1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

130815 conxoGaliza - Praza - [Dionisio Pereira e Eliseo Fernández] Que os artífices dos coutos pechados fiquen na soidade dos seus vetustos palacios (Ricardo Mella).


Somos moitas as persoas que rexeitamos un modelo socioeconómico que beneficia as minorías, que é depredador da natureza e que progresivamente vai eliminando a soberanía dos pobos. Para os homes e mulleres refractarias, estase abrindo un panorama esperanzador, no que parecemos asistir á apertura dunha época de novas perspectivas, ilusións e tamén incertezas; unha situación na que é importante que as xentes desta terra asuman unha posición activa diante dos cambios que poidan acontecer. Porque, seguindo a Lampedusa, a historia tamén nos aprende como moitas transformacións que no aparente pretendían virar o estado das cousas, non foron máis que un recurso utilizado para garantir a súa continuidade baixo distinta faciana.

Quizais somos moi optimistas mais detectamos que, froito da experiencia recolleita nas loitas cotiáns, vai medrando un sentimento unitario entre colectivos e persoas de variadas sensibilidades, un sentir que impulsa a pasar por riba das lexítimas diferenzas e a poñer en valor o traballo común a prol das esixencias do momento. E pensamos que tamén se foi desenvolvendo nos últimos tempos o devezo por unha maior intervención popular no acontecer social e político. Agora, permítasenos unha brincadeira: acaso sería desexable non abusar do termo cidadanía, non só pola confusión clasista do termo, mais tamén polo posible paradoxo de que alguén confunda o feito de que todos os homes e mulleres participen na xestión do común, coa idea de que na Galiza os procesos de transformación teñan que vir marcados polo rumbo emprendido nas cidades.

É unha evidencia que partidos, movementos sociais e individualidades participan (uns por convencemento, outros por necesidade) en maior ou menor medida das novas inquedanzas; por toda a parte agroman iniciativas, movementos, debates que van na liña de recoller as arelas unitarias e promover a integración na loita social de novos suxeitos individuais e colectivos. Unha delas foi a manifestación unitaria do 25 de Xullo en Compostela, na que participamos xentes de moi diversa condición arredor dunha convocatoria de mínimos, organizada dende a sociedade civil. E na mesma liña xorde agora a proposta do Banquete de Conxo 2.0, que terá lugar o vindeiro 23 de agosto no escenario da xuntanza de 1856. Eis unha iniciativa que nos parece ben acaída para continuar nese engaiolante camiño de sobordar os coutos pechados en que tradicionalmente se ten desenvolto a política e os movementos sociais na Galiza, para converternos máis ben nese arquipélago que alguén definiu como un conxunto de illas unidas por aquilo que as separa.

Saudamos con prudente ledicia a posibilidade de abrir un proceso (en Conxo ou en calquera outro espazo de encontro) para que as diversas sensibilidades que estivemos presentes daquela en Compostela e outras que decidiron non asistir, poidamos traballar en conxunto. Un proceso que defina un amplo campo de xogo espido de marcos artificiais, que só pretenden acoutar espazos políticos e idearios contrapostos de xeito trasnoitado; un proceso onde todo poida ser decidido en democracia dende a base e que precisa dunha boa dose de altura de miras por parte de todas e todos. Mais tamén a recompensa pagaría a pena: permitírmonos afirmar con afouteza a nosa soberanía colectiva, acreditando en que só dende a construción desa capacidade a pluralidade dos proxectos e reivindicacións que animamos teñen algunha posibilidade de saír para adiante. Agardar que as solucións aos nosos problemas veñan dende Madrid ou de Bruxelas, parécenos máis ben camiñar no sentido contrario; é tanto como dicir que a nosa liberdade depende deles e non de nós, depositando nas mans de outros o noso capital colectivo. Dende a unidade, dende a participación, dende a xenerosidade, temos a opción de construír un espazo de confluencia no que non só afirmaríamos a nosa personalidade colectiva mediante unha candidatura unitaria, senón que estaríamos en condicións de contribuír á creba do nefasto réxime da Transición e incorporar a maioría social a un proxecto ilusionante e transformador: a conformación dun suxeito colectivo en clave nacional que vaia mais aló do electoral e que poida servir para traballar a prazo máis longo por unha transformación social dende os intereses populares.

Para nós, ademais, é imprescindible subliñar que neste roteiro o nacional e o social non deberían ser opostos, senón complementarios, pois entendemos que só dende a afirmación da capacidade colectiva podería ser posible dar o combate social con algunha garantía de éxito. E triste sería a reivindicación da personalidade de noso que non viñera informada por unha vontade transformadora e xusticeira.

Recoñecendo a lexitimidade dos diferentes proxectos, sempre que presentados de xeito transparente, acreditamos en que aínda hai un longo percorrido no que poderemos traballar en común. Ao cabo, se acaso o obxectivo non debería ser o de impoñer un determinado modelo político ou social, senón o de procurar que unha ampla maioría social encete un camiño propio, incerto de seguro, mais por si mesmo dotado dun enorme valor. Pola contra, teimar no sostemento dos coutos pechados de cadaquén, ou substituír as decisións soberanas da colectividade por simulacros de participación popular, poderá funcionar no curto prazo, máis é garantía de irrelevancia no futuro.

En calquera caso, cómpre non se enganar; neste intre non somos nós quen determina a axenda política e social: velaí por un lado a voracidade dos poderes económicos propios e alleos e polo outro o desleixo a cada máis notorio das maiorías sociais damnificadas. Precisamos, pois, tomar o control do noso futuro colectivo e converter a indignación en acción consciente. E para iso ninguén sobra: todas e todos somos precisos para debater, construír e pór rumbo cara un novo tipo de política e con ela un outro país, máis humano, máis xusto, máis igualitario, máis fraternal e comunitario. Daquela, para nós sería un bo inicio acudir o día 23 a Conxo en avezada tropa desbocada para, se cadra, comezar a mudalo todo.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.