polo que se decide mandar cadros experimentados aos seus lugares de orixe para que impulsen o movemento. Abelardo e Fernando Hierro trasládanse a Galiza, Collazo instálase na Coruña. Alí busca traballo na construción para manterse, á par que desenvolve a actividade política no Ferrol, As Pontes, A Coruña, etc., realizando reunións e asentando núcleos obreiros.

Porén, non deixa de lado o traballo militar. Hierro e el estudaron a posibilidade de recuperar unha importante cantidade de dinamita nunha mina pontevedresa. A detención de Hierro non suspende os plans e Abelardo prepara a acción, pon a punto os medios e recorre a varios compañeiros para a operación. En maio de 1976, Cerdán Calixto, Abelardo e outros recuperan preto dunha tonelada de goma-2, mechas e detonantes da Mina da Reigosa, ademais dalgún armamento. O fascismo tería pronto constancia do emprego da dinamita.

A partir desta operación, pasa a adicarse plena e exclusivamente ao traballo militar. No tempo transcorrido avanzárase substancialmente. Realizáronse accións de recuperación de armamento: o asalto ao cuartel do Exército de Terra na rúa Princesa de Madrid, onde participa Abelardo; a expropiación de granadas noutro cuartel madrileño e de metralletas e pistolas nun de Santiago de Compostela. Ponse a punto a infraestrutura, amplíase día a día o traballo de información. Está formado un grupo dedicado á investigación e fabricación de aparatos necesarios para a guerrilla, onde se fabrican distintas armas, falsifícanse documentos e carnés de todo tipo con gran perfección. Igualmente xa funcionan comandos en Euskal Herria, Barcelona, Madrid, Sevilla e Galiza. E á fronte da Organización hai unha dirección, da que Collazo forma parte.

Con estas premisas, os Grupos de Resistencia Antifascista Primeiro de Outubro (GRAPO) xorden publicamente, coa colocación simultánea de máis de 30 explosivos o 18 de xullo de 1976, contra monumentos, locais e instalacións do Réxime en todo o país. Días despois, o 31 de xullo, realízase unha nova campaña de colocación de explosivos en resposta á montaxe de intoxicación urdida pola prensa burguesa. Abelardo, como integrante do Comando Militar Central dos GRAPO, participa na planificación e execución da operación, dirixindo en particular as distintas accións realizadas en Barcelona.

Pouco despois, en agosto, mantén un tiroteo coa policía en Jerez da la Frontera xunto con outro militante dos GRAPO, cando estaban a efectuar unha acción de propaganda pola morte dos camaradas Fausto Peña e José López Ragel, cando colocaban un explosivo en Sevilla. No tiroteo, a escasos metros e a corpo descuberto fronte aos policías, esgota a munición polo que busca refuxio nunha adega. Alí explica aos traballadores a súa militancia e pídelles axuda para escapar da persecución da que é obxecto. Proporciónanlle un mono de traballo co que consegue saír sen ser recoñecido e eludir o cerco policial.

Da Operación Papel á Operación Cromo

En novembro de 1976 celébrase unha reunión crucial para o movemento de resistencia: o III Pleno Comité Central do PCE(r), ao que Abelardo asistiu. A súa importancia reside en que neste Pleno se poñen as bases para a fundamentación teórica e política do papel da loita armada no noso país. No documento político saído da reunión aborda a situación dos países capitalistas avanzados, proceso de fascistización nestes países, co incremento do aparato represivo, o Estado policial, e a importancia da guerrilla como punta de lanza do movemento popular. Sinálanse as relacións mutuas entre o movemento político de resistencia e a loita armada. Formúlase como xa non é posíbel a acumulación pacífica e progresiva de forzas para chegar a insurrección, senón que se presenta como máis probábel un proceso insurreccional ascendente. Por último, engadíanse varios textos dos clásicos do marxismo-leninismo que avalaban teses expostas.

