1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

apalpador sargadelosGaliza - Praça - [José Luís Sucasas] O outro día andaba unha amiga feisbuquiana fedellando na internet, na procura de cousas para traballar o Natal cos seus alunos, e foi dar coa páxina da Coordenadora Galega de Equipas de Normalización e Dinamización da Lingua.


Normal. Para a súa surpresa, nos recursos de Nadal nesa páxina seica hai un apartado dedicado ao Apalpador; e non queda aí a cousa, xa que na parte de recursos didácticos, metade deles son sobre esta personaxe. “E digo eu -pregúntase a amiga- tódolos desa Coordinadora son da mesma zona da Galiza? Porque por aquí e por moitos mais sitios que andei non se oíra falar deste señor (de dubidosa reputación por tocar as barrigas dos nenos) ata hai ben pouco. Pídovos, por favor, que preguntedes aos mais vellos que coñezades, se coñecían tal personaxe.”

Eu, que partillo terra coa nosa amiga contrariada, legua arriba legua abaixo, acordo con ela en que o tal Apalpador non visitou as nosas infancias nin apalpou os nosos bandullos, nin tampouco coñecemos a xente que si llo fixera. Pero, a diferencia dela, a min non me estraña que así sexa, xa que o tal Apalpador é animal endémico da alta montaña luguesa e ourensán, como pode ser a pita do monte ou o oso pardo; e tampouco me causa estrañeza non velos andar polos outeiros e fragas do Deza e da Ulloa. Outro tanto poderiamos dicir da celebración do Samaín, que tampouco tivemos novas dela ata hai ben poucos anos e, xa que logo, non a levamos incorporada na zona escura dos miolos. O noso acervo mítico, o da miña amiga feisbuquiana e mailo meu, é clara e fondamente xudeu-cristián, con poucas concesións a celebracións pagáns e aínda menos reminiscencias de ritos tribais. Para ben ou para mal, -ou para nada-, así nos tocou ser; e o Neno Xesús, a Virxe María, os Reis Magos e mais o belén, os protagonistas todos dos nosos contos de Nadal.

Agora ben, hoxe en día resulta doado atopar nas casas, ata na Galiza profunda de Cadrón ou Melide, figuras dun tal Papá Noel e piñeiros ananos enfeitados de estrelas, bolas rechamantes e caixiñas valeiras, introducidos nas nosas vidas pola mercadotecnia do american way of life. Por que os USA si poden, e a ENDL non? Erguemos a nosa protesta cando vimos o primeiro Papá Noel (con independencia de que non ía servir de nada)? Acaso partillamos mais xenes cos aborixes de Springfield que cos de Cervantes ou Maceda? Porque o mesmiño que dixo a miña amiga sobre o Apalpador, “que de onde ela era e mais noutros lugares polos que andara, ninguén oíra falar deste señor”, eu podería dicir outro tanto do tal Papá Noel. Por que a súa chegada é produto inexorable das forzas do mercado, e a do Apalpador é un intento de manipulación da nosa historia e costumes? Vou mais aló. Pareceume de moi mal gusto a insinuación feita pola amiga sobre o señor carboeiro, seica de dubidosa reputación por tocar as barrigas dos nenos. E  logo o Papá Noel non senta no colo os cativos a cambio de caramelos e xoguetes? E logo Xesús non pedía que se lle achegaran os cativos? A min nunca se me ocorreu insinuar derivas pederastas do vello da barba branca nin de Xesús o Nazareno. Teño un respecto polos contos ben contados!

Remata a nota feisbuquiana pedíndonos que lle preguntemos aos mais vellos se coñecían ao Apalpador. Cadroume andar estes días pola aldea e aproveitei para interrogar a meu pai. Coñecía o Papá Noel, pero do carboeiro das montañas do leste non tiña nin aproximacións. Daquela lembrei que era venres 27, o Black Friday dos arapahoes, e xa na allada, pregunteille que tal levaba o venres negro. Meu pai regalou os ollos cara min e exclamou: “O venres que? Pero ti que dis!” Eu aínda insistín no asunto. “Si, home, o blak fraidei ...xa sabes” Daquela o vello acordou. “Ah! Si home, si... o blak fraidei ese ... si, vin un cartel na porta da taberna... seica hoxe fan un desconto do 50 por 100 nas  cousas do ultramarinos e tamén nos cubalibres ... Non saben o que inventar ...Din que é unha moda que puxo en Lalín o alcalde que está agora... xa sabes, o fillo do que estivera antes”

O dito, meu pai xa sabe o que é o Black Friday, que chegou ás nosas vidas coma quen di antonte, dende alén do ancho mar a miles de quilómetros; pero nin idea ten do Apalpador,que seguramente leva séculos repartindo castañas na mesma diocese eclesiástica (O Deza é condado de Pontevedra para as cuestións mundanas, pero para as celestiais sométese á igrexa luguesa) polo Nadal e apalpando as barrigas dos cativos para saber se pasaron fame durante o ano que xa remata. Así é a vida de retorta.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.