1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

14403081866 81a38e06e3 zGaliza - FGI - O Foro Galego de Inmigración en relación coa celebración o venres día 18 de decembro do DÍA DE ACCIÓN GLOBAL CONTRA O RACISMO E POLOS DEREITOS DOS MIGRANTES, REFUXIADAS E DESPRAZADAS fai públicos dous Comunicados: o do propio Foro Galego de Inmigración e o que apoia a nivel estatal con máis de duascentas entidades de diferentes tipos, e que se lerá ao remate da Manifestación que ese día 18 percorrerá dende as 18:30 h as rúas de Madrid.


Foto de Fotomovimiento (CC by-nc-nd/2.0/) - Manifestaçom contra os infames Centros espanhóis de Internamento para pessoas Estrangeiras.

O Foro desenvolverá diferentes actos en Galicia: festas, charlas, encontros, para conmemorar este día, que xusto ao remate dunha Campaña electoral, que esqueceu a este colectivo, quere denunciar en primeiro lugar a exclusión electoral que sufren as persoas migrantes de forma absolutamente impresentable no Estado Español.

"TODAS SOMOS MIGRANTES E REFUXIADAS. TODAS TEMOS DEREITOS e MESMA HUMANIDADE, MESMOS DEREITOS", reivindican, e defenden e propoñen aos partidos políticos que concorren ás eleccións do día 20 de decembro, o cumprimento dos seguintes dereitos fundamentais:

- Respecto ao dereito a que cada persoa poida vivir na súa propia Terra. Por iso denuncian con forza as políticas económicas e comerciais baseadas na explotación que condenan a millóns de persoas á pobreza e a miseria. Esixen a posta en marcha de políticas que centren os seus esforzos nas causas das migracións forzadas na súa orixe.

- Respecto ao dereito á libre circulación das persoas. Así, din non a FRONTEX e os seus labores de vixilancia e represión. Denuncian a externalización da xestión das fronteiras. Esixen rutas seguras, con medidas concretas e urxentes de acceso legal e seguro ao Estado Español.

- Respecto aos dereitos humanos para as persoas migrantes residentes no Estado Español e en Galicia: Derogación da actual Lei de Estranxeiría. Proceso de Regularización para as persoas residentes sen trabas administrativas; así como que as autorizacións de residencia deixen de estar condicionadas pola necesidade de ter un contrato de traballo. Recoñecemento do dereito de voto. Restablecemento da Sanidade Pública, Gratuíta  e Universal. Derogación da Reforma laboral que precarizou aínda máis os nosos traballos.

- Respecto aos dereitos humanos para as persoas migrantes residentes no Estado Español e en Galicia. Eliminar o custoso sistema represivo vixente: Esixen a desaparición do confinamento forzoso de persoas migrantes en Ceuta e Melilla , das chamadas devolucións “en quente”. O peche dos Centros de Internamento de Estranxeiros, CIEs. E a eliminación como elementos centrais deste aparato represivo das redadas racistas e dos “voos” masivos de deportación de seres humanos que realiza a empresa Globalia, pagada polo goberno central.

- Revindican a necesidade de loitar con forza contra o fanatismo, a xenofobia, a islamofobia,  a intolerancia e a discriminación. Din así tamén NON A GUERRA E A INTERVENCIÓN MILITAR.

- Por último, a eliminación de novas trabas administrativas, fondamente discriminatorias, como os Informes de Integración, que ven de regular a Xunta de Galicia, e o novo proceso de obtención da nacionalidade, que inclúe taxas abusivas e a superación obrigatoria de unha ou dúas probas de coñecementos, para  ás que ademais resulta complicadísimo inscribirse.

 

Comunicado do FGI: Mesma humanidade mesmos dereitos

18 de decembro, día mundial das persoas migrantes

Nós, cidadás e cidadáns galegas provenientes de distintas culturas e países de todos os continentes da Terra, sentímonos agradecidos aos nosos veciños pola boa acollida que nos dan cada día. Agradecemos tamén a algúns dos nosos concello a apertura ao diálogo e a colaboración, varías das nosas cidades, son cidades libres de CIEs.

Con todo, hoxe, día mundial das persoas migrantes, temos que mencionar os dereitos de que se nos priva a moitos.

O primeiro dereito é o de vivir na propia terra. Moitos de nós vimos de países cuxa economía é arrasada por empresas multinacionais e a forma de vida tradicional fíxose inviable. Outros, vimos de países que foron considerados por outros como “áreas de interese” e fomentaron a radicalización dos conflitos até producir situacións de guerra ou de inseguridade permanente. Perdemos así o dereito a vivir en nosa propia casa.

Perdemos tamén o dereito a circular libremente. Ao noso paso interpuxéronselle leis, tratados, valos con coitelas, arames espiñentos, exércitos e policías. Como resultado, moitos tardamos anos en facer unha viaxe que se podería facer en horas. Outros faleceron no camiño, outros chegaron mutilados, moitas, foron enganadas, violadas e explotadas. Outros morreron afogados nun mar convertido en muralla e cemiterio de persoas que buscaban unha vida digna.

En moitos casos perdemos o dereito a vivir do noso traballo, a participar na vida política, a recibir asistencia médica gratuíta... a simplemente residir como cidadáns e vivir como persoas. Estamos atados por cordas que se anoan en Madrid e en Bruxelas. E somos expulsados por un carísimo aparello represivo de acoso policial con redadas racistas, detencións, centros de internamento e deportacións en voos, barcos e por terra.