A finais dese ano, o Goberno suarista monta o referendo sobre a Reforma política nun intento de lexitimar o franquismo sen Franco, o vello réxime con nova fachada. A televisión, radio e prensa persistiron nunha campaña teimuda de intoxicación da opinión pública, cantando as excelencias do suarismo. Os GRAPO deciden desenmascarar esta farsa e para iso realizan varias accións contra os medios de comunicación oficial: a Operación Papel. Sete repetidores, estacións de televisión, como a da Bola del Mundo en Navacerrada, Paseo de la Habana en Madrid, Valencia, Valdileche en Cuenca... son voados simultaneamente con goma-2. Abelardo á fronte dun comando realiza varias destas operacións.

A farsa da Reforma continúa a bombo e prato e en pleno apoxeo desta campaña, os GRAPO realizan a Operación Cromo. Esta é unha das accións de maior envergadura realizada pola guerrilla en España. Abelardo discute e planifica no seo do Comando Militar Central a Operación e participa tanto o apresamento de Oriol como no posterior de Villaescusa. O obxectivo da Operación Cromo é dobre: por unha parte, denunciar ao réxime que non é senón a continuación enmascarada do anterior, no medio da farsa do referendo, e, por outra, conseguir a liberdade dalgúns dos numerosos presos políticos encarcerados, o que abriría as portas a unha amnistía xeral. A Operación iníciase co apresamento de Oriol e, en caso de que non cedesen, continuaría tomando reféns até lograr o obxectivo.

Oriol é o presidente do Consello de Estado, a terceira personalidade do aparato político fascista e un dos maiores e máis influentes oligarcas do país. O día 11 de decembro de 1976 un comando de sete membros realiza a acción. Mentres tres deles reducen e vixían o persoal da entrada, o resto sobe ás oficinas. Cerdán, Hierro e Abelardo entran no despacho de Oriol ao que reducen con facilidade. Collazo dá unha vez máis mostras das súas calidades como guerrilleiro: decisión, enerxía e serenidade. Cun berro inmobiliza aos empregados que intentan escapar. Pouco despois parte do comando sae co presidente do Consello de Estado no seu poder, mentres Abelardo permanece durante 20 minutos no lugar para dar tempo á retirada de compañeiros.

O impacto é enorme. Ao día seguinte, fanse públicas as condicións para o troco de Oriol: a liberdade de 15 presos políticos, militantes de varias organizacións antifascistas e patriotas.

A policía saca días despois as fotos de Abelardo e doutros guerrilleiros e pide a colaboración cidadá para lograr a súa detención. Por suposto, ninguén colabora, ninguén que os puidese recoñecer chama á policía... Mentres, Abelardo segue desenvolvendo o seu traballo: hai que preparar a campaña propagandística de carteis e panfletos que inundan varias cidades, para acompañar a Operación Cromo.

En todo o país, especialmente en Euskal Herria, aumenta a campaña prol-amnistía. O apresamento de Oriol serve de acicate a esta loita. Para dar un novo impulso, o PCE(r), os GRAPO e outras organizacións populares chaman á folga xeral para o 10 de xaneiro de 1977, pola liberación dos presos políticos. A organización armada desprega un intenso labor de axitación. O día da convocatoria un comando dos GRAPO acode á fábrica CASA Madrid, onde en coordinación con grupos de obreiros da factoría, se planea dar un mitin. Abelardo é o responsábel do comando. Tras dar o mitin nunha das naves da fábrica, un grupo de gardas xurados, armados con escopetas, trata de interceptar e deter o comando. Abelardo saca a metralleta e dispara varios refachos contra os gardas, ferindo varios deles nas pernas. Comeza un tiroteo e o comando logra escapar.

As multitudinarias manifestacións prol-amnistía son contestadas con balas e porradas. En Madrid a policía asasina dous manifestantes. Os GRAPO en resposta, e para dar máis forza ás súas esixencias, decide apresar o tenente xeneral Villaescusa, presidente do Consello Supremo de Xustiza Militar, institución directamente responsábel dos fusilamentos dos cinco antifascistas do 27 de Setembro de 1977. O día 24 de xaneiro un comando, do que forma parte Abelardo, aborda o coche de Villaescusa. Reduce o chofer e o xeneral e conducen este a unha vivenda onde o terán retido.

