1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)

170915 hospGaliza - CIG - Pessoal e doentes de distintos serviços do Álvaro Cunqueiro denunciam o modelo de gestom, as deficiências e a situaçom caótica que se vive no centro desde a súa abertura.


Traballadores/as e usuarios/as de distintos servizos do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo ofreceron hoxe unha rolda de imprensa para denunciar o modelo de xestión, as numerosas deficiencias detectadas e o caos que se vive no centro dende a súa posta en marcha, situación que segundo advirten pon en risco tanto aos pacientes como ao propio persoal. Unha das persoas que participaron na comparecencia, enferma oncolóxica, chegou a definir a infraestrutura recentemente estreada como “un centro comercial da saúde”.

Os distintos/as profesionais de servizos como Radioloxía, Cardioloxía, Hematoloxía, Obstetricia, Oncoloxía ou Anatomía Patolóxica relataron durante case dúas horas e media os numerosos problemas cos que conviven dende que se iniciou o traslado ao novo hospital a causa da falta de recursos e de espazos axeitados e alertaron sobre o risco que isto supón para a seguridade dos pacientes e dos propios traballadores/as. En concreto, denunciaron as deficiencias existentes nas novas instalacións e a falta de equipamento e de persoal e acusaron os responsábeis do Sergas de “mirar cara a outro lado con tal de cumprir os prazos”.

A primeira intervención correu a cargo dun médico de Radioloxía, que detallou algunhas das máis de 500 incidencias rexistradas no servizo e que foron comunicadas verbalmente ou por escrito aos seus superiores, “sendo desestimadas sistematicamente”. Diante disto, optaron por remitir un informe asinado por 160 compañeiros/as no que se detallan as máis importantes e se reclama a paralización do traslado -que segundo vén de confirmar a Xerencia da EOXI se reanudará este luns 21- até que non se dote axeitadamente o servizo de Radioloxía.

O facultativo tamén indicou que nestes momentos o centro só conta con dous TAC (escáner necesario para a realización de probas diagnósticas), un deles de moi baixas prestacións, e que a instalación do novo equipo máis avanzado aínda non comezou. Con todo, advertiu que cando remate o traslado non haberá capacidade suficiente para atender a todos os pacientes e que, ao darse prioridade aos ingresados/as e aos de Urxencias, produciranse demoras nas probas de pacientes ambulatorios. Diante disto, reclamou un compromiso público de que se axilizará a instalación de equipamento e lembrou que a pesar de que o servizo conta con 23 radiólogos/as “só hai tres postos funcionando”.

Non cumpre os requisitos mínimos

A continuación tomou a palabra unha matrona con máis de 30 anos de experiencia no hospital Xeral para relatar que ao longo de toda a súa carreira profesional os cambios que viviu sempre foron para mellorar o servizo, algo que non foi así cando visitou por primeira vez o novo centro médico e detectou que “non cumpre os requisitos para garantir a calidade asistencial”. Indicou que o anterior proxecto de hospital tiña unha zona de partos “excelente” pero que despois optaron por eliminar dúas salas, aínda que o máis grave na súa opinión é que entre o hospital de día onde repousan as embarazadas mentres agardan e o quirófano está a catro andares de distancia.

“As urxencias obstétricas son de pena, con seis habitacións sen baño, polo que as usuarias teñen que atravesar a sala de agarda para ir ao baño. A zona de reanimación dos recén natos está fóra do bloque cirúrxico, cando a lóxica di que ten que estar no mesmo bloque; o que si está no bloque cirúrxico é o 'cuñero', onde se lavan as cuñas sucias, compartindo espazo coa zona onde se lavan os cirurxiáns/ás antes da practicar unha cesárea”. Estas e outras cuestións levan á matrona a dubidar de que o deseño do centro fose realizado por profesionais da sanidade e a reclamar unha comisión de profesionais en activo para solucionar estas deficiencias “porque aínda que o novo hospital foi mal construído está claro que non se pode dinamitar”.

Tamén se queixou da escaseza de persoal para facer posíbel que as mulleres que dan a luz permanezan vixiadas na mesma habitación durante a dilatación, o parto e o posparto tal e como se recomenda, para o que sería necesario “unha ou dúas persoas máis por quenda”. Lembrou que diariamente atenden unha media de nove partos e que o servizo conta con 26 matronas.

Caos, desorganización e abandono

Despois foi a quenda dunha enfermeira de Cardioloxía que desenvolveu o seu labor no Meixoeiro dende 1990, concretamente na unidade de coidados intermedios. Caos, desorganización e abandono foron as tres palabras que utilizou para definir o que está a padecer xunto ás súas compañeiras/os. “Preguntas por cousas e ninguén sabe nada, mandas escritos de queixa e non responden”, lamentou, para a continuación denunciar que aos responsábeis sanitarios “só lles interesan os prazos e cumprir o cronograma do traslado”.

De feito, cando chegaron a planta seguía en obras e “non había practicamente de nada: medicación, desfibrilador, carro de parada, cuñas...” polo que optaron por baixar ao Meixoeiro e traer “o que puidemos, medicación de urxencia” en coches particulares. O primeiro paciente non puido ser monitorizado e o desfibrilador chegou co último paciente, cando é vital neste tipo de unidades. “Puido morrer alguén, e se por desgraza tivese acontecido, botaríanlle a culpa a calquera antes de admitir a súa responsabilidade”, explicou antes de laiarse de non ter chamado ao Xulgado, a un notario/a ou aos medios de comunicación. Na súa opinión, este risco aínda non rematou porque os pacientes non están ben monitorizados.