E tras moitos anos de todo isto, agora vannos a facer un exame para darnos a nacionalidade...

Estamos a esperar que poidan chegar os nosos veciños que están migrando ou solicitando refuxio e están a morrer cada día.
Non deas cabida ao fanatismo e a xenofobia, non deas cabida á intolerancia e a discriminación, non nos condenes á exclusión, a sobreexplotación, a escravitude e sexual, ao temor... non nos fagas formar guetos de marxinalidade que mañá poidan dar pé a conflitos inmanexables.

Somos seres humanos e queremos vivir en paz e dar ás nosas fillas e fillos posibilidades de desenvolvemento; queremos axudar ás nosas familias que quedaron nos nosos lugares de orixe. Queremos achegar aquí o noso traballo, o noso talento, a nosa forza, o noso valor, a nosa cultura... Non queremos esquecer os nosos valores, as nosas crenzas, nin a nosa cultura; senón establecer un diálogo entre irmáns, en pé de igualdade. Queremos que os nosos fillos, nacidos aquí, sentan coruñeses de pleno dereito e non sexan mirados como diferentes, senón como veciños.

Axúdanos a defender os nosos dereitos: a migrar, a traballar, á saúde e a educación, á seguridade! Construamos entre todos unha sociedade aberta e diversa, onde ningún ser humano sexa ilegal.

Mesma humanidade, mesmos dereitos!

 

Comunicado estatal: Todas somos migrantes e refuxiadas. Todas temos dereitos

Abrir as fronteiras é o berro dos homes, mulleres, mozas, nenos e nenas abandonados na fronteira entre Grecia e Macedonia, actualmente en folga de fame. A súa protesta é o símbolo do que piden outros miles de persoas en transito detidas, en todo o mundo, en diferentes fronteiras. Tamén na Fronteira Sur do Estado Español.

Abrir as fronteiras tamén é o berro que nace a raíz do xenocidio que representan as miles de persoas que non chegaron ao seu destino. Abrir as fronteiras e acoller a quen fuxe da guerra e da miseria, na procura dun mellor futuro. É tamén unha resposta ao terror e ao medo que sementan as bombas.

Abrir as fronteiras é unha resposta que pode permitir construír unha verdadeira solidariedade entre as persoas que naceron nun determinado territorio e as que chegaron despois a vivir nel. Unha solidariedade baseada na construción de sociedades nas que existan iguais dereitos para todas.

Abrir as fronteiras é garantir os Dereitos Humanos a un e outro lado das mesmas, así como superar os enormes baleiros e deficiencias na acollida e integración social das persoas migrantes no Estado Español. É tamén evitar os discursos que incitan á hostilidade, o medo e o odio que constrúen os muros invisibles que representan o racismo, a xenofobia e a islamofobia.
Por todo isto, denunciamos ás restricións cada vez máis fondas á libre circulación de persoas, o aumento da vixilancia das fronteiras, a construción de valos e de centros de detención de persoas migrantes.

Dicimos non a FRONTEX e os seus labores de vixilancia e represión nas nosas fronteiras, pedindo a súa transformación nunha ampla operación europea de rescate e salvamento no Mediterráneo que resolva a cuestión humanitaria, rexeitando toda acción militar.

Denunciamos a externalización da xestión das nosas fronteiras a países como Marrocos e Turquía, e esiximos a suspensión dos acordos e do apoio financeiro bilateral da UE aos países que non respectan os dereitos humanos.

Esiximos a posta en marcha de políticas que centren os seus esforzos nas causas das migracións forzadas na súa orixe e non na contención e control policial e militar dos fluxos migratorios.

Esiximos rutas seguras, con medidas concretas e urxentes de acceso legal e seguro ao Estado Español, como a busca, o rescate e o tratamento das solicitudes de asilo en terceiros países, mediante a posibilidade de solicitar asilo nas embaixadas ou consulados, e a concesión de visados humanitarios de reagrupamento familiar, de estudos, de traballo e de reasentamento.

Pedimos o desenvolvemento dun Plan estatal de acollida e integración das persoas migrantes para os vindeiros anos , con competencias e finanzamento que converta ao Estado Español nun verdadeiro espazo de acollida, hospitalidade e integración.

Apostamos por un proceso de regularización sen trabas administrativas das persoas en situación de irregularidade, así como que as autorizacións de residencia deixen de estar condicionadas pola necesidade de ter un contrato de traballo.

Esiximos a desaparición do confinamento forzoso de persoas migrantes en Ceuta e Melilla e o peche dos Centros de Internamento de Estranxeiros, CIEs, onde se priva de liberdade polo feito de ser persoa migrante, así como a derogación da reforma da Lei de Seguridade Cidadá que pretende legalizar as devolucións en quente, que permite a expulsión das persoas que chegan a través de Ceuta e Melilla sen un procedemento con todas as garantías legais.

Denunciamos con forza as políticas económicas e comerciais baseadas na explotación que condean a millóns de persoas á pobreza e a miseria.

DICIMOS NON A GUERRA E A INTERVENCIÓN MILITAR. Esiximos a fin do comercio armamentístico e a reforma das políticas de exterior e de vecindade da UE para contribuír ao desenvolvemento político e económico sostible nos países de orixe.

ABRIR AS FRONTEIRAS! MIGRAR PARA VIVIR, NON PARA MORRER!


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.