Este novo golpe da guerrilla pon de manifesto unha vez máis a vulnerabilidade do Réxime. A reacción dos monopolistas é histérica; montan a matanza de Atocha (onde son asasinados cinco avogados laboralistas) nun intento de amedrentar o pobo. A resposta popular non se fai esperar, saíndo a rúa masivamente a manifestar o seu odio aos asasinos fascistas. A resposta dos GRAPO á matanza de Atocha tamén chega uns días despois: dous comandos abaten en Madrid dous policías e un garda civil, ferindo gravemente outros tres.

Abelardo dirixiu unha destas accións de castigo, operación que foi especialmente accidentada e que serviu para demostrar o capacidade dos guerrilleiros. No relato oficial dos GRAPO, despois de describir a acción contra os policías narraba así a operación en que participou Collazo: "A sorpresa en cambio non foi conseguida na acción contra a garda civil, pois ao ter lugar bastante tempo despois estaba xa alertada. Ao entrar os nosos soldados na Caja Postal de Ahorros, un garda comezou inmediatamente a disparar a refachos sobre un dos nosos, o cal puido botarse ao chan. Porén, tanto o garda que disparou coma a súa parella, foron abatidos rapidamente nun intenso tiroteo a distancia inmediata. Cando os nosos combatentes se dirixían ao vehículo que os agardaba, chegaba un automóbil da garda civil, ao parecer con dous ocupantes... A un dos nosos caéuselle nese instante a pistola, cousa que foi observada dende o vehículo policial, do que saíu inmediatamente un sarxento. Pero o noso combatente puido adiantárselle derrubándoo dun culatazo e volverse rapidamente, momento no cal outro dos nosos botou ao vehículo da garda civil unha bomba de man, que acabou por neutralizar os ocupantes deste."

Entre tanto, o cerco policial en torno ao comando intensifícase. Miles de policías e colaboradores percorren a cidade en busca dalgunha pista. Hai controis en numerosos puntos, batidas en barrios, etc. Con todo, sería o descubrimento da policía do método utilizado polos GRAPO para conseguir os coches o que facilitaría fundamentalmente a localización e liberación dos reféns.

Localizado, a través do coche, un dos integrantes do comando é detido. Abelardo, cando se dirixe ao piso do compañeiro capturado, ten un intenso tiroteo coa policía, logrando escapar. Como medida de seguridade, os reféns son cambiados de piso. Collazo pasa a ocuparse da custodia de Villaescusa nun piso de Alcorcón. Pero da mesma forma que o primeiro, é localizado e detido Cerdán Calixto, responsábel da Operación. A este ocúpanlle as chaves do piso en que estaba Villaescusa cunha inscrición da urbanización en que a que se encontra. O 11 de febreiro, policías de paisano rodean o edificio. Coa chave encontrada abren a porta. Abelardo, que se encontra dentro, coa metralleta ao lado, cre que quen abre é o compañeiro. Cando quere reaccionar un numeroso grupo de policías rodéanlle, tírao ao chan, facendo inútil a reacción defensiva de Abelardo.

Malia a detención do comando e a liberación dos reféns, a Operación Cromo tivo unha grande importancia e alcanzáronse en boa medida os obxectivos. Non é unha derrota, explicaron os GRAPO tras o desenlace. Durante os dous meses que duraron os secuestros, denunciouse ao réxime: era unha proba palpábel da súa debilidade, de que era posíbel facerlle fronte con éxito. Se os reféns non foron executados en pouco tempo foi, segundo explicaron os GRAPO, porque manténdoos presos indefinidamente se colocaba a oligarquía nunha situación moi difícil: era un cancro que lles impedía gobernar e que minaba o seu prestixio. Por outra parte, a Operación Cromo contribuíu decisivamente á liberación da maioría dos presos políticos en 1977. Pouco antes da Operación, o goberno fixo declaracións de que non habería máis amnistías e, ao pouco de producirse o apresamento, Martín Villa se apresuraba a dicir que o goberno estaba a estudar novas medidas de graza. Porén, esta amnistía non alcanzou aos integrantes do comando que realizou a Operación, a quen tanto tiveron contribuído para conseguila.