Tras ela, tomou a palabra unha técnica de Anatomía Patolóxica, que criticou que o traslado se tivese feito sen unha avaliación previa de riscos e sen protocolos de prevención. Contar con salas de traballo máis pequenas que as que tiñan no Xeral ou o feito de que tivesen que conectar os aparatos vellos porque os novos aínda están embalados son algunhas das cuestións que puxo enriba da mesa antes de asegurar que o que está a acontecer amosa “o pouco respecto que teñen á dignidade dos profesionais e dos pacientes”. Denunciou que están a desenvolver o seu labor en condicións de hai 40 anos e que existe inseguridade porque “incumpren os protocolos”, para rematar lembrando que “seguimos agardando a que se presente a Inspección de Traballo”.

“Aquí desaprendín todo o que sabía”

O testemuño máis emocionado foi o doutra técnica de laboratorio que falou a continuación e que desenvolve o seu labor en Hematoloxía. “Sei facer o meu traballo porque levo dende 1974 no Xeral, pero aquí creo que desaprendín todo o que sabía”, asegurou con bágoas nos ollos. No teño sitio físico onde traballar aquí, no contemplaron a citoquímica de medula ósea, e hai un habitáculo de 3x6 metros sen fiestras no que van meter tres camas con enfermos/as”. Ademais, asegurou que todo o material que viu do Xeral está almacenado en caixas de cartón.

“Levo 20 días así e a resposta dos xefes/as é 'búscate la vida'. Non calo, xa non podo calar, levo 40 años no Xeral e vivín moitas obras, algunhas tan importantes como quitar as escaleiras, e nunca pasou o que pasa aquí”, critica. Engade que a sala onde se van a facer as doazóns non é una sala, é un almacén, e que”o mellor hospital de Europa” non ten enchufes. Ademais, denuncia que durante o traslado desconectaron os tanques onde estaban as células de medula ósea.

“Un centro comercial da saúde”

A indignación e a rabia tamén se deixaron ver na intervención dunha paciente oncolóxica, que resumiu o que pensa da nova infraestrutura médica asegurando que “semella un centro comercial da saúde”, en alusión ao elevado prezo do aparcamento, o que lle obriga a desembolsar 12 euros cada 21 días, que é a frecuencia coa que ten que acudir ao hospital a recibir medicina alternativa tras rematar a quimioterapia. Con todo, rexeita que o aparcadoiro sexa gratuíto ou máis barato unicamente para este tipo de doentes e reclamou a gratuidade para todos os pacientes e usuarios/as.

Tamén fixo fincapé no estado do centro, onde os baños están “de pena” e hai “cabichas polo chan porque a xente fuma nas escaleiras”, e tamén lamentou a falta de intimidade: “tiñan que pincharme e non había cama, así que me levaron a unha cadeira e tiveron que pincharme detrás dunha columna”. Lembra que é a segunda denuncia que fai tanto pola demora de servizos como pola custe do parking, “pero por non haber nin había follas de reclamación”.

Este extremo foi corroborado por Pilar Rodríguez, enfermeira que prestou servizos en Oncoloxía e no hospital de día, que incidiu sobre todo na repercusión que ten para as persoas a problemática que se vive neste servizo. “Son pacientes moi especiais, inmunodeprimidos/as, e que teñen que pasar moitas horas aquí, cos gastos que iso supón, para que ademais non contén coa máis mínima intimidade; por ter non ter non temos nin cortinas tras as que poder practicar probas para as que é necesario espirse”.

Segundo puido constatar, a xente está moi enfadada e son os profesionais os que reciben as queixas, “a pesar de que somos os que poñemos de manifesto as carencias que logo non se solventan, como reclamar puntos de luz, espazos amplos de traballo, ventilación, etc”. Outra problemática é a comida:no Xeral había até 60 dietas distintas a disposición dos pacientes e aquí haberá sobre 10. Para rematar, recoñece que os traballadores/as que coma ela non teñen praza fixa teñen medo de denunciar todas estas cousas, mais considera que “non podemos calar”.

Denuncia xudicial por intrusismo

O derradeiro en falar foi un celador, que o fixo en representación dos máis de 450 compañeiros/as que traballan na área sanitaria viguesa. Anunciou que o colectivo presentará denuncia nos Xulgados por intrusismo laboral porque a empresa que xestiona o novo hospital vaise facer cargo das súas funcións: traslado de pacientes e transporte interno, o que inclúe manexar documentación sensíbel como os historiais clínicos dos pacientes. Entenden tamén que isto contradí o estatuto marco.

Así, criticou que o persoal da compañía asignado a estas labores non ten a formación axeitada para este tipo de traballo e preguntouse de que xeito vai afectar estes cambio as listas de contratación dos celadores/as. Ademais, revelou que tamén está previsto que os traballadores/as desta compañía privada desenvolvan tamén estas funcións en centros totalmente públicos como o Meixoeiro.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.