1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

050715 serraGaliza - PDMM - A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitou ao Concello de Cangas a catalogación de Espazo Natural de Interese Local para a Serra da Madalena dentro da súa planificación urbanística.


Así mesmo a posta en valor do seu patrimonio natural e cultural coa creación dun roteiro de curto percorrido guiado e sinalizado, co menor impacto ambiental e custe económico, que percorra as áreas paisaxísticas e naturais e arqueolóxicas de interese. A súa conexión co GR-59 do sendeiro ecolóxico do Morrazo, na actualidade en fase de abandono.

A mellora ambiental da contorna da serra coa erradicación de vexetación alóctona e invasora e a plantación arbórea de especies autóctonas máis a conservación do monte baixo e a matogueira.

E a colaboración do Concello de Cangas co Concello de Bueu, as Consellerías de Medio Ambiente e de Cultura da Xunta de Galiza, a comunidade de montes de Darbo, a xestora pola recuperación dos montes de Aldán e a comunidade de montes de Bueu, para a súa realización.

Baseouse en que a serra da Madalena é un espazo natural que contén un alto valor paisaxístico, xeolóxico, biolóxico, social e cultural que comparte as parroquias canguesas de Darbo e Aldán máis a lindante de Bueu.

Cos altos de Fial (269 m.), Carballido (332 m.), Mesa de Montes (300m.), Outeiro Agudo (305 m.), e Liboreiro (334 m.) e as ladeiras que dan ao sur ao val do rego das Presas e ao norte ao val do rego Orxas, pasa por selo corredor ecolóxico que enlaza a través da Portela cos montes do interior da península do Morrazo (espazos naturais do Carballal de Coiro e dos Montes do Morrazo), e a través dos montes de Varalonga, cos montes do Hio e o espazo natural protexido da Costa da Vela, a carón da entrada das rías de Vigo e Pontevedra.

A nivel paisaxístico posúe unhas extraordinarias panorámicas da entrada das rías de Vigo e Pontevedra, da ría de Aldán e das illas Cíes, Ons e Sálvora, integradas no P.N.M.T. das Illas Atlánticas. Amplíanse polo norte ao Salnés e A Barbanza. E polo sur á serra da Groba, Maúxo, Alba e Galiñeiro até o Aloia, cubrindo boa parte das Rías Baixas. A nivel morracense visualízanse os espazos naturais protexidos da Costa da Vela e de Cabo Udra e o monte Borrallido, Castiñeiras, monte Sobareiro e da Cova até a illa de Tambo, no fondo da ría de Pontevedra, máis o espazo natural do Carballal de Coiro e o curuto do Monte Faro de Domaio, o segundo máis alto do Morrazo, fronte á ría de Vigo.

A nivel xeolóxico destaca por ser un pregamento conformado de granitoides hercínicos, nunha unidade intrusiva de rochas ígneas, granitos alcalinos e de dúas micas, con inclusións de cuarzos e pizarras. Sobresaen a nivel paisaxístico as penedías, con variadas morfoloxías na formación das rochas en forma de bolos, pedras cabalgadas e figuras inanimadas, máis a formación natural de pías, alveolos e cacholas ou taffoni dentro da súa estrutura litolóxica.

A nivel biolóxico posúe varios hábitats de interese comunitario (breixeiras secas europeas, breixeiras oromediterraneas endémicas con toxeira, rochedais silíceos con vexetación pioneira do Sedo-scleranthion ou do Sedo albi-Veronicion dillenii) máis áreas con vexetación potencial de carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica e de bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior. Dentro deles cohabita unha importante fauna e flora salvaxe, en especial de espazos abertos, con especies endémicas a nivel ibérico e incluidas dentro da Directiva Hábitats e Aves a nivel europeo.

A nivel cultural contén os xacementos arqueolóxicos do petróglifo da Idade do Bronce de Pinal do Rei, o asentamento castrexo, romano e medieval do monte Liboreiro, asentamento e petróglifo da Idade do Bronce do monte da Vixía e o asentamento do Calcolítico de Mesa de Montes, aos que se lle engade na proximidade o petróglifo da Idade do Bronce das Abelaires, o asentamento castrexo, romano e medieval e petróglifos do monte Castelo, e o petróglifo da Idade do Bronce de Laxe da Chan (o úneco posto en valor na actualidade).

A nivel social e económico destaca como fonte de recursos naturais a nivel forestal, agrogandeiro e recreativo.

Dende principios da década pasada a serra é atravesada por pistas e camiños polo GR-59 do Sendeiro Ecolóxico do Morrazo.

E denuncia que nas últimas décadas o espazo natural viuse e está verse afectado por distintas problemáticas:

A intensa eucaliptización e a introducción da Acacia melanoxylon e da Acacia mearnsii que, por ser especies alóctonas e invasoras, están mermar de xeito alarmante a biodiversidade natural existente. E por engadido ao ser pirófitas, implican tamén un elevado risco de propagación de incendios forestais, como ten sucedido no pasado.

A xestión mecanizada das cortas de arborado, como está suceder na actualidade coas cortas de piñeiro, supoñen un elevado e irreversible impacto coa ampliación de pistas e viais de nova construcción cunha grande erosión no terreo, onde a explanación de ditas pistas, ademais de implicar grandes movementos de terras, é sobre recheos onde se chegan a verter e soterrar entullos e lixo.

A instalación dunha antena reemisora de telecomunicacións en Mesa de Montes, a inicios da década dos noventa, supuxo un elevado impacto paisaxístico e cultural ao que se lle engade o de polución electromagnética, co incremento de aparatos reemisores nos últimos anos.

A construcción dos centros educativos dos IES María Soliño e Monte Carrasco, Juan XXIII, do campo de futbol no Monte Carrasco, e dun circuito privado de motos, supuxeron outra forte presión ambiental.

Outras foron vertidos en desnivel de grandes cantidades de terras, lixo e entullos durante anos por parte de empresas privadas e do propio Concello de Cangas, que alén de provocar un grande impacto ambiental e paisaxístico, trouxeron de seu o espallamento de plantas invasoras (herba da pampa, cana, ricino,...).

E a afección da contorna e mesmo área integral de protección de xacementos arqueolóxicos con verteduras de terras, entullos, lixo, vexetación invasora,... malia estar inventariados e mesmo catalogados parte deles como Ben de Interese Cultural de Galiza.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.