Torturas na DGS. A loita continúa no cárcere

Abelardo permaneceu 23 días, catro longas semanas, nos calabozos da Direción General de Seguridad sometido a todo tipo de torturas e vexacións. El mesmo relataríao así nun escrito recollido no Informe Oficial do GRAPO sobre a Operación Cromo: "Detivéronme o 11 de febreiro cando estaba a custodiar a Villaescusa. Cando entraron rompéronme os pantalóns, atáronme as mans e as pernas con correas, cables e esparadrapo e leváronme á DGS a forza de golpes e patadas por todo o corpo, especialmente no estómago, fígado e costado dereito. Despois disto colgáronme nunha barra de ferro, colocándome nos pulsos as esposas, mentres me dan coa porra nos pés, alternándose cando se cansan. Outro golpéame no costado dereito e outro vai retorcendo a barra na que estou colgado. O cadro parecíase ao dos verdugos da Idade Media, parecían salvaxes ou tolos. Así me tiveron durante algún tempo. Nas dúas pernas producíronme derramos, dende os xeonllos até o pés todo estaba negro. Non podía andar cando ía ao váter. Os primeiros días tiña que ir a catro patas. O costado dereito, á altura do fígado, o tiña igual de negro que as pernas. Hoxe, despois de case dous meses, teño aínda inchados os nocellos e non sinto nada en parte da man esquerda por efecto dos grifóns."

Despois destes 23 horríbeis días é trasladado ao cárcere de Carabanchel. A prisión está feita para destruír a persoa, sometela e humillala. Por iso é fundamental no cárcere conservar a dignidade, seguir loitando contra as humillacións. Abelardo tiña isto moi claro e sempre foi un exemplo para os seus compañeiros. A súa alegría e as súas bromas, a súa seriedade no traballo e a vitalidade, a súa confianza infinita na causa emprendida e nos camaradas non poderán ser esquecidos polos que o coñeceron. Tampouco o cárcere puido dobregar un home afeito a levar a cabeza alta e a verdade na boca, seguro da xusteza da súa loita e con sólidos principios comunistas. O seu comportamento e trato foi e segue sendo exemplo para todos os seus compañeiros e cantos o coñeceron.

O tempo que pasou en prisión aproveitouno en adquirir uns coñecementos que se lle negaran nos primeiros anos da súa vida, estudou e aprendeu todo aquilo que era útil para a causa do pobo.

Na época en que Abelardo e os seus compañeiros entran na prisión desenvólvese un movemento entre os presos sociais contra as condicións inhumanas de encarceramento e en petición de melloras. Os motíns esténdense a todos os cárceres. Abelardo contactou cos principais dirixentes da COPEL e mantivo boas relacións cos presos máis conscientes do movemento, gañando o seu respecto.

A raíz dun motín en Carabanchel, son trasladados a Córdoba os presos dos GRAPO e os principais dirixentes da COPEL. Nada máis chegar alí póñense a traballar para preparar a fuga: o deber de todo prisioneiro é evadirse para incorporarse ao combate na rúa. Con grande organización iniciarase o túnel. Abelardo é o principal encargado de realizalo, é o primeiro en baixar e arrancar a terra co pico centímetro a centímetro. Cando apenas quedan tres metros para saír, son trasladados de novo a Carabanchel. De alí os presos dos GRAPO son conducidos ao cárcere de Soria.

