Traballadores de Gabadi, acompañados por persoal doutras empresas auxiliares do naval e da propia Navantia, concentráronse dende as seis da mañá ás portas do estaleiro de Ferrol para esixir a retirada do ERE extintivo para 28 operarios que pretende aplicar a empresa. O Secretario Comarcal da CIG-Metal, Vicente Vidal, explica que a compañía conta nestes momentos con 164 empregados, 75 contratados con carácter indefinido e 89 eventuais, e cunha importante carga de traballo.
Porén, presentou un ERE extintivo para despedir a 28 traballadores/as, a maioría persoal indefinido, alegando causas produtivas e organizativas, xa que no plano económico, durante o período de consultas a propia dirección recoñeceu que este ano facturaría tres millóns de euros por riba das previsións.
Por iso, a empresa recorreu a causas organizativas e produtivas para xustificar o expediente, aducindo que neste exercicio remataba a obra nova dentro dos estaleiros. A este respecto, Vidal denunciou a falta de veracidade destes argumentos, porque a empresa conta con obra nova e traballos de reparación para Navantia e mesmo ten asignadas tarefas de taller. Ademais de dispor de abundante carga de traballo noutras áreas de negocio, até no estranxeiro.
"Non existe causa para aplicar esta medida", asevera o responsábel comarcal da CIG-Metal. "Cando Gabadi presentou o ERE tiña ao persoal traballando, como mínimo, dez horas ao día e fins de semana. Incluso o persoal de obra nova velaba polas tardes". Á vista desta situación, durante o período de consultas, a parte social propuxo a empresa adoptar outro tipo de medidas organizativas non traumáticas, como a redución das horas extras ou cambios nas quendas.
"Pero a empresa está obcecada cos despedimentos", denuncia Vidal, quen apuntaba que durante o período de consultas a representación social insistiu na retirada do ERE por carecer de xustificación, mentres a empresa en cada reunión aparecía cunha proposta máis regresiva. Neste senso, a CIG-Metal entende que esta regulación é unha artimaña para desfacerse do persoal indefinido e contratar novos traballadores/as en peores condicións.
Presións por parte da empresa
Fronte as pretensións da compañía, a asemblea de traballadores/as acordou por unanimidade asinar sen acordo a acta final do período de consultas, cortar a realización de horas extras e preparar un calendario de mobilizacións, no que se incluía a convocatoria de folga indefinida.
Non obstante, no día da celebración da seguinte asemblea para concretar dito calendario de protestas e as accións a seguir no caso de aplicarse o ERE (impugnación do Comité e demandas individuais), a dirección da empresa organizou unha asemblea "alternativa" para coaccionar aos traballadores/as, especialmente, ao persoal indefinido. Polo que finalmente as mobilizacións ficaron en suspenso.
Agora, á espera de comprobar se Gabadi aplica ou non o ERE, a empresa deu vacacións aos 28 traballadores/as afectados/as, que xa teñen retirada a tarxeta de entrada ao estaleiro, mentres que os seus compañeiros están realizando horas para sacar adiante o traballo. Ademais, logo de coñecer a convocatoria da mobilización, a empresa chamou a cinco dos afectados para que fosen traballar hoxe pola tarde.
Arroupados polas auxiliares
O persoal de Gabadi estivo arroupado na súa protesta por traballadores/as doutras auxiliares do naval como Turmoil, Eymosa, Electro Rayma, Atenasa ou Bulbo. Algunhas das industriais auxiliares que están a padecer de primeira man a falta de carga de traballo nos estaleiros e que xa teñen presentado expedientes de regulación de emprego, están en concurso de acredores ou mesmo hai outras que xa botaron o peche, coa conseguinte destrución de emprego.