Meses despois, en xaneiro de 1978, chegan novos militantes dos GRAPO e do PCE(r) a Soria, forman un grupo numeroso e constitúen a Comuna Carlos Marx. Organízase o tempo e as actividades para evitar a desidia e a desmoralización que provoca a vida carceraria. Divídese o día deixando tempo para a ximnasia, o estudo, o esparexemento, os traballos manuais, as reunións... Dentro da comuna funciona a Escola onde se imparten temas sobre historia, literatura, marxismo-leninismo, etc. Hai unha biblioteca que se amplía día a día. Todas as semanas se organizan reunións e actividades culturais onde os grupos musicais formados, os incipientes poetas e escritores, expoñen as súas calidades. Abelardo é un entusiasta da música da súa terra e convértese no principal impulsor do grupo coral galego. Polas tardes, dúas ou tres horas, dedícanse a traballos manuais: hai que contribuír na medida do posíbel, mesmo no cárcere, ao auto-sostemento, conforme ao principio de: quen non traballa non come.

Por suposto, este réxime de vida non se consegue sen sacrificios senón a custa de continuos paros, folgas de fame e enfrontamentos cos carcereiros que intentan impoñer por todos os medios a súa destrutiva disciplina carceraria. Abelardo, nos case tres anos que estivo no cárcere, realizou preto de 10 folgas de fame, algunhas de case un mes de duración para evitar ser pisado polos carcereiros.

En febreiro de 1978 trasládano unha vez máis a Carabanchel para sometelo a xuízo. Alí participa nun túnel que abriron os camaradas con anterioridade. Cando está dentro del, xunto con outros, o túnel é descuberto, pero conseguen saír del sen ser vistos aproveitando a escuridade. A dirección empeza os interrogatorios. O preso anarquista Agustín Rueda Sierra é asasinado a golpes polos carcereiros e Abelardo é trasladado inmediatamente a Soria.

Só se é libre loitando e Abelardo cristalizou, unha vez máis, as ansias de liberdade da súa clase e o seu pobo ao preparar a construción doutro túnel. Os traballos están perfectamente planificados e distribuídos. Uns xogan ao pimpón para amortecer os ruídos. Mentres un grupo pasea, outro recolle a area na cela da que parte o túnel e por medio de caixas a pasan por un oco disimulado no teito, baixo o fluorescente, e outro grupo encárgase de recollela e escondela no falso teito. Por último, outros están encargados de picar cos instrumentos rudimentarios de que se dispón. Como noutras ocasións Abelardo marcha á cabeza dos picadores. Pasa horas e horas no oco. Malia a súa complexión ancha, entra como ningún polos máis difíciles e estreitos pasos do túnel. A súa realización é moi dificultosa; hai treitos en que hai que picar pedra viva. Ao final do túnel case non chega o aire e é necesario bombealo por medio dun secador de pelo e un tubo... Cando se levan 60 metros de túnel, xa fóra do cárcere e buscando a rede de rede de sumidoiros, o burato é descuberto casualmente nun cacheo. Son moitos meses de traballo coidadoso e penoso. Non importa, volverase intentar.

Neste tempo, Abelardo non só participa nos traballos do túnel senón tamén en todas as actividades comunais. Destaca especialmente a súa contribución á redacción do folleto "Experiencias de tres anos de loita armada" onde se recolle a análise das experiencias da Organización guerrilleira no combate armado.

Ás provocacións dos carcereiros hai que engadir os cacheos da policía política que, de mes en mes, teñen como exclusivo obxectivo roubar cartas, fotos dos familiares, esnaquizar as celas e os traballos manuais, etc. Nunha ocasión trataron de excarcerar por segunda vez un combatente para volver torturalo na DGS. A firme oposición dos prisioneiros ocasiona unha batalla campal. Os antidisturbios empréganse a fondo con bolas, porradas e botes de fume, destruíndo medio cárcere. Non conformes con isto, a dirección sanciona os presos con dous meses de celas de castigo. En resposta, os presos decláranse en folga de fame. Aos 28 días, dous deles sofren un agravamento, un por un ataque ao corazón. Os carcereiros néganse a sacalo o hospital. Os que aínda poden poñerse de pé, entre eles Abelardo, abalánzanse sobre os policías que os rodean. Collazo desabróchase a camisa do pixama e ofrece o seu peito ás balas dos antidisturbios que, armados até os dentes retroceden. As protestas xorden efecto e os dous presos son hospitalizados. Pouco despois, a Dirección de Prisións anula a sanción e os presos cesan a folga.

A finais do 78 son trasladados á prisión de Zamora. Celas cun palmo de auga, as paredes zumegando humidade e co único mobiliario dun xergón. En protesta por esas condicións de reclusión, iníciase unha nova folga de fame que dura 22 días, tras a que se conseguen algunhas melloras.

Ao igual que en Soria, organízase a vida da Comuna Carlos Marx. Inmediatamente estúdanse as posibilidades de fuga. Non tardarán en poñerse mans á obra. Nos lavadoiros do patio, baixo a escaleira, empézase a cavar. Abelardo coa travesa dunha cama dá os primeiros golpes e, outra vez, será o primeiro na brecha, arrancando terrón a terrón, cara á liberdade. Novamente móntase en torno aos traballos do túnel a operación para arroupalos; a vixilancia as manobras de distracción, etc. Estúdase a dirección e lonxitude que ha de ter o túnel para pasar os muros varios metros baixo terra e alcanzar terreo libre. Non son moitos metros pero si especialmente difíciles e duros. Invístense varios meses en alcanzar o obxectivo.

Mentres, a vida comunal transcorre con normalidade, só alterada polas loitas continuas para facerse respectar polos carcereiros. Abelardo, ademais dos traballos do túnel, desempeña as súas responsabilidades dentro da Comuna. Fai ximnasia, le, estuda, realiza as tarefas de limpeza e cociña. Nos traballos manuais é o máis rápido e eficiente na confección de panos, bolsas de la, etc. Moitos compañeiros novos na comuna aprenden o oficio das mans, ao ritmo rápido e incansábel, de Abelardo.

A fuga de Zamora

A mediados de decembro de 1979 o túnel está practicamente concluído. Os camaradas que sairán por el ultiman os detalles de calzado, roupa e comida. Reúnense e trázanse plans. Aínda que os seus rostros non translocen nada especial, respírase certo nerviosismo, hai un ambiente tenso. Chegou o momento clave. O 17 de decembro é o día escollido. Até a cea todo foi normal. Ao rematar só os veteranos pasean polo patio, malia o frío. Os cinco camaradas xa están dentro do túnel. Entraron ás 20'15 H e quince minutos despois cambia a garda dos civís das garitas que repiten mecanicamente os movementos que foron vixiados decenas de veces polo grupo de fuga. Quítanse as últimas pedras, os últimos puñados de terra e por fin penetra polo túnel a claridade da lúa.

Sae Abelardo que corre costa arriba polo monte que nace no muro mesmo do cárcere. Ségueno Brotóns Beneyto, Cerdán Calixto, Hierro Chomón e, por último, Martín Luna. Todo foi ben; os gardas civís nada notaron. Dispoñen dun mínimo de marxe até as 9'15, aínda que é máis probable que dispoñan até as 12, hora en que se pechan as celas.

Os cinco divídense en dous grupos. Collazo e Brotóns parten xuntos e percorren na primeira noite preto de 40 quilómetros pola vía do tren, en dirección a Ponferrada. Hai que aproveitar o tempo de que se dispón de vantaxe e afastarse o máximo posíbel. Malia que van abrigados o frío penétralles até os ósos. Comeza a chover e, pouco despois, a nevar: van empapados e aterecidos dos pés á cabeza. Abelardo marca un paso firme e rápido, afeito dende neno a correr, ás longas marchas.

Durante 10 días seguen camiñando en dirección a Galiza, durmindo de día no monte, camiñando de noite. Cada certo tempo achéganse a un pobo para avituallarse.

Continúa a loita

Unha vez en Vigo, busca un refuxio no monte. Coñece palmo a palmo o terreo no que viviu dende neno. E de novo quere entregarse en corpo e alma á loita revolucionaria para reorganizar a guerrilla e, cumprindo con este labor, deu o único que lle quedaba por entregar: a súa propia vida. Con precaución, vai tomando contacto cos seus coñecidos e amigos e, finalmente, coa Organización. Ten que moverse con sumo coidado pois toda a policía vai tras a pista dos fuxidos. Estes primeiros meses son especialmente duros. Illado, case sen diñeiro nin roupa, mal alimentado, ha de resolverse por el mesmo os problemas, con paciencia e sen precipitarse.

Toma contacto cun grupo de mozos traballadores cos cales forma un comando e ponse a traballar. En primeiro lugar, ten que resolver os problemas máis inmediatos, polo que se planifica unha expropiación bancaria e se realiza. Igualmente exprópiase o armamento a un garda civil. Posteriormente trasládase a Barcelona, onde efectúa varias operacións. Reúnese a dirección dos GRAPO, incluído Abelardo. Estúdase a situación política, as forzas orgánicas e estabelécense os plans de traballo. Abelardo é destinado a Galiza para montar a infraestrutura da Organización e realizar un labor de captación. E de novo volve á súa terra.

Por medio de enlaces vai desenvolvendo a súa actividade. Efectúa visitas, reúnese con xente disposta. É un traballo difícil e que require tempo. Simultaneamente vai ensinando aos novos combatentes, transmítelles a súa experiencia.

A principios de maio Hierro Chomón trasládase a Vigo para realizar varias operacións xunto con Abelardo. Cando ambos os dous están a realizar unha chamada telefónica dende unha cabina son recoñecidos por dúas policías. Hierro e Collazo, que notaron cousas estrañas, deciden saír da zona. Non andaron nin cen metros cando son superados por un coche con cinco policías que frea uns metros máis adiante e do que saen os sociais disparando sen previo aviso. Hierro resulta ferido nunha perna e cae ao chan en medio dunha chuvia de balas. Abelardo logra sacar a súa pistola e efectuar varios disparos, tras o cal logra fuxir.

Aquela noite refúxiase no monte. Na cidade e nos arredores búscaselle intensamente, aínda que non logran dar co seu paradoiro. Até este momento movérase con certa tranquilidade pois a policía non sospeitaba que andase por Vigo, pero agora, seguir na cidade resultaba moi perigoso.

A finais de maio encárgase de formar e adestrar un comando en Madrid. Os combatentes son novos, con escasa experiencia e pouco compenetrados. Nun principio encárgalles pequenas accións: expropiacións, etc., para que se familiaricen e se vaian fogueando. Tamén se dedican á recollida de información e á preparación de futuras accións.

A finais de xullo realízase unha acción contra o xeneral Criado, subinspector de Sanidade do Exército. Teñen perfectamente estudados os seus movementos. Nun cruzamento de rúas, o coche que conduce ao xeneral detense ante unha parada. Abelardo, metralleta en man, e outro combatente abren lume cruzado sobre os ocupantes do seu vehículo, morrendo o soldado de escolta. Dan por morto o xeneral que só quedará ferido e tras arrebatarlle o subfusil ao policía militar, emprenden a retirada.

Asasinato e enterro dun fillo do pobo

No mes de agosto, o comando do que é responsábel Abelardo realiza algunhas accións menores e prepara outras. Segue desenvolvendo a súa actividade normal. Comparte o seu piso con outro camarada. Saen cedo pola mañá e volven á hora de comer, conforme ao horario de calquera traballador. Os seus movementos non levantan sospeitas. O seu aspecto cambiou moito. Sempre de constitución forte e ancha, adelgazou para evitar ser recoñecido polos sabuxos policiais.

O 29 de agosto sae de boa mañá como todos os días e volve á hora acordada para comer. Dende había uns días estaba preocupado pois cre que o recoñeceran nunha parada de autobús, aínda que posteriormente logrou zafarse da vixilancia. Sobre as 5 da tarde volve saír para entrevistarse cun dos integrantes do comando, Xosé Luís Fernández González, O Ché, obreiro vigués como el. Sobre as 8'30 soben pola rúa de Bravo Murillo e torcen pola rúa Coruña. Mentres, a policía foi preparando a emboscada. O lugar está pouco transitado; é o sitio idóneo, sen testemuñas. Varios policías aproxímanse polas costas e, sen mediar palabra, descargan as pistolas nos corpos de Abelardo e o Ché. Xa no chan, rematan a Abelardo con saña. Ten seis balazos polas costas. Só lle podían matar así, covardemente, a traizón. De fronte, os seus asasinos tiñan medo. Temían o seu corpo grande inmenso e xeneroso. Temían as súas mans fortes, acostumadas ao mazo e a pistola. Temían a súa fronte despexada, a súa mente clara, a súa decisión e confianza na causa do pobo. Non podía quedar vivo. A Xosé Luís tamén o furaron; un tiro secciónalle a medula espiñal á altura do peito polo que queda paralítico.

A noticia do asasinato correu como a pólvora. En Vigo, a súa cidade natal, que tanto quería e onde era tan querido, a noticia causa un grande impacto. Esa mesma noite numerosos traballadores e grupos de mozos saen á rúa e enchen as paredes de pintadas en honra de Abelardo e contra a policía. Á mañá seguinte todos os muros de Vigo falan a berros do asasinato dun fillo do pobo. A Asemblea para Ceibar aos Presos Políticos Galegos encheu a rúa de panfletos denunciando o asasinato de Collazo e a situación de Xosé Luís. Nos bares, as fábricas, os tallos... en todos sitios, non se fala doutra cousa durante días. Os vellos compañeiros das folgas da construción, da de 1972, recordaban a figura de Abelardo en asembleas, reunións e charlas. Todo o pobo traballador chorou a perda dun dos seus mellores e máis dignos irmáns.

O día 1 de setembro celebrouse o enterro no cemiterio de Teis. Este acto constituíu unha mostra de cariño e recoñecemento cara a Abelardo Collazo e de apoio á loita que el mantivo e outros continúan. Aínda que a prensa tratou de silencialo ao máximo, non puido deixar de recoñecer a sorprendente manifestación de solidariedade do pobo vigués. O féretro, conducido dende Madrid, era esperado por preto de 5.000 persoas de todas as idades. Máis de 300 automóbiles estaban estacionados nas proximidades do cemiterio.

Ao chegar o furgón co corpo de Abelardo, cóbrese o féretro coas bandeiras da República Popular e a galega. No centro, sobre a bandeira vermella, ondea o escudo dos GRAPO. O féretro é levado ao cabalo por familiares, amigos e compañeiros. Entre os asistentes ondearon numerosas bandeiras do PCE(r), a República Popular e a galega. O ataúde foi conducido até a foxa no medio dun impresionante silencio, só interrompido polos choros e berros da nai de Abelardo, Camila, e de numerosa xente. Alí deposítanse coroas de flores de todas as fábricas viguesas. Ante a foxa entóase o himno dos GRAPO, dánse vivas a GRAPO e á loita armada e bérranse consignas contra a policía. Un dos asistentes explicou brevemente a traxectoria da súa vida e a loita de Abelardo e o papel da guerrilla, dende a guerra do 36 até os GRAPO. Tras isto, máis de 1.000 persoas manifestáronse polas rúas de Vigo, enfrontándose durante varias horas á policía con pedras e cócteles Molotov. O pobo de Vigo deu mostras, unha vez máis, da súa tradición combativa e do seu recoñecemento sen límites ao labor de homes tan valorosos, sinceros e honrados como Abelardo.

Biografía editada polo Partido Comunista de España (reconstituído)


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.